Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Cuncha

estrutura dura, de natureza calcárea, que cobre externamente o corpo dos moluscos

A cuncha é unha estrutura dura, de natureza calcárea, que cobre externamente o corpo dos moluscos para protexelo dos predadores e servir de elemento de inserción dos músculos e órganos internos. Constitúe, nestes animais, o exoesqueleto ou esqueleto externo propio dos animais invertebrados. Noutros casos, coma nos crustáceos, fálase de casca.

Adopta formas e características moi variables segundo o grupo ó que pertenzan na clasificación taxonómica e, nalgún caso, é interna ou chega a faltar. Pode estar formada por unha peza única ou por dúas ou máis pezas, móbiles entre si, chamadas valvas.

A cuncha é segregada polo manto, tegumento que recobre a masa visceral.

Cuncha de mexillón (Mytilus galloprovincialis)

Clasificación dos moluscos segundo a cuncha

editar
 
Cunchas de distintas especies de moluscos bivalvos.

O filo Mollusca clasifícase en oito clases baséandose na disposición dos distintos órganos (especialmente o ) e a forma da cuncha:

Composición

editar

Desde un punto de vista químico, a cuncha dos moluscos está formada por unha matriz orgánica fundamentalmente proteica, constituída por conquiolina, conchiolina ou conchina (unha escleroproteína), na que se depositan sales minerais, concretamente carbonato cálcico (CaCO3).

A conquiolina está relacionada coa quitina da casca dos insectos e crustáceos pero non son a mesma cousa. A súa función é servir de base para o depósito de sales minerais de carbonato cálcico.

O carbonato cálcico cristaliza na cuncha en forma de aragonita e tamén, nas capas máis internas, en forma de calcita, e faino en prismas perpendiculares ou lonxitudinais. Tamén poden atoparse outras sales minerais, en cantidades moito máis reducidas, como carbonatos, fosfatos e silicatos de magnesio.

A distinta disposición dos dous compoñentes é o que explica as grandes variacións nas formas e relevos das diferentes especies. O material orgánico pode chegar a representar un terzo do peso seco da cuncha.

Estrutura

editar
 
Nassarius reticulatus, presente nas costas galegas

A estrutura típica da cuncha dos moluscos consta de tres capas:

  • A capa externa clámase periostraco (do grego peri =ó redor, e ostrakon= casco). Está constituída exclusivamente por conquiolina, segregada polo pregue do bordo do manto. Disponse a modo de membrana sobre o resto da cuncha e cae con facilidade ó morrer o animal e secarse a cuncha. Normalmente é transparente ou de cor marrón, sen brillo. Cumpre unha función protectora da cuncha evitando a disolución do carbonato na auga e tamén serve para evitar ou dificultar a fixación doutros organismos acuáticos sobre o molusco. Nos moluscos mariños é moi fina pero nos de auga doce é grosa como protección contra os restos vexetais en putrefacción.
  • A capa intermedia chámase ostraco ou capa prismática, por estar constituída por carbonato cálcico disposto en prismas de aragonito perpendiculares –por veces, en diagonal- á superficie da cuncha, dentro dunha matriz proteica, tamén de conquiolona, e tamén segregada polo bordo do manto. O ostraco disponse en dúas capas (que se denominan ectostraco e mesostraco, de fóra a dentro).
  • A capa interna denomínase hipostraco (do grego hypos = por baixo) ou capa nacarada. Outros autores chámana endostraco. Está formada por numerosas e finas capas superpostas de aragonito e ás veces calcita, dispostas paralelamente á superficie do manto. Esta capa é segregada por toda a superficie do manto, polo que aumenta de grosor segundo medra o animal (as dúas capas anteriores só crecen en lonxitude, non en grosor). Segundo o grosor e forma destas láminas, a superficie interna da cuncha terá un aspecto mate, coma porcelana, ou liso e irisado. Neste último caso denomínase nácar.

A cuncha dos gasterópodos

editar
 
Cunchas de gasterópodos mariños

Na maior parte das especies, as cunchas son dextroxiras, coa espiral enrolada á dereita, de forma que a boca da cuncha, disposta esta verticalmente co ápice cara a abaixo, case sempre queda á dereita da cuncha.

Unha estrutura especial en numerosos gasterópodos mariños e nalgúns terrestres é o opérculo, unha placa que pecha a abertura cando o animal se recolle no interior da cuncha, evitando así o desecamento –nos gasterópodos terrestres- e o acceso ós predadores. Pode ser de natureza orgánica (córnea) ou mineral (calcárea) e mostra aneis de crecemento concéntricos ou en espiral.

O opérculo é propio e característico de cada especie, polo que nos serve á hora da identificación. Algúns deles son tan fermosos que se utilizaron como elementos decorativos para confeccionar aneis, pendentes e botonerías. Crese tamén que protexen contra a dor de cabeza. En Galicia, estes opérculos reciben os nomes de ollomao, ollo de boi, ollo de boi vidal, ollo vidal ou ollo mariño. En castelán: ombligo de Venus e haba marina.

Formación da cuncha

editar

A cuncha aparece xa no estado de larva e medra continuamente durante a vida do animal. As diferenzas climáticas, de acceso ó alimento e de concentración de calcio na auga nas distintas estacións do ano fan que o crecemento da cuncha sexa descontinuo, de forma que na cuncha poden apreciarse liñas de crecemento semellantes ós aneis das árbores, inda que non se deben interpretar como ciclos anuais de crecemento, como nestas últimas. Estas liñas son as estrías lonxitudinais ou concéntricas (máis visibles nos bivalvos), paralelas ó bordo da cuncha, máis ou menos marcadas segundo a especie.

En caso de que o animal sufra danos na cuncha, o manto pode rexenerala, quedando unha especie de cicatriz. Cando un molusco é invadido por un parasito ou incomodado por un obxecto estraño que o animal non pode expulsar, entra en acción un proceso coñecido como enquistación, polo medio do cal a entidade ofensiva é envolta, de forma progresiva, por capas concéntricas de nácar. Co tempo fórmanse perlas. A enquistación mantense ata que o molusco morra.

As cunchas son moi duradeiras: máis tempo que os animais de corpo mole que as producen. En lugares onde se acumulan grandes cantidades de cunchas fórmanse sedimentos que poden converterse, por compresión, en calcario.

Esculturas e padróns de cor

editar

Na superficie da cuncha dos moluscos poden atoparse diferentes estruturas propias das distintas especies, que dan lugar a unha ampla variedade de formas, cores e relevos externos (ou esculturas).

 
Berberecho rabioso (Acanthocardia sp)

Os relevos ou esculturas (costelas, espiñas, dentes etc.) son característicos da especie. As costelas poden dispoñerse de dúas formas: axiais, concéntricas ou lonxitudinais, paralelas ó bordo da cuncha, como é o caso do carneiro ou da chirla; e espirais ou radiais (debidas ás ondulacións do manto), como na vieira ou no berberecho. Normalmente, cando están ben marcadas, unhas son ben patentes mentres que as outras están pouco definidas.

Noutras ocasións (coma no berberecho rabioso) as costelas aparecen adornadas con nós ou espiñas.

A cor da cuncha débese a pigmentos presentes no ostraco (na capa calcárea), influíndo tamén a composición e grosor do periostraco (ou capa de conquiolina). O patrón de cor de cada especie (a cor dominante, as manchas e a súa distribución) é característico da mesma, pero poden observarse notables variedades dentro dunha mesma especie.

Galería

editar
Artigo principal en Galería de imaxes de cunchas de Galicia


Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar