Illas Sisargas
As illas Sisargas son un arquipélago galego situado no océano Atlántico en fronte do cabo de Santo Hadrián, na chamada Costa da Morte. O arquipélago está formado pola illa Sisarga Grande –a maior das tres, que acolle un faro e un pequeno embarcadoiro–, a illa Sisarga Pequena –a máis próxima á costa– e a illa Malante –situada entre as dúas–. As illas pertencen ó concello de Malpica, na comarca de Bergantiños.
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | Galicia | |||
Provincia | Provincia da Coruña | |||
Concello | Malpica de Bergantiños | |||
Capital | Malpica | |||
Poboación | ||||
Poboación | 0 (2023) (0 hab./km²) | |||
Xeografía | ||||
Superficie | 0,8 km² | |||
Medición | 1,1 () × 1,6 () km | |||
Bañado por | Océano Atlántico | |||
Xeografía
editarEstán situadas preto da costa, con 750 m de distancia entre a illa Sisarga Pequena e o cabo de Santo Hadrián. Están a 3 km da vila de Malpica e a uns 35 km ao oeste da cidade da Coruña. O grupo disponse a xeito dun L invertido e xiradoː a illa Sisarga Grande é a máis occidental e setentrional; Malante, tamén chamada Atalaxeiro[1], ocupa a posición central e angular; e a illa Sisarga Pequena ten a posición meridional. Unhas doutras sepáranse por estreitas canles de mar (canal de Estádiga entre as dúas primeiras e canal de Esteirón entre a Malante e a Pequena). A máxima elevación pertence á Sisarga Grande con 100 metros sobre o nivel do mar.
Fauna
editarA importancia das Illas Sisargas está nas súas colonias de gaivota escura (Larus fuscus), garrucho (Rissa tridactyla), paíño europeo (Hydrobates pelagicus) e arao dos cons (Uria aalge), aves escasas en Galiza e na Península Ibérica e que teñen aquí unha das súas maiores colonias. Ademais existe unha importante poboación de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), andurón real (Tachymarptis melba), gaivota patiamarela (Larus cachinnans) e choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax).
Toponimia
editarO padre Sarmiento, que as denomina Cisargas, propuxo a hipótese de que o nome das Sisargas estaba referido a Xulio César, quen cara ao ano 60 a. C., chegou á Gallaecia, e someteu a súa parte Norte, aparecendo entre os ártabros, aos que, segundo as crónicas romanas, aterrorizaría coas súas naves, polo que se someterían decontado aos romanos. Esta hipótese supón que o seu nome latino sería *insulas Caesaricas, en acusativo plural, desvelando o estadio lingüístico actual a influencia seseante.
En relación con isto, Rodríguez Bordallo e Ríos Graña sosteñen que aquí estivo localizado un dos grupos das Aras Sestianas, en concreto os citados por Tolomeo como "Sestíou bomoí": "tres altares de Sestíos".
Con todo, o máis coherente e aceptado hoxe en día, é que proveñan dunha raíz hidronímica indoeuropea *eis- 'fluír', en grao cero *is-, dunha forma *Illas Isargas (de *Insulas Isáricas)[Cómpre referencia]. O S- non sería máis que a deglutinación do -s final de Illas. Da mesma produtiva raíz veñen tamén o nome do río Ézaro (de *Ísarus) e moitos outros hidrónimos galegos e europeos.
Galería de imaxes
editar-
Santo Hadrián e as Illas Sisargas
-
Illas Sisargas
-
Faro
-
Mapa de principios do século XVIII da canle entre as illas e a costa
Lugares e parroquias
editarLugares de Malpica de Bergantiños
editarLugares da parroquia de Malpica de Bergantiños no concello de Malpica de Bergantiños (A Coruña) | |
---|---|
A Atalaia | O Barreiro | O Caldeirón | O Camiño do Río | O Campo | A Camposa | A Camuza | Cancela de Areas | Canido | A Cerca | A Costa | O Escorial | Illas Sisargas | Malpica | Os Medros | A Orxeira | As Pedreiras | A Pedreiriña | Os Piñeiros | O Porto | A Praia | Santo Antonio | Seaia | Seixas | Sorrío | O Ventorrillo | Vilarnovo | As Vistas |
Parroquias de Malpica de Bergantiños
editar
Notas
editar- ↑ Otero Pedrayo, Ramón (1954). Guía de Galicia (3ª ed.). Galaxia. p. 216.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Otero Pedrayo, Ramón, Guía de Galicia. Galaxia. Vigo. 1954.
- Rodríguez Bordallo, Ramón e Ríos Graña, Ana María, El simbolismo, la localización y el número de las Aras Sestianas, in Actas del II Coloquio Galaico-Minhoto. I volumen. Xunta de Galicia. Santiago. 1984
- Sarmiento, Martín, Onomástico etimológico de la Lengua Gallega, 1757. Edic. de J. L. Pensado Tomé, vol.I. Salamanca. 1998.