Firn
Firn ou neve firn (do dialecto suízo-alemán: 'do ano pasado') é unha neve parcialmente compactada, un tipo de neve que quedou de invernos pasados e recristalizou ata formar unha substancia máis densa que a neve fresca. É xeo que se encontra nun estado intermedio entre a neve e o xeo glacial. O firn ten o aspecto do azucre húmido, posúe unha dureza que fai que sexa moi difícil de traballar cunha pa. En xeral, a súa densidade está entre 0,4 g/cm³ e 0,83 g/cm³,[1] e a miúdo pode encontrarse debaixo da neve que se acumula no circo dun glaciar.
As folerpas de neve que caen quedan comprimidas polo peso da masa de neve que caeu posteriormente e as cubriu. Os cristais individuais que posúen unha temperatura próxima á de fusión son semilíquidos, permitindo que se deslicen sobre os seus planos cristalinos e enchan os espazos entre eles, aumentando así a densidade do xeo. Onde os cristais se tocan estes quedan pegados entre si, empurrando o aire cara á superficie ou atrapándoo en burbullas.
Durante os meses de verán, a metamorfose dos cristais pode ocorrir máis rapidamente debido ao percolado da auga entre os cristais. Cara ao final do verán o resultado é que se formou firn.
A altitude mínima á cal se acumula firn nun glaciar chámase límite do firn, liña do firn ou liña de neve.
Notas
editar- ↑ Cuffey and Paterson (2010), The Physics of Glaciers 4th Edition
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Firn |
Ligazóns externas
editar- USGS Glossary of Selected Glacier and Related Terminology
- Fundamentals of Physical Geography
- Definición de firn na Encyclopædia Britannica