Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Antropoloxía filosófica

A antropoloxía filosófica é a parte da filosofía que ten como obxecto de estudo o ser humano (anthropos, en Grego). Como xa apuntou Kant, as cuestións fundamentais da filosofía pódense reunir todas baixo a pregunta: Que é o ser humano? En consecuencia, a antropoloxía filosófica é unha disciplina na que o ser humano reflexiona sobre si mesmo tratando de determinar a súa esencia. Esta constitúe unha estrutura común a todos os humanos, homes e mulleres, con independencia do contorno social e cultural no que vivan. Diferenciase doutras disciplinas que tamén teñen por obxecto de estudo ó ser humano, como poden son a psicoloxía, paleoantropoloxía, antropoloxía cultural e socioloxía. Mentres estas últimas só queren coñecer ó ser humano baixo un determinado aspecto (psicolóxico, anatómico, biolóxico, cultural ou social) a antropoloxía filosófica interésase por comprender ó ser humano no seu conxunto.

As preguntas da antropoloxía filosófica

editar

Tradicionalmente tense definido ó ser humano como animal rationale. Polo tanto, a racionalidade sería a característica determinante da condición humana. En torno ás implicacións filosóficas do plano racional do ser humano xorden os problemas específicos da antropoloxía filosófica: ¿pódese explicar a racionalidade ou pensamento exclusivamente en termos biolóxicos? ¿designa a racionalidade unha dimensión espiritual? ¿sobrevive o espírito á morte do corpo? ¿en tanto que seres espirituais estamos dotados de liberdade? etc.

No século XX o existencialismo introduciu no ámbito da reflexión antropolóxica certos temas vivenciais, relacionados coa dimensión sentimental e pasional da vida humana, que as antropoloxías clásicas deixaran de lado: a angustia, o sufrimento, a morte, o sentido da vida humana etc. Así mesmo, xunto co existencialismo, aparecen tamén outras tendencias fenomenolóxicas e personalistas que poñen de relevo o concepto de “persoa”, entendendo por esta un ser cun valor e dignidade propias. Así, o ser humano é o portador e realizador de valores, fundamentalmente vitais, éticos e relixiosos: vida, saúde, amizade, liberdade, transcencendencia etc. A través destes configúrase a idea de que o ser humano non soamente necesita vivir, senón que ademais necesita vivir ben, con dignidade. Deste xeito supera a mera condición animal abríndose así cara a transcendencia.

Fronte a estas tendencias, debedoras dun ideal relixioso, hai tamén outras orientacións de carácter materialista e cientificista que se propoñen explicar ó ser humano só desde o ámbito das ciencias particulares ( bioloxía, psicoloxía, socioloxía etc.). Nestas posturas prescíndese da suposta dimensión espiritual humana independente do corpo e suxeita a leis propias. De todas formas, o ser humano segue a ser un enigma, quizais irresoluble.