Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Estripeiro

especie de planta

O estripeiro[1][2] (Crataegus monogyna), é unha especie de arbusto ou arboriña fanerógama pertencente á familia das rosáceas. É unha arboriña espiñenta común nas fragas de Galiza, abundando en toda a Europa atlántica. Recibe tamén os nomes vulgares de estripo[3][4], escambrón[5][6], espiño albar[7] ou espiño branco.

Póla de estripeiro con follas e típicos froitos

Etimoloxía

editar

Crataegus provén do grego kratos e significa 'forte', probabelmente facendo referencia á súa madeira. Monogyna, de mono 'un' e gynos 'pistilo', referíndose a que ten un único estilo en cada flor.

Descrición

editar

É unha árbore de catro a seis metros de altura, con ramas espiñentas, follas lampiñas e aserradas, caducas, flores brancas, olorosas e en corimbo, e froito ovoide, revestido de pel tenra e avermellada que encerra unha polpa doce e unha única semente, de aí o seu nome, aparecendo raras veces dúas.

Poden ser arbustos ou pequenos árbores de 5–14 m de altura, cunha densa coroa. A casca é grosa e parda con gretas verticais laranxa. Os talos máis novos teñen espiñas romas, de 1 a 1,5 cm de longo. Follas de 2–4 cm de longo, obovadas e profundamente lobuladas, ás veces case até o centro, cos lóbulos abertos nun amplo ángulo. A face superior é verde negrexo e pálido na cara anversa.

 
Flores do estripeiro.

As flores emíteas a fins de primavera (maio a xuño na súa área nativa) en corimbos de 5-25 xuntas; cada flor de preto de 1 cm de diámetro, con cinco pétalos brancos, numerosos estames vermellos, e un singular estilo; son moderadamente fragrantes. Tarde na estación dá numerosas froitas pequenas, ovais, vermello escuras de preto de 1 cm de lonxitude, tipo cereixa, pero estruturalmente un pomo contendo unha soa semente. As froitas son importantes para a vida silvestre no inverno, particularmente aves que as comen e dispérsanas nas súas deposicións.

Distínguese do seu parente menos expandido Crataegus laevigata nas súas follas profundamente lobuladas e desprendibles, e nas flores cun só estilo, non dous nin tres. Con todo son interfértiles e a hibridación é frecuente; só distinguibles nas súas típicas formas. No sur da Península Ibérica aparece a variedade Crataegus monogyna subsp. brevispina.

Plántase como sebe, especialmente para uso agrícola. As súas espiñas e ramaxe pechado convérteno nunha boa barreira para encerrar gando e impedir o paso de persoas. En Galiza empregábase para enxertar outras rosáceas (froiteiras). Hai varios híbridos, algúns como arbustos de xardín. O híbrido máis usado é Crataegus × macrocarpa (C. monogyna × C. laevigata; sen. C. × media), do cal se coñecen varios cultivares, incluíndo o moi popular 'Paul's Scarlet' con dobres flores rosa escuras. Outro arbusto de xardín que involucraría ó Crataegus común, son Crataegus heterophylla do Cáucaso, que é raro en parques e xardíns.

Polo que se refire ó seu uso medicinal, os ingredientes activos das súas flores son: taninos, flavonoides, aceites esenciais, triterpenos e derivados de purinas. Os dos seus froitos: taninos, flavonoides, pigmentos e vitaminas. Unha infusión de Crataegus úsase para tratar varios problemas de corazón e circulatorios e como soporte de terapia con Digitalis. As follas novas son boas en ensaladas. E a froita serve para facer viño, marmeladas e agregar sabor ó brandy.

Etnografía

editar

En inglés, o dito que lembra a conveniencia de manter roupa de abrigo até avanzada a primavera (ne'er cast a clout 'til may is out) non se refire á fin do mes de maio, senón ao florecemento do estripeiro ('may').

No folclore celta-gaélico, o estripeiro (en gaélico, Sgitheach) marca a entrada do Outro Mundo e se asocia coas fadas.[8] É moi desafortunado cortar a árbore agás que estea agromando, cando é decorada como o "Arbusto May" (ver Beltane).[9] Estas arboriñas atópanse nas áreas de peregrinación místicas célticas; son arbustos sagrados coñecidos coma 'rag trees', literalmente árbores de farrapos, polas tiras de roupa tendidas sobre elas como parte de rituais sagrados, como ocorre en Santo André de Teixido.[10]

Nome común

editar

Silvo, silva garvanceira, raspiñeiro, pereira brava branca, estripo, estripieiro, estripeiro branco, estripeiro, esterpe, espiño negro, espiño mouro, espiño de maceira, espiño bravo, espiño branco, espiño branco, espiño, espiñeiro, espino, espín, espieiro, espicho, escramboeiro, escarambón manso, escarambón, escambruñeiro bravo, escambrón bravo, escambrón, escallo, escalleiro e escalambrón.[11]

Galería de imaxes

editar
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para estripeiro.
  2. Nome vulgar galego preferido en Os cultivos agrícolas en Vocabulario do medio agrícola, Santiago de Compostela, Dirección Xeral de Política Lingüística, 1988; Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, Universidade, 2004; Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009; no "Vocabulario forestal", Universidade de Santiago de Compostela, 2012; e no DRAG.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para estripo.
  4. VV. AA. (2012): Vocabulario forestal, pax. 101. Universidade de Santiago de Compostela/Deputación de Lugo. ISBN 978-84-9887-920-9
  5. VV. AA. (2012): Vocabulario forestal, pax. 93. Universidade de Santiago de Compostela/Deputación de Lugo. ISBN 978-84-9887-920-9
  6. Cómpre ter en conta que o nome de escambrón emprégase polo contrario no DRAG como sinónimo do abruñeiro
  7. VV. AA. (2012): Vocabulario forestal, pax. 98. Universidade de Santiago de Compostela/Deputación de Lugo. ISBN 978-84-9887-920-9
  8. Campbell, John Gregorson (1900, 1902, 2005) The Gaelic Otherworld. Ed. Ronald Black. Edinburgh, Birlinn Ltd. ISBN 1-84158-207-7 p.345
  9. Danaher, Kevin (1972) The Year in Ireland: Irish Calendar Customs Dublin, Mercier. ISBN 1-85635-093-2 pp.86-127
  10. Healy, Elizabeth (2002) In Search of Ireland's Holy Wells. Dublin, Wolfhound Press ISBN 0-86327-865-5 pp. 56-7, 69, 81
  11. "Escambrón, estripo (Crataegus monogyna Jacg.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 29 de outubro de 2016. 

Véxase tamén

editar