Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Hogmanay

Celebración escocesa do Aninovo

Hogmanay é unha palabra escocesa[1] usada para referirse ao derradeiro día do ano e, polo tanto, á maneira na que se celebra a Fin de Ano segundo o calendario gregoriano en Escocia. Normalmente vén sucedida de máis festexos na mañá do 1 de xaneiro (día de Aninovo) e, nalgúns casos, do 2 (festivo nacional). A orixe da celebración non está clara, mais é probable que derive de prácticas relixiosas escandinavas e gaélicas. Aínda que a tradición varía ao longo da rexión, o habitual é visitar a amigos e veciños e facerlles regalos. Ademais, préstaselle especial atención ao first-foot, a primeira persoa do ano en entrar na casa dunha familia, pois é símbolo de boa sorte.

Orixe da celebración

editar

Xunto á incorporación de diferentes costumes da festividade gaélica de Samaín (a orixe de Halloween), é probable que as raíces de Hogmanay se atopen na celebración que se levaba a cabo en Escandinavia para conmemorar o solsticio de inverno. Os viquingos celebraban así as Festas de Jól, que máis tarde conformaron desde o 25 de decembro ata o 5 de xaneiro os Doce Días de Nadal (Twelve Days of Christmas ou Daft Days, como os denominaban ás veces os escoceses). Porén, o tradicional en Escocia non era celebrar o Nadal como tal, senón o Hogmanay, posiblemente como resultado da Reforma protestante tras a cal o Nadal se viu como “demasiado papista”.

Tradicións

editar

Existen moitos costumes relacionados con Hogmanay, tanto comúns a nivel nacional como propios dunha determinada rexión. A tradición máis estendida é a práctica do first-footing ("primeira pisada"), que comeza inmediatamente despois de medianoite. Baséase en ser a primeira persoa en cruzar a porta da casa dun amigo ou veciño e, a miúdo, darlle agasallos que simbolicen diferentes tipos de sorte, tales como sal (hoxe en día pouco común), carbón, shortbread (galletas de manteiga), whisky e black bun, un pastel recheo de moitos tipos de froita. É entón cando se lles ofrece comida e bebida aos convidados. Este costume pode continuar ao longo das primeiras horas da mañá e ata ben entrado o día seguinte, aínda que actualmente é común levalo a cabo mesmo a mediados de xaneiro. Suponse que o first-foot é o encargado de establecer que tipo de sorte correrá a familia o resto do ano e, tradicionalmente, prefírense homes altos e de pelo escuro[2].

Costumes locais

editar

Certas zonas de Escocia teñen costumes de seu polo día de Hogmanay. Unha das tradicións locais é o desfile de bólas de lume, en Stonehaven, Aberdeenshire, ó nordeste de Escocia. A veciñanza fabrica as bólas con malla de arame que enchen con periódicos vellos, paus, trapos e outros materiais inflamables, ata que alcanzan un diámetro de ó redor de medio metro. Unen cada unha delas a un arame ou corda ignífuga dun metro. Cando a campá da antiga casa consistorial (Old Town House) dobra para anunciar a chegada do novo ano, as bólas préndense e os participantes comezan a desfilar por High Street, desde Mercat Cross ata o Cannon, e viceversa, xirando as bólas ardentes sobre as súas cabezas mentres camiñan.

Cando remata a cerimonia, as bólas que aínda están acesas son lanzadas ao mar desde o peirao. Son moitos os que acoden a ver este grande espectáculo; unha multitude de 12.000 persoas visitou a cidade para darlle a benvida ao 2008. Nos últimos anos engadíronse novos pasatempos para aqueles que esperan as badaladas como o fire poi (malabares con lume), unha banda de gaiteiros, percusionistas, tamborileiros na rúa e unha mostra de fogos artificiais despois de que a última bóla de lume sexa apagada no mar. Outra festa de lume pagán é a queima do clavie (un barril utilizado como facho, na cidade de Burghead, en Moray).

Os first-footers trouxeron unha vez consigo un arenque decorado ás comunidades pesqueiras da costa occidental e en Dundee. En Falkland, Fife, os homes da vila desfilan nunha procesión de fachos cara ao cume de Lomond Hills en canto se aproxima a medianoite. Os pasteleiros de St. Andrews cociñan tortas especiais para a celebración (coñecida como ”Cake Day”) e repártenas entre os nenos da zona.

En Glasgow e outras zonas centrais de Escocia, a tradición consiste en cantar, bailar, comer pastel de carne ou cocido, beber e contar contos.

As institucións tamén teñen os seus propios costumes, por exemplo, entre os rexementos militares escoceses, os oficiais serven ó resto da cuadrilla a cea e cando as campás repican, o ano vello celébrase fóra das portas do cuartel. Seguidamente o sentinela pregunta: “Quen vai aí?” Ó cal os de fóra responden “O Aninovo, todo ben.”

Un antigo costume das Highlands, que sobreviviu ata a actualidade e agora comeza a rexurdir, consiste en celebrar o Hogmanay bendicindo a casa e o gando (a palabra escocesa para referirse ao acto de bendicir e protexer é a de ‘’saining’’). Así, na mañá de Aninovo, o cabeza de familia bebe e verte por toda a casa “auga máxica” dun “vao de mortos e vivos” (o vao dun río que acostumaban a cruzar tanto vivos coma mortos). Logo de verter auga en cada habitación, sobre as camas e sobre os membros da familia, péchanse todas as portas e fiestras e préndeselle lume a unha póla de cimbro, que logo se utiliza para fumigar a casa e as cortes. Déixase que o fume do cimbro as invada totalmente ata que todo o mundo esbirra e tose. Despois, abren de novo portas e fiestras para que entre o aire frío e fresco do Aninovo. Tradicionalmente, a muller da casa serve whisky como reconstituínte, e toda a familia senta para tomar o primeiro almorzo do ano.

Auld Lang Syne

editar

A tradición de cantar Auld Lang Syne ("Polos vellos tempos") en Hogmanay popularizouse en moitos países nos últimos anos. Trátase dun poema escocés de Robert Burns baseado en fontes tradicionais e outras máis antigas. Hoxe en día o habitual é cantalo en grupo, formando un círculo no que os participantes entrecruzan os brazos e se dan a man xusto cando o reloxo dá as doce da noite do 1 de xaneiro. Non obstante, o correcto é facelo ao principio da última estrofa, onde o indica a letra, polo que en xeral esta práctica só se leva a cabo adecuadamente na propia Escocia.

Celebración en Escocia

editar

Como en gran parte do mundo, as principais cidades de Escocia (Glasgow, Edimburgo e Aberdeen), así como Stirling e Inverness, albergan celebracións que duran toda a noite. As de Edimburgo atópanse entre as máis multitudinarias do planeta e, de feito, o Libro Guinness dos Récords nomeou a da noite de 1996 a 1997 como a maior celebración de Aninovo do mundo, con aproximadamente 400.000 asistentes. Desde entón, limitouse a asistencia por motivos de seguridade.

  1. The Concise Scots Dictionary Cambers (1985) ISBN 0-08-028491-4
  2. "Hogmanay traditions, old and new". BBC. 30 December 2015.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar