Luís Álvarez Pousa
Luís Álvarez Pousa, nado en Vila de Rei (Trasmiras) o 8 de marzo de 1948, é un profesor galego titular de Xornalismo Especializado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixe a revista mensual de información e opinión para o debate Tempos Novos, que impulsou e creou canda outras 150 persoas de toda Galicia no ano 1997.
(2011) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de marzo de 1948 (76 anos) Vila de Rei, España |
Formación profesional | Xornalismo |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, catedrático, escritor |
Xénero artístico | Poesía, ensaio |
Premios | |
| |
Traxectoria
editarLicenciado en Teoloxía pola Universidade Pontificia Comillas. Tamén é licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa tese Prensa e identidade na sociedade da información estratexias e funcións dos xornais no sistema galego de comunicación (1998), foi dirixida por Margarita Ledo Andión e Justo G. Beramendi.[1]
Formou parte do claustro de profesores da Facultade de Ciencias da Comunicación (Xornalismo) desde o ano da súa posta en marcha ata o da súa xubilación, en 2018, impartindo diversas materias, e ultimamente Xornalismo Especializado, sendo nesa súa condición vogal do Instituto de Estudios de Comunicación Especializada (IECE), ao que están adscritos unha gran parte dos profesores de Xornalismo Especializado das universidade españolas.[2]
Foi o creador das Xornadas do Cine en Ourense en 1973, dirixíndoas e coordinándoas canda o directivo do cine-club Padre Feijóo, Xosé Paz, ata o ano 1978, promovendo a primeira homenaxe que se lle dedicou en vida a Carlos Velo. As Xornadas convertéronse nun espazo de reivindicación dos chamados cinemas nacionais, concentrando en Ourense a presenza e participación dos estudosos, activistas e creadores dos cinemas catalán, vasco, canario e castelán.[3]
Colabora sobre temas de comunicación, cultura e xornalismo en diversas revistas especializadas, tendo impartido sobre estas cuestións numerosas conferencias dentro e fóra de Galicia.
Foi Coordinador do proceso de avaliación de proxectos de investigación en Comunicación (Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, primeiro, e posteriormente Ministerio de Economía, Competitividade e Investigación) (2009-2016).[4]
Grupo Voz
editarExerceu como xornalista en La Voz de Galicia durante 23 anos, xornal no que foi o seu primeiro cronista político nos anos da Transición, creando e dirixindo ata 1984 o seu primeiro Suplemento de Cultura. No grupo Voz ocupou así mesmo outros cargos de responsabilidade: coordinador xeral de Video Voz-TV, primeiro, e coordinador xeral da Multimedia Voz, despois, deixando daquela o grupo para incorporarse como profesor ó equipo que puxo en marcha a Facultade de Ciencias da Comunicación. Durante os anos 90, mantivo en La Voz de Galicia canda o debuxante Miguelanxo Prado a sección de opinión "A contratempo".[5]
Revistas e outras actividades
editarFundador das revistas Teima e Tempos Novos, que dirixiu. É tamén membro do consello asesor do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), e membro dos consellos de redacción das revistas Tempo Exterior e Criterios. Traballou tamén nos medios audiovisuais: dirixiu e presentou Encontros, o primeiro debate na historia da TVG, e o programa semanal Extramuros, sobre as culturas europeas na canle galega. Colaborou varios anos no programa Ganbara, de Radio Euskadi.[6]
A principios dos 70 puxera en marcha e dirixiu as históricas Xornadas do Cine en Ourense. Entre o 9 de novembro de 1983 e o seu cesamento o 4 de xaneiro de 1985 foi director xeral de Cultura,[7] na Xunta de Galicia, promovendo actuacións dinamizadoras e dotando a Galicia dunha infraestrutura cultural creando entón o Centro Dramático Galego e o Arquivo da Imaxe.[2] Na Televisión de Galicia presentou e dirixiu os programas Encontros (1986) e Extramuros (1988).[4]
É o director do Observatorio Galego dos Medios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.[2]
É autor do poema "A Sementeira", musicado por Fuxan os Ventos e que se converteu nunha das cancións máis populares en lingua galega.[8]
Ten publicacións nas revistas Boletín da Real Academia Galega, Festa da palabra silenciada, Comunicación e cidadanía, Encrucillada, Grial, Outeiro.[9]
Obra en galego
editarPoesía
editar- Os cas da vida (1972). Monforte de Lemos: Xistral.
Ensaio
editar- Prensa ameazada. Desde a transición ó fraguismo (1999). Santiago: Edicións Lea. 252 páxs. ISBN 9788489947870.
- A identidade fronte á rede. O reto mediático de Galicia na Sociedade da Información (1999). Vigo: Xerais. 197 páxs. ISBN 9788483023822.
- Medios e políticos baixo a sospeita (1990-2023) (2023). Santiago: Laiovento. 614 páxs. ISBN 978-84-8487-639-7. Libro electrónico: ISBN 978-84-8487-640-3.[10]
Obras colectivas
editar- Os novísimos da poesía galega (1973). Madrid: Akal.
- 12 anos na búsqueda da nosa identidade (1990). Guitiriz: Xermolos.
- Globalización e cambio de milenio (2001). Vigo: Xerais. ISBN 9788483026281.
- Comunicación y discapacidades: actas do Foro Internacional (Coord.) (2007). Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
- Comunicación e xénero: actas do Foro Internacional celebrado en Liña e en Pontevedra entre o 9 de outubro e o 25 de novembro de 2006 (Coord.) (2007). Observatorio Galego dos Medios.
- Comunicación e persoas maiores: Actas do Foro Internacional (Coord.) (2007). Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
- Claves para unha información non sexista (2010). Atlántica de Información e Comunicación de Galicia. Coordinador con Belén Puñal Rama.
- Á beira de Beiras. Homenaxe nacional (2011). Vigo: Galaxia.
Edicións
editar- A contrapelo, de Eduardo Blanco Amor, La Voz de Galicia.
- Figuracións, de Luís Seoane, La Voz de Galicia.
Estes libros foron publicados na colección Biblioteca Gallega, da que tamén foi coordinador editorial.
Obra en castelán
editarObras colectivas
editar- Periodismo de Fuente, Universidade Pontificia de Salamanca.
- Periodismo Especializado, Ariel.
Premios
editar- 1993: Premio Café del Bolengo ao mellor labor de opinión na prensa.
- 2000: Premio da crítica (ensaio) polo libro A identidade fronte á rede.[11]
- 2003: Premio Atlántida do Gremi d'Editors de Catalunya polo labor como xornalista cultural.
- 2003: Premio de Honra Fernando Rey outorgado pola Academia Galega do Audiovisual.
- 2005: Premio de honra Marisa Soto outorgado pola Asociación Profesional de Directores, Actores e Técnicos do Teatro Galego.
- 2024: Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo.[12]
Notas
editar- ↑ "LUIS ALVAREZ POUSA - Universidade de Santiago de Compostela". investigacion.usc.gal. Consultado o 2023-05-27.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Luís Álvarez Pousa". www.aelg.gal. Consultado o 2023-05-27.
- ↑ "Álvarez Pousa, Luís". EGU - Enciclopedia Galega Universal. Consultado o 2023-05-27.
- ↑ 4,0 4,1 "Luis Álvarez Pousa Museo da Limia". Consultado o 2023-05-27.
- ↑ "Luís Álvarez Pousa publica 'Medios e políticos, baixo...". Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. 2023-05-23. Consultado o 2023-05-27.
- ↑ "Colaboradores de Ganbara". EITB (en castelán). Consultado o 2023-05-27.
- ↑ "Premios de Teatro María Casares". aaag.gal. Consultado o 2023-05-27.
- ↑ Vélez Barreiro, Marco (2009). Revista Garazoa, ed. Conexiones entre música popular y literatura en Galicia e Irlanda: Notas para un estudio preliminar. Ferrol.
- ↑ "Lois Álvarez Pousa". Dialnet (en castelán). Consultado o 2023-05-27.
- ↑ "Edicións Laiovento - MEDIOS E POLÍTICOS, BAIXO SOSPEITA 1990-2023". laiovento.gal. Consultado o 2023-05-27.
- ↑ "Luís Álvarez Pousa Premios da Crítica Galicia Web oficial da Fundación Premios da Crítica Galicia". Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2023. Consultado o 2023-05-27.
- ↑ Francisco Cortez (2024-10-17). "Luís Álvarez Pousa, recoñecido co Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo". Tempos Novos. Consultado o 2024-10-18.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Barrera, F., ed. (2002). Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI. El Correo Gallego. p. 31. ISBN 84-8064-113-4.