Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Exexese

interpretación crítica y completa de un texto

A esexese[1] ou exexese[2], do grego clásico ἐξήγησις (exḗgēsis 'explicación', 'exposición'), e este de ἐξηγέομαι (exēgéomai 'guiar', 'dirixir', 'interpretar') á súa vez tirado de ἐξ (éx 'fóra) e ἡγέομαι (hēgéomai 'guiar', 'dirixir') é un concepto que implica unha interpretación crítica e completa dun texto, especialmente relixioso, como o Antigo e o Novo Testamento da Biblia, o Talmud, o Midrash, o Corán etc. Un exexeta (do grego ἐξηγητής, exegēta, en transcrición latina) é un individuo que practica esta disciplina; a forma adxectiva é exexético.[3]

A palabra exexese significa 'extraer o significado dun texto dado'. A exexese adoita ser contrastada coa eiséxese eīsḗgēsis (do grego εισήγησις), que significa 'proposición', 'proposta' ou 'inserir as interpretacións persoais nun texto dado'. En xeral, a exexese presupón un intento de ver o texto obxectivamente, mentres que a eiséxese implica unha visión máis subxectiva.

A exexese tradicional require o seguinte:[4]

  • análise de palabras significativas no texto,
  • exame do contexto xeral histórico e cultural,
  • confirmación dos límites dunha pasaxe e, finalmente,
  • exame do contexto dentro do texto.

A pesar de que a exexese máis amplamente coñecida é a que trata sobre libros cristiáns, xudeus e islámicos, tamén existe a análise de libros doutras relixións, e tamén de libros non relixiosos.

Catolicismo

editar

Entre os exexetas bíblicos antigos están:

Na Idade Media, a exexese estivo representada por:

A partir do século XVI, e a exemplo de Lutero, saíron á palestra infinidade de intérpretes racionalistas da Biblia, que foron replicados, entre outros, polos católicos Cornelio a Lapide (1567-1637) e Dom Calmet (1672-1757) [5]

O Concilio Vaticano II indica criterios para unha interpretación da Sagrada Escritura conforme ao Espírito que a inspirou:

  • unidade de toda a Escritura;
  • ler a Escritura no contexto da tradición viva de toda a Igrexa;
  • a analoxía da fe, é dicir, a cohesión das verdades de fe individuais entre elas e co plano completo da Revelación.[6]

Protestantismo

editar

As tres principais correntes exexéticas da Reforma están representadas por Zuinglio, Lutero e Calvino:

  • O primeiro seguiu a visión humanística da época, segundo a cal cómpre ler a Biblia como os demais libros.
  • Lutero, para o cal a Biblia era o libro da espiritualidade do cristián, introduciu unha distinción entre o Antigo Testamento (libro da Lei) e o Novo Testamento (libro da Graza).
  • Calvino sostiña a necesidade de posuír o Espírito Santo para unha recta exexese e a de non distinguir entre os dous Testamentos, polo feito de que ambos os dous tiñan ao mesmo Espírito Santo como autor.

A exexese protestante posterior seguiu máis a corrente calvinista que a luterana.

Durante os últimos séculos algunhas universidades alemás, como a de Tubinga foron moi reputados centros de exexese.

Nos Estados Unidos son hoxe famosas as Divinity Schools das universidades de Chicago, Harvard e Yale.

O libro de Robert A. Traina Methodical Bible Study [7] é un exemplo de exexese cristiá protestante.

Xudaísmo

editar

As formas tradicionais de exexese xudía aparecen a través da literatura rabínica, que inclúe o Mishnah, os dous Talmudes e a literatura midrash. Os exexetas xudeus reciben o título de meforshim (comentadores).

O Midrash forma unha exposición da exexese bíblica da Torá (תורה) e os seus parágrafos relacionados coa Lei, que tamén é un obxecto de análise. A Halajá comprende unha exexese da Lei escrita. A Agadá é unha exexese de partes da Torá non conectadas á Lei.

O Mikra comprende o estudo exexético da Torá, os Profetas e os Escritos, as tres divisións da Biblia xudía (en hebreo תנ"ך‎, Tanakh), que os cristiáns chaman Antigo testamento. A Mesorá é a exexese que determinou as regras e principios que gobernan os textos bíblicos. A redacción do Talmud resulta de estudos exexéticos, e o Talmud en si converteuse en obxecto de estudo e análise.

A exexese xudía non terminou coa redacción do Talmud. Continuou durante os tempos antigos, a Idade Media e o Renacemento, e segue a ser obxecto de estudo hoxe en día. Os xudeus teñen centros para estudos exexéticos en todo o mundo, en cada comunidade, e consideran a exexese unha ferramenta importante no entendemento das Escrituras.

O Tafsir (en árabe تفسير, tafsīr), 'interpretación") é o nome árabe da exexese ou comentario, usualmente do Corán. Un autor de tafsīr chámase mufassir (en árabe مُفسر mufassir, plural مفسرون mufassirūn).

Os tafsires non inclúen interpretacións esotéricas ou místicas, as cales competen á palabra relacionada Ta'wīl. As interpretacións esotéricas non contradín usualmente as interpretacións convencionais; en vez diso, discútense a igualmente fóra do Corán.

A exexese tradicional do Corán faise comunmente a partir do Corán mesmo e dos hadiths[8] do profeta Mahoma. A exexese do Corán frecuentemente vese como a lectura oficial, esotérica, do libro e contrasta, nese senso, cos exexetas esotéricos que se poden ver noutras relixións.[9] Non obstante, algunhas seitas islámicas impoñen limitacións estritas ás interpretacións esotéricas. Por outro lado, as lecturas esotéricas do Corán non son exexeses para o sufismo, por exemplo.[10]

A maior parte das escolas coránicas propoñen un traballo baseado nunha ou varias exexese do Corán, feitas por gramáticos recoñecidos ou por xuristas islámicos. As máis das diferentes sensibilidades musulmás [11] teñen exexeses que poden variar sensibelmente (por exemplo, a propósito da filiación explícita do profeta).

Exexese no dereito

editar

No ámbito xurídico a exexese é un dos métodos de hermenéutica xurídica que tivo o seu auxe co Código napoleónico. Basicamente esta exexese pretende limitar a acción do xuíz, xa que despois da revolución francesa considérase que todos os homes son iguais. O xuíz na monarquía do Antigo réxime era un instrumento importante do poder, e tiña a capacidade de interpretar as normas ao seu gusto. Desde a revolución francesa, e a través da Declaración dos dereitos do home e do cidadán, considérase que a lei é a emanación da vontade xeral (concepto de Rousseau). Dada a igualdade dos individuos, o xuíz non debía interpretar a lei, pois isto sería darlle máis importancia á vontade particular del sobre a vontade xeral.

Finalmente, a exexese consiste en facer unha paráfrase directa do texto, é tomar case textualmente o que di a lei sen capacidade de sairse desta.

A exexese e o conceptualismo formaron parte do formalismo xurídico de principios do século XIX, e contémplase en todos os códigos europeos inspirados no napoleónico, como o español (exclúense os códigos do dereito saxóns, inspirados no dereito consuetudinario [12]) e chegou a Latinoamérica a través do Código civil chileno, realizado polo venezolano Andrés Bello (inspirado no Código napoleónico, nos tratados dos xuristas Domat e Pothier, e na tradición romana clásica).

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para esexese.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para exexese.
  3. Segundo a normativa vixente, os anteriores termos en letra grosa poden escribirse tamén esexese, esexeta e esexético, respectivamente.
  4. Segundo Godward.org Arquivado 23 de novembro de 2005 en Wayback Machine. (en inglés).
  5. Segundo o Diccionario enciclopédico popular ilustrado Salvat (1906-1914).
  6. Benedicto XVI: La interpretación de la Escritura es vital para la Iglesia Arquivado 15 de setembro de 2010 en Wayback Machine. (en castelán)
  7. Traina, Robert A. (1985). Methodical Bible Study. Francis Asbury Press (Grand Rapids, Michigan). ISBN 978-0-310-31230-7. 
  8. O Hadith (en árabe الحدي, plural Ahadith) ou Hadiz, é un corpus de leis, lendas e historias sobre a vida de Mahoma, (estas historias denomínanse en árabe Sunnah (suna) e inclúen a súa biografía, ou sira, e os propios ditos nos cales xustificou as súas escollas ou ofreceu consellos. Para a maioría dos musulmáns, o hadith contén unha exposición con autoridade dos significados do Corán. A lei islámica dedúcese dos actos, afirmacións, opinións e modos de vida de Mahoma
  9. "The Teachings of the Qur'an". Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2006. Consultado o 27 de abril de 2011. 
  10. Véxase Sufismo
  11. Véxase Islam
  12. Tamén chamado usos e costumes, son normas xurídicas que se desprenden de feitos que se produciron repetidamente, no tempo, nun territorio concreto. Teñen forza vinculante e recórrese a el cando non existe lei (ou norma xurídica escrita) aplicábel a un feito. Conceptualmente é un termo oposto ao de Dereito escrito. Tamén é considerado un sistema xurídico, como o son o Dereito continental e a Common law. Un exemplo disto é a Constitución non escrita do Reino Unido, cuxas fontes de dereito podemos encontrar nos grandes textos históricos como a Carta Magna (1215), a Petición de Dereitos (1628), o Habeas Corpus (1679), o Bill of Rights (1689) e a Acta de Establecemento (1701).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Corley, B., Lemke, S. e Lovejoy, G. (2002): Biblical Hermeneutics: A Comprehensive Introduction to Interpreting Scripture. Nashville: Broadman & Holman. ISBN 0-8054-2492-X
  • Goñi Zulueta, C. (2009): Firmado, Dios. Exégesis razonable de la Biblia. Ariel. ISBN 978-84-344-8815-1
  • Torre, M. A. de la (2002): Reading the Bible from the Margins, Nova York: Maryknoll. Orbis Books. ISBN 1-57075-410-1

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar