Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Castelo (fortificación)

fortificación permanente medieval, xeralmente erguido en posición dominante no terreo, próximo das vías de comunicación

Un castelo (diminutivo de castro) é un tipo de fortificación permanente medieval, xeralmente erguido en posición dominante no terreo, próximo das vías de comunicación, o que facilitaba o avistamento das tropas inimigas a gran distancia.

Castelo de Almourol (Portugal) visto dende as augas do río Texo.

Pódese afirmar que un castelo é a estrutura máis emblemática da Idade Media, pois coa localización das estruturas castelares ao longo da súa propia evolución, posuímos datos para estabelecer toda unha perspectiva administrativa e habitacional dun territorio.

Na Idade Media dicíase facer vila para o acto de cercar de murallas unha poboación; aínda hoxe, en Castelo de Vide, distínguense a vila da aldea polo sitio da antiga muralla. Hai en Portugal un castelo no centro da poboación, o Castelo de Évora Monte, mais a súa construción efectuouse en tempo de paz, e dous séculos despois da muralla. A organización defensiva do castelo era semellante á da vila e tiña poder sobre ela debido á posición máis alta e ás murallas máis fortes.

Elementos dun castelo

editar
 
Patio e torre do castelo de Prunn, Baviera

A muralla

editar

O castelo compúñase dun patio central, onde se recollían os refuxiados da vila, e era rodeado polas casas da guarnición, encostadas ás murallas, de onde recibían luz a través de aberturas estreitas, as seteiras ou troneiras. Na parte superior da muralla corría o adarve ou camiño da rolda, isto é, un camiño que a percorre na parte superior defendido por un muro con ameas, cuxa largura variaba entre 1 a 4 metros. O castelo, en principio, tiña só dúas portas: unha para a poboación (porta da vila); a outra, para o terreo exterior. A poboación da vila concorría para a defensa das murallas, en caso de ataque, e a guarnición prestaba servizo permanente. Cando en tempos máis modernos a poboación creceu para fóra das murallas pasou a chamarse castelo toda a cerca da antiga vila.

A torre da homenaxe

editar

A torre da homenaxe é a torre principal, a que serve de residencia do señor e cumpre coas funcións máis destacadas do castelo, albergando as estancias principais e, ás veces, os almacéns de víveres. Está situada na posición máis abrigada en relación cun posíbel ataque exterior, de forma que se se pasasen o resto das defensas, esta torre proporcionase un último refuxio.

O patio de armas

editar

Constitúe un espazo central que nalgúns casos recorda os claustros monásticos. Ao redor do patio distribúense determinadas estancias, como a capela (cando a hai), a sala de recepcións, as naves para acuartelamento da tropa etc. A entrada ao castelo prodúcese a través do patio de armas; desde este accedese ao resto das dependencias.

Os castelos na Península Ibérica

editar
 
Castelo de Cardona, Barcelona

Na Península Ibérica diversos castelos están erguidos sobre os vestixios de castros prerromanos, en lugares sucesivamente ocupados até a época da invasión islámica. Cando a Reconquista cristiá, aproveitáronse moitas desas fortificacións, que se alargaron e reforzaron: aí residía unha poboación escasa, habitando a restante nos campos veciños e só recolléndose no castelo no caso de ataque. O castelo constituíase na sede dun xulgado e gozaba de certos privilexios.

Os oito séculos que durou a «Reconquista» (711-1492) levada a cabo polos reinos cristiáns do norte para recuperar as terras sometidas polos musulmáns mantiveron a Península Ibérica en permanente estado de guerra. Se ademais consideramos as tensións internas entre a nobreza e a monarquía, frecuentes durante a Baixa Idade Media e o Renacemento, que derivaron ás veces en auténtica guerra civil, compréndese facilmente o papel que tiveron os castelos e o motivo da súa abundancia en España.

A maior concentración de castelos prodúcese en Castela, que por esta circunstancia debe precisamente o seu nome. No ano 800, primeiro momento no que aparece na historia a denominación de Castela, as terras que algo máis dun século despois se unificarían no condado dese nome estaban salpicadas de castelos para a defensa do reino de León na súa fronteira co islam. A medida que esa fronteira se foi desprazando contra o sur, e mentres o reino de Aragón se comprometeu tamén na empresa da reconquista, foise creando ao ancho de toda a península unha fronte abundante de fortificacións. Os árabes tamén construíron as súas propias obras de defensa, o que contribuíu ao número e variedade de castelos que podemos encontrar pola Península Ibérica.

 
Castelo de Turégano (Segovia)

A estrutura arquitectónica do castelo sofre unha mutación ao longo dos tempos. A mediados do século XIV asistimos a unha difusión excesiva por parte de exércitos belixerantes de armas de fogo, tornándose necesario efectuar modificacións nos castelos.

Os castelos en Galicia

editar
Artigo principal: Castelos de Galicia.

A comezos da Idade Media coa caída do Imperio Romano xorde a inestabilidade política que xunto coa crise económica e as invasións bárbaras comeza a desintegración social. Coa privatización da administración imperial nas mans dos terratenentes estes comezan a facerse donos dos territorios e ante o abandono da defensa dos territorios por parte dos legados comezan a reutilizar os castros[1], xa que grazas á súa altura e murallas serven de defensas ante as hordas bárbaras. Por isto, algúns destes castros e alturas penedías comezan a ser fortificadas con muros e algunha torre.

En certos lugares comezan a amurallarse lugares altos, como o Monte Aloia para salvagardar gran número de poboación, segundo avanza o tempo os castelos acabarán converténdose en fortalezas só de carácter militar e o seu tamaño diminúe chegando a ter a fasquía que hoxe teñen, unha torre de homenaxe en torno á cal se alzan as murallas con torres máis pequenas, xurdindo incluso "minicastelos"[2] formados por unha soa torre con murallas arredor (como o castelo de Cans, O Porriño) pertencentes a pequenos señores feudais en contraste con outras fortalezas de señores máis poderosos que protexen vilas e cidades, tanto dentro da propia vila (castelo de Ribadavia) como no exterior (Castelo da Rocha Forte en Compostela e Castelo Ramiro en Ourense). A finais da Idade Media a documentación medieval fala sobre a grande abundancia de fortalezas que había no Reino de Galicia onde a aristocracia alberga gran número de persoal militar que ante a falla provocada pola crise baixomedieval comeza a atacar a poboación local[3], de tal forma que provocaron a Revolta irmandiña (que derruba bastantes castelos en todo o reino) e a guerra civil nobiliaria, que xunto coa guerra civil castelá entre os Reis Católicos e os lexitimistas enriqueños acabaría provocando que, ante a derrota destes últimos, acabarían ordenando o desmochamiento( diminuír o tamaño das torres) e destrución de moitas fortalezas.

No comezo da Idade Moderna a nobreza comeza a abandonar os seus castelos indo vivir á corte a Madrid[4] chamados polos reis. Ademais deste motivo e das modas os castelos comezan a ser abandonados polo seu desfasamento tecnolóxico, xa que un castelo perde o seu sentido ante o xurdimento das armas de fogo en artillaría. Así a maioría de castelos acaban sendo deshabitados e a súa pedra reutilizada noutras construcións mentres os seus donos constrúen os pazos; a pesar diso moitos castelos conseguiron chegar ata o século XIX, no que o romanticismo os volveu prestixiar logrando que algúns aristócratas restaurasen os seus castelos e mesmo os rehabilitasen , como o caso do Castelo de Soutomaior. Esta moda chegou ata principios do século XX e algúns caciques mesmo chegan a mercar e restaurar castelos, caso do Castelo de Sobroso, pero non sería ata mediados do século XX que o estado comezou a preocuparse por estas fortalezas catalogándoas como BIC e restaurando algúns deles. Nos anos 90 o Estatuto de Autonomía fai que esta competencia vaia ás mans da Xunta de Galicia que cataloga as fortalezas e así os concellos comezan a restaurar os seus castelos, mercando algúns deles e converténdoos en monumentos e incluso museos.

  1. "A cultura castrexa" Francisco Calo Lourido ed. A Nosa Terra, 1997
  2. "Fortalezas y castillos de la provincia de Pontevedra" Álvarez Rodríguez, R. ed. Sotelo Branco, 1999
  3. "Os Irmandiños" Varios autores. Ed. A Nosa Terra, 1998
  4. "Ancient Régime costums" Gibbons Takvov, D., ed Penguin Books 1989

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar