Corpúsculo de Krause
Os corpúsculos de Krause son termorreceoptores de forma bulbosa encapsulados da pel, que se pensa son os encargados de rexistrar a sensación de frío. A sensibilidade é variable segundo a rexión da pel que se considere. Porén, a súa función na actualidade non está definida con claridade.[1]
Son corpúsculos táctiles localizados no nivel profundo do hipoderma da pel, parecidos aos corpúsculos de Pacini, pero máis pequenos (50 micrómetros) e simplificados. Encóntranse no tecido submucoso da boca, o nariz, ollos, xenitais etc. dos cales hai uns 260.000 estendidos por todo o corpo.
Reciben este nome polo seu descubridor o anatomista alemán Wilhelm Krause (1833-1910).[2]
Estrutura
editarSon pequenos corpos cilíndricos ou ovais, consistentes nunha cápsula formada por unha expansión do tecido conectivo, e conteñen unha parte central semifluída na cal o axón termina nunha extremidaded bulbosa ou nunha masa enroloada plexiforme.
Localización
editarEstes bulbos terminais atópanse na conxuntiva do ollo humano (onde son esferoidais, pero son cilíndricos na maioría dos animais), nas membranas mucosas dos beizos e a lingua, e no epineuro dos troncos nerviosos.
Corpos bulbosos parecidos atópanse no pene e clítoris, onde reciben o nome de corpúsculos xenitais. Estes corpos teñen forma do froito da moreira, e conteñen septos de tecido conectivo formando de dúas a seis masas.
Nas membranas sinoviais de certas articulacións, como as dos dedos, existen bulbos similares ovais, que se denominan terminacións bulbosas articulares.