Estadio Ramón Sánchez Pizjuán
O Estadio Ramón Sánchez Pizjuán é o estadio do Sevilla Fútbol Club, situado no barrio de Nervión da cidade de Sevilla, en Andalucía.
Ramón Sánchez Pizjuán | |
---|---|
Vista interior | |
Datos | |
Coordenadas | 37°23′02″N 5°58′14″O / 37.383878, -5.970467 |
Localización | Sevilla, España |
Construción | |
Inauguración | 7 de setembro de 1958 |
Arquitecto | Manuel Muñoz Monasterio |
Estadio | |
Superficie | Céspede |
Dimensións | 105 x 68 |
Capacidade | 44.500 espectadores |
Propietario | Sevilla FC |
Operadora | Sevilla FC |
Localía | Sevilla FC |
Eventos | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Debe o seu nome ao que fora presidente do club durante 17 anos e iniciou os procesos da súa construción en 1938. A inauguración oficial produciuse o 7 de setembro de 1958 cun partido amigable entre o Sevilla FC e o Real Jaén. Tivo as súas maiores remodelacións en 1982 e nos anos noventa.
Historia
editarO entón presidente do Sevilla FC, Ramón Sánchez-Pizjuán, comprou en 1937 os terreos sobre os que se edificaría o novo estadio, aínda que habería que esperar ata 1954 para que se empezasen a dar os primeiros pasos. Realizouse un concurso de deseños, o cal foi gañado por Manuel Muñoz Monasterio, o mesmo arquitecto que pouco antes colaborara con Luis Alemany Soler no deseño do Estadio Santiago Bernabéu.
Tras a morte de Ramón Sánchez-Pizjuán, foi o seu sucesor, Ramón de Carranza, quen se ocupou do equipo e do estadio, pondo a primeira pedra do mesmo o 2 de decembro de 1956.
Foi inaugurado o 7 de setembro de 1958 cun partido amigable entre o Sevilla FC e o Real Jaén, que acabou con empate a 3 goles. No entanto o estadio aínda se atopaba inacabado. Houbo que esperar ata 1974, sendo presidente Eugenio Montes Cabeza, para o fin das obras, alcanzando naquela época a súa máxima capacidade con máis de 77.000 espectadores.
Eventos importantes
editarEn 1982 foi sede da Copa Mundial de Fútbol de 1982, acollendo o partido de primeira rolda que enfrontou ás seleccións do Brasil e a URSS, e tamén o partido de semifinais que enfrontou á República Federal de Alemaña e a Francia.
Tamén se disputou unha final de Copa de Europa en 1986, gañada polo Steaua de Bucarest ao FC Barcelona na quenda de penaltis.
A selección de fútbol de España fixo do Sánchez Pizjuán unha das súas habituais sedes, non coñecendo a derrota nos 22 partidos disputados, cun saldo de 19 vitorias e 3 empates.
Un feito luctuoso sucedido no estadio foi o ataque repentino e mortal que sufriu o futbolista do club Antonio Puerta nun partido oficial que se celebraba o día 25 de agosto de 2007 entre o Sevilla FC e o Getafe CF.
As conmemoracións máis significativas que se realizaron no estadio foron con motivo da consecución de dúas Copas da UEFA consecutivas por parte do club nas tempadas 2005-06 e 2006-07 e os actos de celebración do centenario do club realizados durante a tempada 2005-06.
Reformas
editar- 1982: Con motivo do Mundial de España construíuse a visera e o mosaico de preferencia. Ademais de reducirse a capacidade do estadio, quedando esta ao redor dos 70.500 espectadores. Unha nova reforma posterior deixaríao en 66.000.
- Finais da década de 1990: cando cumprindo a nova normativa FIFA houbo que eliminar todas as zonas do estadio onde se podía ver o fútbol de pé, reducindo o seu aforamento ás 45.500 localidades actuais e pasando a ser o oitavo estadio de España en canto a capacidade.
- Proximamente tense programada unha total remodelación do coliseo nervionense. Ampliaráselle considerablemente o aforamento ata un máximo de 70.000 espectadores e cambiará o aspecto, modernizando todas as súas estruturas e incorporando catro torres de acceso nas esquinas.