Avelino Pousa Antelo
Avelino Pousa Antelo, nado en Arzón[1] (A Baña) o 14 de maio de 1914 e finado en Teo o 20 de agosto de 2012,[2] foi un mestre, agrarista, político e escritor galego e mailo presidente da Fundación Castelao no momento de morrer.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de maio de 1914 Arzón, España |
Morte | 20 de agosto de 2012 (98 anos) Teo, España |
Educación | Escola Normal de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | escritor, político, catedrático |
Premios | |
| |
Traxectoria
editarNaceu na aldea da súa nai, namentres que seu pai, comerciante itinerante, procedía do Carballiño. Estudou no seminario de Santiago de Compostela cinco anos[3]. Pousa Antelo asistiu o 10 de maio de 1931 ao mitin de promoción galega que se realizou no Teatro Principal de Santiago e no que participaron os principais líderes galeguistas, segundo as súas propias declaracións[4] ese feito, e en especial o discurso de Castelao, marcouno politicamente, achegándose ao galeguismo. Tras saír do seminario ingresou na Escola Normal de Santiago de Compostela para realizar estudos de maxisterio, ao tempo que militaba nas Mocedades Galeguistas e comezaba a escribir os seus primeiros artigos para La Voz de Barcala.
Guerra e posguerra
editarEn 1936 aprobou as oposicións de maxisterio pero a guerra civil impediulle que collese praza ao anular o réxime franquista as oposicións. Estudou na Misión Biolóxica de Galicia e desde 1948 dirixiu a Escola Agrícola de Granxa de Barreiros, fundada por Antonio Fernández López, na que se organizaba cursiños de formación agropecuaria para mestres do rural. Entre 1955 e 1960 foi mestre e Técnico Agrícola do Laboratorio do Cabido Insular na Orotava en Tenerife[5]. En 1960 traballou brevemente en Galicia para unha empresa de semente ata que obtivo un traballo en Zaragoza como director dunha empresa cooperativa gandeira. En 1970 volve a Galicia como mestre en Pontecesures. Coa caída de Franco, Pousa Antelo sumouse ás iniciativas para revivir o vello Partido Galeguista, e en 1978, xunto con Xosé Manteiga Pedrares e outros intelectuais, participou na constitución do novo Partido Galeguista do que foi elixido secretario xeral e pouco despois presidente ata 1983. Participou na constitución e foi un dos principais artífices do Padroádego do Pedrón de Ouro[6].
Recoñecementos
editarEn 1963 obtén o Premio Xornalístico Ramón Mourente de temas agrarios. Un ano máis tarde, o premio "Luís Sánchez Harguindey", tamén de temas agrarios. A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias outórgalle en 1998 a Insignia de Ouro e Esmalte da Unión de Cooperativas. Foi nomeado Padriño de Honra da primeira promoción de diplomados da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago (1999) e da promoción de 2002 da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense (UVI). En 2000, a Universidade Compostelá outorgoulle a súa Insignia de Ouro. No 2010 obtivo o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda.
En 1997 recibe o Premio San Martiño de nomalización lingüística do Concello da Estrada.
Obra en galego
editarEnsaio
editar- Temas de agricultura , Lugo, edición do autor, 1951.
- Estudo dunha cooperativa de explotación comunitaria para unha parroquial rural galega, Vigo, Galaxia, 1968.
- ¿Valen ou non as cooperativas de esplotación comunitaria para o campo galego?, Vigo, Galaxia, 1971.
- Reforma das estruturas agrarias de Galicia, A Coruña, Cámara de Comercio, 1973.
- A escola agrícola da granxa Barreiros, Sada, Ediciós do Castro, 1988.
- Fiestra, Santiago de Compostela, Biblioteca 114, Editorial Compostela, 1992.
- Galicia, tarefa urxente, Barcelona, Sotelo Blanco, 1992.
- O entroido en Perruscallos, Silleda, 2002.
Literatura infanto-xuvenil
editar- O entroido en Perruscallos, A Estrada, Fervenza, 2002.
Conversas
editar- Conversas con Avelino Pousa Antelo: memorias dun galego inconformista, con X. Amancio Liñares Giraut, Sada, Ediciós do Castro, 1991.
Obras colectivas
editar- IV Forxa literaria: encontros culturais no rural, Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño, 1999.
- Antonio Fernández López: empresario, reformador e filántropo, Vigo, Ir Indo, 2001. Con Valentín Arias.
- Un futuro para a lingua, Santiago, Xunta de Galicia, 2002.
- Xela Arias, quedas en nós, Vigo, Xerais, 2004.
- Escrita Contemporánea, Homenaxe a Ánxel Casal, Asociación de Escritores en Lingua Galega, 2005.
- Guerra Civil e Literatura Galega (1936-1939), Xerais, 2006.
Obra en castelán
editarEnsaio
editar- Temas de agricultura: contestaciones al cuestionario escolar, Lugo, La Voz de la Verdad.
Notas
editar- ↑ Luis Angel Sabariz Rolán (20 de novembro de 2007). "Por Castelao fíxenme galeguista de por vida". Pontecesures.net.
- ↑ "Falece Avelino Pousa Antelo, memoria e dignidade do galeguismo". Praza Pública. 20 de agosto de 2012.
- ↑ "Avelino Pousa Antelo en GaliciaAberta". emigracion.xunta.gal. Consultado o 2020-01-12.
- ↑ Discurso de Pousa Antela no acto de imposición da Insignia de Ouro da USC
- ↑ Ficha de Pousa Antelo na Biblioteca Virtual Galega.
- ↑ Diccionario da Literatura Galega, vol. I, páx. 483, Vigo, 1995
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Avelino Pousa Antelo |
Bibliografía
editar- Arias, Valentín (2004). Avelino Pousa Antelo. Galeguista, docente, cooperativista, escritor, político e animador cultural. Vigo: Ir Indo.