Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Creonte

rei de Tebas na mitoloxía grega

Creonte, fillo de Meneceo, foi un rei de Tebas, trono ó que ascendeu cando Edipo matou o rei Laio, o seu pai.

Na guerra dos Sete contra Tebas, Capaneo escala os muros de Tebas para matar a Creonte, que mira desde as ameas (ánfora de figuras vermellas, c. 340 a.C., Vila Getty, California)

Nesa altura, Hera castigara á cidade de Tebas mandando contra ela a Esfinxe, un mostro feminino con corpo de león, rostro de muller e ás de ave de rapina. A Esfinxe agochábase no monte Ficio, ó oeste de Tebas, e acosaba ós camiñantes: propoñíalles un enigma e, como non eran quen de atopar a solución, devorábaos. Unha das vítimas da esfinxe foi o propio fillo de Creonte, Hemón [1].

Para librarse da Esfinxe, Creonte prometeu o trono da cidade e a man da viúva do rei anterior, Iocasta (e á vez, irmá de Creonte), a quen lograra matala. E a tal fin presentouse Edipo. A Esfinxe propúxolle a seguinte adiviña: "¿Quen é o ser que cunha soa voz, anda a catro patas, logo con dúas e logo con tres?" [2], e Edipo deu coa resposta correcta: o home, que gatea cando é neno, camiña cando é adulto e de vello apóiase nun bastón. Desesperada porque lle deran coa resposta, a Esfinxe suicidouse.

Creonte cumpriu a súa promesa: cedeu a Edipo o trono de Tebas e casouno con Iocasta, coa que tivo dous fillos, Eteocles e Polinices, e dúas fillas, Ismene e Antígona. Nese momento, ninguén sabía que Iocasta era, en realidade, a nai de Edipo. Por cousa deste acto de incesto, unha peste caeu sobre Tebas e foise consultar a causa e a solución ó Oráculo de Delfos [3]. A Pitia revelou que todo se debía a que Edipo matara ó seu pai, Laio, e casara coa súa nai, Iocasta, e que debía desterrarse. Edipo sacouse os ollos e exiliouse, Iocasta enforcouse e Creonte recuperou o trono de Tebas [4].

Guerra contra Tebas

editar

Pero co tempo, Eteocles e Polinices ascenderon ó trono, e o primeiro terminou expulsando da cidade ó segundo. Polinices refuxiouse en Argos, onde reinaba o rei Adrasto. Este casouno coa súa filla máis vella, Arxía (ou Exialea), e prometeulle que o restauraría no trono, dando comezo á sonada guerra dos Sete contra Tebas, onde morreron todos menos o propio Adrasto [5].

 
Os tebanos desenterran a Polinices, a quen Antígona dera sepultura desobedecendo as ordes de Creonte

Nesta guerra contra Tebas, o oráculo esixiu a Creonte sacrificar ó seu propio fillo, Megareo (ou Meneceo), se quería salvar a cidade. Creonte sacrificouno a Ares e así logrou a vitoria sobre os atacantes. Segundo Pseudo-Apolodoro, Meneceo ofreceuse voluntariamente ó sacrificio.

"Cando os tebanos lle consultaron [a Tiresias] sobre o futuro dixo que vencerían se Meneceo, o fillo de Creonte, se ofrecía a si mesmo como vítima dun sacrificio en honor a Ares. Cando o escoitou, Meneceo degolouse ante as portas".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 6, 7)

Cando só quedaban vivos tres dos sete paladíns (Polinices, Anfiarao e Adrasto), Polinices propuxo unha loita a morte entre el e Eteocles, que seguía en Tebas. O resultado deste combate foi que se mataron un ó outro. Creonte prohibiu dar sepultura a Polinices por traizoar á súa patria, como castigo por haber guerreado contra a súa patria [6], pero a irmá deste, Antígona, deulle os ritos fúnebres debidos e enterrouno. Ante este acto de desobediencia, Creonte ordenou que a sepultaran viva e Antígona suicidouse; outra tradición engade que Hemón, namorado dela, matouna e logo suicidouse [7], así como Eurídice, a esposa de Creonte [8].

