Mark Twain
Samuel Langhorne Clemens, coñecido polo seu pseudónimo literario Mark Twain, nado na Florida, condado de Monroe, Missouri, o 30 de novembro de 1835 e finado en Redding, Connecticut, o 21 de abril de 1910,[1] , foi un escritor, humorista, ensaísta, empresario, editor e conferenciante estadounidense. Foi eloxiado como "o maior humorista que deu Estados Unidos",[2] e William Faulkner chamouno "o pai da literatura estadounidense".[3] As súas novelas inclúen The Adventures of Tom Sawyer (As aventuras de Tom Sawyer) (1876) e a súa secuela, Adventures of Huckleberry Finn (As aventuras de Huckleberry Finn) (1884),[4] sendo esta última chamada a miúdo a "Great American Novel" (Gran novela americana). Twain tamén escribiu A Connecticut Yankee in King Arthur's Court (Un ianqui na corte do Rei Artur) (1889) e Pudd'nh ead Wilson (1894), e coescribiu The Gilded Age: A Tale of Today (1873) con Charles Dudley Warner.
Twain criouse en Hannibal, Missouri, que máis tarde serviría de escenario para Tom Sawyer e Huckleberry Finn. Traballou como aprendiz dun impresor ao comezo da súa carreira, e despois traballou como tipógrafo, contribuíndo con artigos no xornal do seu irmán maior Orion Clemens. Twain converteuse entón en piloto dun barco fluvial no río Mississippi, o que lle proporcionou material para Life on the Mississippi (A vida no Mississippi) (1883). Pouco despois, Twain dirixiuse ao oeste para unirse a Orion en Nevada. Referiuse con humor á súa falta de éxito na minería, recorrendo ao xornalismo para o Territorial Enterprise de Virginia City.[5]
Alcanzou o éxito como escritor por primeira vez co relato humorístico "The Celebrated Jumping Frog of Calaveras County", que se publicou en 1865; estaba baseado nunha historia que escoitou no Hotel Angels de Angels Camp, California, onde pasara algún tempo como mineiro. O relato deulle fama internacional.[6] Escribiu ficción e non ficción. A medida que crecía a súa fama, converteuse nun orador moi solicitado. O seu enxeño e sátira, tanto en prosa como en discurso, valéronlle o eloxio de críticos e colegas, e Twain foi amigo de presidentes, artistas, industriais e membros da realeza europea.
Aínda que Twain pronunciouse inicialmente a favor dos intereses estadounidenses nas Illas Hawaii, máis tarde cambiou de postura,[7] foi vicepresidente da Liga Antiimperialista Estadounidense desde 1901 ata a súa morte en 1910, e opúxose firmemente á guerra filipino-estadounidense e ao colonialismo estadounidense.[8][9][10]
Twain gañou moito diñeiro cos seus escritos e conferencias, pero investiu en empresas que lle fixeron perder a maior parte deste, como a Paige Compositor, unha máquina tipográfica mecánica que fracasou pola súa complexidade e imprecisión. Declarouse en bancarrota por mor destes reveses financeiros, pero co tempo superou os seus problemas económicos coa axuda do executivo da Standard Oil, Henry Huttleston Rogers. Twain acabou pagando integramente a todos os seus acredores, a pesar de que a súa declaración de bancarrota significaba que non estaba obrigado a facelo. Naceu pouco despois da aparición do cometa Halley, e predixo que a súa morte tamén o acompañaría, morrendo un día despois de que o cometa estivese no seu punto máis próximo á Terra.[11]
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarSamuel Langhorne Clemens naceu o 30 de novembro de 1835 na diminuta aldea de Florida, Missouri. Foi o sexto dos sete fillos de Jane (nada Lampton; 1803-1890), natural de Kentucky, e John Marshall Clemens (1798-1847), natural de Virxinia.
Os seus pais coñecéronse cando o seu pai, avogado colexiado en Kentucky, tentou axudar ao pai e ao tío de Jane a evitar a quebra.[12] Casaron en 1823.[13] Twain era de ascendencia córnica, inglesa e escocesa-irlandesa.[14][15][16][17] Só tres dos seus irmáns viviron máis aló da infancia: Orion (1825-1897), Pamela (1827-1904) e Henry (1838-1858). O seu irmán Pleasant Hannibal (1828) morreu ás tres semanas de vida,[18][19] a súa irmá Margaret (1830-1839) cando Twain tiña tres anos, e o seu irmán Benjamin (1832-1842) tres anos máis tarde.[Cómpre referencia]
Aos catro anos, a súa familia trasladouse á veciña localidade de Hannibal, Missouri,<re def>"Mark Twain, American Author and Humorist". Consultado o 21 de novembro do 2023.</ref> unha cidade portuaria do río Mississippi, onde realizou os seus primeiros estudos e que lle inspirou a cidade ficticia de St. Petersburg en The Adventures of Tom Sawyer e en The Adventures of Huckleberry Finn, moitas das lembranzas das súas novelas están inspiradas na facenda do seu tío e na vila de Hannibal..[20] A escravitude era legal en Missouri naquela época, e converteuse nun tema destes escritos. O seu pai era avogado e xuíz e morreu de pneumonía en 1847, cando Twain tiña 11 anos.[21] Ao ano seguinte, Twain abandonou a escola tras cursar o quinto grao para converterse en aprendiz de impresor.[1] En 1851, empezou a traballar como tipógrafo, contribuíndo con artigos e bosquexos humorísticos no Hannibal Journal', unha periódico propiedade do seu irmán Orion. Aos 18 anos abandonou Hannibal e traballou como impresor en Nova York, Filadelfia, St. Louis e Cincinnati, afiliándose á recentemente creada Unión Tipográfica Internacional, o sindicato de impresores. Educouse en bibliotecas públicas polas tardes, onde atopou máis información que nunha escola convencional.[22]
Twain describe a súa infancia en Life on the Mississippi (A vida no Mississippi), afirmando que "só había unha ambición permanente" entre os seus camaradas: ser barqueiro de vapor. "Pilotar era o posto máis grandioso de todos. O piloto, mesmo naqueles días de salarios triviais, tiña un soldo principesco: de cento cincuenta a douscentos cincuenta dólares ao mes, e non tiña que pagar pensión." Tal e como o describía Twain, o prestixio do piloto superaba ao do capitán. O piloto tiña que "coñecer persoalmente cada vello escollo e cada álamo dun só tronco e cada escura chea de madeira que adorna as beiras deste río ao longo de mil duascentas millas; e máis que iso, debe... saber realmente onde están estas cousas na escuridade". O piloto do barco de vapor Horace E. Bixby contratou a Twain como piloto para que lle ensinase o río entre Nova Orleáns e St. Louis por 500 dólares (equivalentes a 17.000 dólares en 2022), pagadeiros co primeiro soldo de Twain tras graduarse. Twain estudou o Mississippi, aprendeu os seus puntos de referencia, a navegar as súas correntes con eficacia e a ler o río e as súas canles en constante cambio, arrecifes, escollos mergullados e rochas que "arrincarían a vida da embarcación máis forte que xamais flotase".[23] Pasaron máis de dous anos antes de que obtivese a súa licenza de piloto. A pilotaxe tamén lle deu o seu pseudónimo de "mark twain" ("marca dous") que era o berro do sondador para unha profundidade fluvial medida de dúas brazas (12 pés), que era auga segura para un barco de vapor.[24][25]
Como novo piloto, Clemens serviu no vapor A. B. Chambers con Grant Marsh, que se fixo famoso polas súas fazañas como capitán dun barco de vapor no río Missouri. Ambos se gustaban e admiraban, e mantiveron unha correspondencia durante moitos anos despois de que Clemens abandonase o río.[26]
Mentres se adestraba, Samuel convenceu ao seu irmán menor, Henry, para que traballase con el, e mesmo lle conseguiu un posto de oficinista no barco de vapor Pennsylvania. O 13 de xuño de 1858, a caldeira do vapor explotou; Henry sucumbiu ás súas feridas o 21 de xuño. Twain afirmou prever esta morte nun soño un mes antes, [27]:275 que inspirou o seu interese pola parapsicoloxía; foi un dos primeiros membros da Sociedade para a Investigación Psíquica.[28] Twain sentiase culpable e considerouse responsable durante o resto da súa vida. Seguiu traballando no río e foi piloto fluvial ata que estalou a guerra civil en 1861, cando se restrinxiu o tráfico ao longo do río Mississippi . Ao comezo das hostilidades, alistouse brevemente nunha unidade local dos Confederados. Máis tarde escribiu o esbozo "The Private History of a Campaign That Failed" (A historia privada dunha campaña que fracasou), no que describe como el e os seus amigos foran voluntarios confederados durante dúas semanas antes de que a súa unidade se disolvese.[29]
Despois marchouse a Nevada para traballar para o seu irmán Orion, que era Secretario do Territorio de Nevada. Twain describe o episodio no seu libro Roughing It.[30][31]:147
No oeste americano
editarOrion converteuse en secretario do Territorio de Nevada co gobernador James W. Nye en 1861, e Twain uniuse a el cando se trasladou ao oeste. Os irmáns viaxaron máis de dúas semanas en dilixencia polas Grandes Chairas e as Montañas Rochosas, visitando a comunidade mormona en Salt Lake City..[32]
A viaxe de Twain terminou na cidade mineira de Virginia City, Nevada, onde se converteu en mineiro en Comstock Lode.[29] Fracasou como mineiro e entrou a traballar no xornal de Virginia City Territorial Enterprise,[33] traballando ás ordes dun amigo, o escritor Dan DeQuille. A primeira vez que utilizou o seu pseudónimo foi o 3 de febreiro de 1863, cando escribiu un relato humorístico de viaxe titulado "Letter From Carson – re: Joe Goodman; party at Gov. Johnson's; music" e asinouno como "Mark Twain".[34][35]
As súas experiencias no oeste americano inspiraron Roughing It, escrito durante 1870-71 e publicado en 1872.[36] As súas experiencias en Angels Camp (no condado de Calaveras, California) proporcionáronlle material para «The Celebrated Jumping Frog of Calaveras County» (1865).[37][38]
Twain trasladouse a San Francisco en 1864, aínda como xornalista, e coñeceu a escritores como Bret Farte e Artemus Ward. É posible que mantivese unha relación sentimental coa poetisa Ina Coolbrith.[39]
O primeiro éxito de Twain como escritor chegou cando, o 18 de novembro de 1865, o seu conto humorístico "The Celebrated Jumping Frog of Calaveras County" (A célebre ra saltadora do condado de Calaveras) publicouse no semanario neoiorquino The Saturday Press, o que lle atraeu a atención nacional. Un ano máis tarde, Twain viaxou ás Illas Sándwich (actual Hawaii) como reporteiro do Sacramento Union. As súas cartas ao Union foron populares e convertéronse na base das súas primeiras conferencias.[40]
En 1867, os xornais locais The Alta California e New-York Tribune financiaron a viaxe de Twain polo Mediterráneo a bordo do Quaker City, que incluía un percorrido por Europa e Oriente Medio. Escribiu unha colección de cartas de viaxe que máis tarde se recompilaron como The Inocents Abroad (Os inocentes no estranxeiro) (1869). Foi nesta viaxe cando Twain coñeceu ao seu compañeiro de viaxe Charles Langdon, quen lle mostrou unha foto da súa irmá Olivia. Twain afirmou máis tarde namorarse a primeira vista.[41]
Ao seu regreso a Estados Unidos, en 1868 Twain recibiu unha oferta para ser membro honorario da sociedade secreta Scroll and Key da Universidade Yale.[42]
Popularidade
editarEn San Francisco traballou como xornalista en The Californian, pero foi despedido tras disputas cos seus editores, que se negaban a publicar os seus artigos máis controvertidos. Entre eles, un sobre a discriminación dos chineses e outro sobre a brutalidade policial. Os traballos xornalísticos desta época foron recollidos máis tarde en Mark Twain of the Enterprise (1857). Tras quedar sen traballo e sen diñeiro, estivo a piques de suicidarse. A partir de 1864 comezou a frecuentar outros escritores, un deles Artemus Ward, humorista e conferenciante, que o animou e lle ensinou o negocio das conferencias. Soportou con dificultade a Francis Bret Harte, con quen colaborou nalgúns proxectos e ao que acusou de abandonar a súa esposa e ser un sabrista consumado. O seu relato The Celebrated Jumping Frog of Calaveras County (1865) deulle unha súbita popularidade e asinou ese mesmo ano un contrato co Sacramento Union para escribir unha serie de cartas sobre o servizo de pasaxeiros do recentemente inaugurado servizo de barcos de vapor entre San Francisco e Honolulu; apareceu xa perfilado o seu estilo cunha inimitable e mordaz ironía. Os seus editores (Webb, Bliss) comezaron a enganalo sistemática e impunemente sobre as vendas das súas obras.
Viaxes
editarEn 1867 viaxou a Europa e Terra Santa, aproveitando para escribir o seu libro de viaxes Innocents abroad (1869), en que explotou humoristicamente e de forma epistolar -son cartas publicadas primeiramente en xornais norteamericanos- por unha banda, a decadencia, pretensiosidade e o aristocratismo antidemocrático europeos, e, por outro, o provincianismo pailán e a irreverencia dos estadounidenses en contacto con Europa. En 1870 casou con Olivia Langdon, o grande amor da súa vida, a quen chamou Livy. Olivia era filla dun capitalista progresista que axudou a escapar moitos escravos como parte da rede de liberación chamada Tren Subterráneo. Ao principio Olivia non prestou atención a Samuel, pero tras un ano de cartas diarias, terminou por namorarse do escritor. Seguiu escribindo libros de viaxes, como A Tramp Abroad (1880) sobre unha excursión aos Alpes e a Selva Negra alemá, e o clásico Life on the Mississippi (1883), composto con materiais publicados ou redactados anteriormente e que centra un período de introspección sobre a súa infancia e mocidade e no que figuran os máis valiosos libros narrativos do escritor: As aventuras de Tom Sawyer (1876) e As aventuras de Huckleberry Finn (1884).
Un investimento nun novo tipo de linotipia, a linotipia Paige, arruinouno completamente no pánico de 1893, pero logrou saír dos números vermellos dando conferencias por todos os Estados Unidos e ao redor de todo o mundo: publicou sobre esta experiencia o libro de viaxes Following the Equator (1897). Convenceu o xeneral Grant para que editase as súas memorias. Morreulle a súa filla rmáis vella, Susy, de meninxite, Livy quedou inválida e outro fillo morreu por descoido seu, como dolorosamente contou na súa My Autobiography; o escritor sumiuse nun negro pesimismo e nunha temible misantropía, de forma que ata el mesmo se deu conta de que o que escribía naquel tempo era mordaz de máis e impublicable para os parámetros de entón e deixou instrucións para que se editase trala súa morte. Fixo unha esgotadora viaxe coa súa esposa por Suráfrica, Calcuta, Australia e Nova Zelandia, dando conferencias e quedaron a vivir en Nova York. A súa esposa faleceu en Firenze en 1904. A súa filla Jean de súpeto en 1909; deste golpe apenas se recuperou e morreu catro meses despois, o 21 de abril de 1910, en Stormfield, Nova York. Só lle sobreviviu unha filla.
Foi recoñecido mundialmente durante os últimos anos da súa vida, e recibiu, entre outros, o doutoramento Honoris Causa pola Universidade de Oxford (Inglaterra), en 1907.
Obras
editarEntre as súas obras pódense citar:
- The Innocents Abroad (1869), libro de viaxes satírico.
- Roughing It (1872)
- As aventuras de Tom Sawyer (1876), novelización sobre algúns personaxes da infancia do autor en Hannibal.
- A Tramp Abroad (1880)
- O príncipe e o esmoleiro[43][44] (1882), novela histórica.
- Life on the Mississippi (1883), autobiográfica.
- As aventuras de Huckleberry Finn (1884), considerada a primeira novela moderna da literatura norteamericana.
- Un ianqui na corte do rei Arturo[45] (1889), fantasía histórica que encobre unha crítica á sociedade contemporánea.
- Following the Equator (1897), libro de viaxes.
- Pudd'nhead Wilson (1894), narración determinista cuxo fin é atacar a escravitude.
- Personal Recollections of Joan of Arc (1896)
- Unha sátira detectivesca de dobre canón (1902)[46]
- Retallos do diario de Adán[47] (1904)
- Diario de Eva[48] (1906)
- O forasteiro misterioso (1916)[49]
- My Autobiography, (1924) póstuma.
Contos:
- The Man That Corrupted Hadleyburg (1899)
- The War Prayer (1905)
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Biography of Mark Twain". Arquivado dende o orixinal o 3 de xuño de 2017. Consultado o 21 de novembro do 2023.
- ↑ "MARK TWAIN IS DEAD AT 74; End Comes Peacefully at His New England Home After a Long Illness.". The New York Times. 22 de abril de 1910. ISSN 0362-4331. Consultado o 21 de novembro do 2023.
- ↑ Jelliffe, Robert A. (1956). Faulkner at Nagano. Tokyo: Kenkyusha, Ltd.
- ↑ World Book Encyclopedia. Chicago: World Book, Inc. 1999.
- ↑ Thomson, David, In Nevada: The Land, The People, God, and Chance, New York: Vintage Books, 2000. ISBN 0-679-77758-X p. 35
- ↑ Twain, Mark (1903). The Jumping Frog: The Jumping Frog, in English, Then in French, Then Clawed Back Into a Civilized Language Once More by Patient, Unremunerated Toil. Nova York: Harper & Brothers.
- ↑ Caron, James E. (2008). "The Blessings of Civilization: Mark Twain's Anti-Imperialism and the Annexation of the Hawai'ian Islands". The Mark Twain Annual (6). pp. 51–52. JSTOR 41582240 – vía JSTOR.
- ↑ "Mark Twain – The World of 1898: The Spanish-American War". Hispanic Division, Library of Congress. Consultado o 21 de novembro do 2023.
- ↑ Stone, Oliver; Kuznick, Peter (2013). The Untold History of the United States.
A historia non contada dos Estados Unidos
- ↑ Thurber, Dani. "Research Guides: World of 1898: International Perspectives on the Spanish American War: Mark Twain". Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América (en inglés). Consultado o 21 de novembro do 2023.
Durante a guerra hispano-estadounidense, Twain converteuse nun fervente antiimperialista, chegando mesmo a unirse á liga Antiimperialista. As súas opinións sobre a guerra e sobre a guerra de Filipinas publicáronse en todo o país.
- ↑ "Mark Twain's weird but perfect ending". PBS NewsHour. 21 de abril de 2022. Consultado o 21 de novembro do 2023.
- ↑ Hoffman, Andrew J. (1997). Inventing Mark Twain. William Morrow. ISBN 978-0688127695. Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2017.
- ↑ Kaplan, Fred (2007). "Chapter 1: The Best Boy You Had 1835–1847". The Singular Mark Twain. Doubleday. ISBN 978-0-385-47715-4.
- ↑ Jeffrey L. (Ed) Egge. The Pennsylvania Genealogical Magazine, Volume 41. p. 1.
- ↑ Michelle K Smith (31 de decembro de 2014). "Mark Twain's ancestor was "witchfinder general" in Belfast trial".
- ↑ Kathryn Stelmach Artuso. Transatlantic Renaissances: Literature of Ireland and the American South. p. 5.
- ↑ Lyman Horace Weeks. Genealogy Volume 1–2; a weekly journal of American ancestry. p. 202.
- ↑ Powers, Ron (2006). Mark Twain: A Life. Free Press. ISBN 9780743248990.
- ↑ "Welcome to the Mark Twain House & Museum – Clemens Family Tree". www.marktwainhouse.org. Arquivado dende o orixinal o 10 de febreiro de 2017. Consultado o 21 de novembro do 2023.
- ↑ Lindborg, Henry J. Adventures of Huckleberry Finn. Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2009. Consultado o 23 de novembro do 2023.
- ↑ "John Marshall Clemens". State Historical Society of Missouri. Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2013. Consultado o 21 de novembro do 2023.
- ↑ Philip S. Foner, Mark Twain: Social Critic (New York: International Publishers, 1958), p. 13, cited in Helen Scott's "The Mark Twain they didn't teach us about in school" (2000) in the International Socialist Review 10, Winter 2000, pp. 61–65, at [1] Arquivado 2002-06-16 en Wayback Machine.
- ↑ Clemens, Samuel L. Life on the Mississippi, pp. 32, 37, 45, 57, 78, Harper & Brothers, Nova York e Londres, 1917.
- ↑ "Nautical Dictionary, Glossary and Terms directory: Search Results". www.seatalk.info. Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2017. Consultado o 21 de novembro do 2023.
- ↑ "What do Mark Twain and your depth sounder have in common?". www.boatsafe.com/index.html. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2018. Consultado o 21 de novembro do 2023.
- ↑ Hanson, Joseph Mills. The Conquest of the Missouri: Being the Story of the Life and Exploits of Captain Grant Marsh, pp. 24–29, Murray Hill Books, Inc., New York and Toronto, 1909.
- ↑ Smith, Harriet Elinor, ed. (2010). Autobiography of Mark Twain: Volume 1. University of California Press. ISBN 978-0-520-26719-0.
- ↑ Para máis información sobre a relación de Twain coa parapsicología, véxase Blum, Deborah, Ghost Hunters: William James and the Search for Scientific Proof of Life After Death (Penguin Press, 2006).
- ↑ 29,0 29,1 "Mark Twain Biography". The Hannibal Courier-Post. Consultado o 21 de novembro do 2023.
- ↑ Clemens, Samuel L. Roughing It, p. 19, American Publishing Company, Hartford, CT, 1872. ISBN 0-87052-707-X.
- ↑ J. R. Lemaster (1993). The Mark Twain Encyclopedia. Taylor & Francis. ISBN 978-0824072124.
- ↑ Powell, Allan Kent (22 de abril de 2016). "Mark Twain's Utah". Utah Division of State History. Consultado o 13 de decembro do 2023.
- ↑ Comstock Commotion: The Story of the Territorial Enterprise and Virginia City News, capítulo 2.
- ↑ "Mark Twain quotations". Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2021. Consultado o 19 de marzo do 2024.
- ↑ Para máis información, véxase Mark Twain en Nevada.
- ↑ Messent, Peter (1997). Messent, Peter, ed. Roughing It and the American West. Mark Twain (en inglés) (London: Macmillan Education UK). pp. 44–64. ISBN 978-1-349-25271-8. doi:10.1007/978-1-349-25271-8_3. Consultado o 11 de xuño do 2024.
- ↑ "Great Read: The frog that jump-started Mark Twain's career". Los Angeles Times (en inglés). 2015-05-14. Consultado o 11 de xuño do 2024.
- ↑ Cuff, Roger Penn (1952). "Mark Twain's Use of California Folklore in His Jumping Frog Story". The Journal of American Folklore 65 (256). pp. 155–158. JSTOR 536886. doi:10.2307/536886.
- ↑ Dickson, Samuel. Isadora Duncan (1878–1927). The Virtual Museum of the City of San Francisco. Arquivado dende o orixinal o June 29, 2017. Consultado o July 9, 2009.
- ↑ "Samuel Clemens". PBS:The West. Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2007. Consultado o 17 de xullo do 2024.
- ↑ Gunderman, Richard (12 de febreiro de 2018). "Mark Twain's adventures in love: How a rough-edged aspiring author courted a beautiful heiress". The Conversation. Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2018. Consultado o 21 de xullo do 2024.
- ↑ Mark Twain; Edgar Marquess Branch; Michael B. Frank; Kenneth M. Sanderson (1990). Mark Twain's Letters: 1867–1868. University of California Press. ISBN 978-0520906075.
- ↑ Ficha na Base de datos de libros editados en España
- ↑ Tamén editada como O príncipe e o mendigo
- ↑ Ficha na Base de datos de libros editados en España
- ↑ O título orxinal en lingua inglesa foi A Double Barrelled Detective Story. Kalandraka publicou a tradución ao galego e cargo de Antía Veres Xesto en 2018.
- ↑ Ficha na Base de datos de libros editados en España
- ↑ Ficha na Base de datos de libros editados en España
- ↑ O título orixinal en lingua inglesa foi The Mysterious Stranger. Publicouna en galego a Editorial Hugin e Munin en 2012.
Véxase tamén
editarA Galicitas posúe citas sobre: Mark Twain |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mark Twain |
Bibliografía
editar- Lucius Beebe. Comstock Commotion: The Story of the Territorial Enterprise and Virginia City News. Stanford University Press, 1954 ISBN 1-122-18798-X
- Louis J. Budd, ed. Mark Twain, Collected Tales, Sketches, Speeches & Essays 1891–1910 (Library of America, 1992) (ISBN 978-0-940450-73-8)
- Ken Burns, Dayton Duncan, and Geoffrey C. Ward, Mark Twain: An Illustrated Biography. Nova York: Alfred A. Knopf, 2001 (ISBN 0-375-40561-5)
- Gregg Camfield. The Oxford Companion to Mark Twain. Nova York: Oxford University Press, 2002 (ISBN 0-19-510710-1)
- Guy Cardwell, ed. Mark Twain, Mississippi Writings (Library of America, 1982) (ISBN 978-0-940450-07-3)
- Guy Cardwell, ed. Mark Twain, The Innocents Abroad & Roughing It (Library of America, 1984) ISBN 978-0-940450-25-7
- James M. Cox. Mark Twain: The Fate of Humor. Princeton University Press, 1966 (ISBN 0-8262-1428-2)
- Everett Emerson. Mark Twain: A Literary Life. Philadelphia: University of Pennsylvania Press, 2000 (ISBN 0-8122-3516-9)
- Shelley Fisher Fishkin Arquivado 28 de febreiro de 2013 en Wayback Machine., ed. A Historical Guide to Mark Twain. Nova York: Oxford University Press, 2002 (ISBN 0-19-513293-9)
- Susan K. Harris, ed. Mark Twain, Historical Romances (Library of America, 1994) (ISBN 978-0-940450-82-0)
- Hamlin L. Hill, ed. Mark Twain, The Gilded Age and Later Novels (Library of America, 2002) ISBN 978-1-931082-10-5
- Jason Gary Horn. Mark Twain: A Descriptive Guide to Biographical Sources. Lanham, Md.: Scarecrow Press, 1999 (ISBN 0-8108-3630-0)
- William Dean Howells. My Mark Twain. Mineloa, Nova York: Dover Publications, 1997 (ISBN 0-486-29640-7)
- Fred Kaplan. The Singular Mark Twain: A Biography. Nova York: Doubleday, 2003 (ISBN 0-385-47715-5)
- Justin Kaplan. Mr. Clemens and Mark Twain: A Biography. Nova York: Simon and Schuster, 1966 (ISBN 0-671-74807-6)
Ligazóns externas
editar- Mais de 60 textos dispoñíbeis gratuitamente (en inglés)
- As Obras de Mark Twain, Versións indexadas por capítulo, con sistema de busca (en inglés)
- Obras Completas de Mark Twain (en inglés)
- Frases, artigos de xornais e outros textos de Mark Twain (en inglés)
- A casa de Mark Twain en Hartford, CT (en inglés)
- O conto The Celebrated Jumping Frog of Cavaleras County (en portugués)