Noutra versión do mito, Creonte prohibira enterrar os inimigos mortos e cando o soubo Adrasto, que xa fuxira ó lombo do seu cabalo alado Arión, pediu a Teseo que castigara a impiedade de Creonte. Teseo acudiu a Tebas, conquistou a cidade e encarcerou a Creonte, devolvendo os cadáveres ás súas familias para que os incineraran na pira ritual. O episodio de Antígona tería ocorrido con anterioridade [9].

Outros feitos no reinado de Creonte

editar

Creonte purificou a Anfitrión cando este matou accidentalmente ó seu sogro Electrión, rei de Micenas. O irmán deste, Esténelo, expulsou a Anfitrión e este foi parar a Tebas. Anfitrión era o pai humano de Heracles, fillo realmente de Zeus.

Reinando Creonte en Tebas ocorreu un episodio protagonizado por Heracles. Cando regresaba a Tebas despois de matar ó león de Citerón, atopouse cos soldados do rei Erxino, de Orcómeno, que viñan cobrar o tributo que anualmente tiñan que pagar os cidadáns de Tebas ós de Orcómeno, consistente en cen bois durante vinte anos. Heracles enfrontouse a eles e cortoulles o nariz e as orellas, e con elas colgando do pescozo mandounos de volta xunto a Erxino que, loxicamente irritado, atacou Tebas. Heracles armou e encabezou o exército tebano, vestido cunha armadura que lle dera Atenea e, aínda que resultou vitorioso e puido dar morte a Erxino, o seu pai, Anfitrión, morreu na loita. Segundo outra lenda, Erxino sobreviviu pero tivo que aceptar ter que satisfacer a Tebas un tributo de 200 bois anuais.

Como agradecemento, Creonte deulle a Heracles a man de Mégara (Megara ou Megera), a súa filla máis vella.

Existe outra lenda segundo a cal Lico, un fillo de Poseidón, atacou Tebas e matou a Creonte, usurpando o trono. Pensando que Heracles estaba morto, aínda que realmente nese tempo estaba servindo de escravo a Ónfale, Lico intentou seducir a Mégara. Esta negouse e Lico, enfurecido, quixo matala, xunto ós seus fillos, pero nese momento regresou Heracles e matou a Lico. Foi entón cando Hera o volveu louco e acabou matando el mesmo á muller e ós fillos [10].

  1. Pseudo-Apolodoro III, 5, 8.
  2. Tamén se formula así: "¿Que é o que ten catro patas pola mañá, dúas a mediodía e tres pola noite?".
  3. Ou ben ó adiviño Tiresias.
  4. Graves recolle outra posible razón pola que Creonte expulsou a Edipo: pola insolencia de ofrecerlle os cuartos traseiros dun animal sacrificado, en lugar do cuarto dianteiro, que era o que lle correspondía como rei (Graves, px. 408).
  5. Nunha segunda expedición, dez anos despois, os fillos daqueles sete paladíns (os chamados Epígonos) lograron tomar Tebas e colocar no trono a un fillo de Polinices.
  6. Lémbrese que Polinices era fillo de Edipo, rei daquela en Tebas, e polo tanto era tebano.
  7. Evidentemente, esta versión contradí aquela que conta que Hemón fora devorado pola Esfinxe.
  8. Sófocles escribiu unha traxedia sobre estes feitos, co título de Antígona, na que enfronta o deber á familia e o respecto ás normas relixiosas, representado pola actitude de Antígona, contra o deber de obediencia ó rei e o cumprimento das leis civís, representado pola intransixencia e crueldade de Creonte.
  9. Graves, px. 415.
  10. Graves, px. 568.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar