Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Mixobacterias

(Redirección desde «Mixobacteria»)
Myxobacteria

Myxococcus xanthus
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Deltaproteobacteria
Orde: Myxococcales
Familia: Cystobacteraceae

   Angiococcus
   Archangium
   Cystobacter
   Melittangium
   Stigmatella
   Hyalangium
Myxoccaceae
   Myxococcus
   Corallococcus
   Pyxidicoccus
Polyangiaceae
   Byssovorax
   Chondromyces
   Polyangium
   Sorangium
   Jahnella
Nannocystaceae
   Nannocystis
   Plesiocystis
   Enhygromyxa
   Pseudenhygromyxa
Kofleriaceae
   Kofleria
   Haliangium

As mixobacterias (ou "bacterias mucilaxinosas") son un grupo de deltaproteobacterias gramnegativas que constitúen a orde Myxococcales, que viven predominantemente no solo e se alimentan de compostos orgánicos insolubles. As mixobacterias teñen grandes xenomas en relación con outras bacterias, por exemplo de 9–10 millóns de nucleótidos. A especie Sorangium cellulosum ten o xenoma bacteriano máis grande (en 2008), con 13,0 millóns de nucleótidos.[1]

É característico das mixobacterias a formación dun corpo frutífero que orixina esporas resistentes (mixosporas). A maioría das mixobacterias son amarelas debido a que conteñen pigmentos carotenoides, que as protexen da luz.[2]

As mixobacterias poden moverse activamente por escorregamento. Móvense tipicamente en enxames (tamén chamados mandas de lobos) que conteñen moitas células que se manteñen preto unhas das outras por medio de sinais moleculares intercelulares que envían. Os individuos benefícinase desta agregación, xa que esta permite a acumulación extracelular de encimas que se utilizarán na dixestión do alimento, o que incrementa a eficacia na alimentación.

As mixobacterias producen diversos compostos útiles en biomedicina e na industria, como antibióticos, e exportan eses compostos fóra da célula.[3]

Historia

editar

Inicialmente pensábase que estes organismos pertencían ao grupo dos chamados "fungos imperfectos". Cando se recoñeceu a súa natureza bacteriana en 1892 denomináronse Myxobacteriaceae como un novo grupo dentro dos Schizomycetes, logo na 1ª edición do manual de Bergey denomináronse Myxobacteriales (Buchanan 1917) e definíronse como bacterias que escorregan formando corpos frutíferos cheos de elementos de resistencia chamados mixosporas. Tamén se lles denominou Myxobacteria (Krasilʹnikov 1959).[4] Estes termos xa non son válidos taxonomicamente, pero o termo "mixobacterias" segue utilizándose moito como nome común. Tamén se lles chama mixobacterias escorregantes frutificantes. Hoxe están clasificadas na orde Myxococcales.

Ciclo de vida

editar

Cando os nutrientes escasean, as células das mixobacterias agréganse formando corpos frutíferos (que non se deben confundir cos corpos frutíferos dos fungos), un proceso que se pensou durante moito tempo que dependía da quimiotaxe, pero que agora se cre que é resultado dunha forma de sinalización dependente de contacto.[5][6] Estes corpos frutíferos poden ter diferentes formas e cores, segundo a especie de que se trate; poden ser simples formas globosas formadas por unha mucilaxe con mixosporas, ou ter pedúnculo e parede.[2] Dentro dos corpos frutíferos, as células empezan sendo células vexetativas con forma de bacilo, e transfórmanse despois en mixosporas arredondadas con paredes celulares grosas. Estas mixosporas, análogas ás esporas doutros organismos, teñen maior probabilidade de sobrevivir ata que volva a haber abundancia de alimento, e resisten ao desecamento e outras condicións desfavorables. O proceso de frutificación crese que beneficia ás mixobacterias ao pasar os períodos desfavorables en forma de espora resistente e ao asegurar que o crecemento celular se reinicia empezando cun grupo (enxame) de mixobacterias, en vez de con células illadas. As mixosporas xerminan por un punto concreto da cuberta e delas sae un bacilo vexetativo típico.[2] Desenvólvense ciclos vitais similares entre certas amebas chamadas balores mucilaxinosos (eucariotas).

A nivel molecular, o inicio da formación do corpo frutífero está regulado polo Pxr sRNA.[7][8] No xénero Stigmatella a luz favorece a formación de corpos frutíferos e a formación dunha feromona lipídica que inicia o proceso de agregación.[2]

As mixobacteras como Myxococcus xanthus e Stigmatella aurantiaca utilízanse como organismos modelo para o estudo do desenvolvemento bacteriano.

Uso clínico

editar

Os metabolitos segregados por Sorangium cellulosum chamados epotilonas teñen actividade antineoplásica, polo que se desenvolveron análogos que imitan a súa actividade. Un deses análogos, é o fármaco Ixabepilone que se utiliza no tratamento do cancro de mama metastático.[9]

Varias especies de mixobacterias debuxadas por Roland Thaxter en 1892: Chondromyces crocatus (figs. 1–11), Stigmatella aurantiaca (figs. 12–19 e 25-28), Melittangium lichenicola (figs. 20–23), Archangium gephyra (fig. 24), Myxococcus coralloides (figs. 29-33), Polyangium vitellinum (figs. 34-36), e Myxococcus fulvus (figs. 37-41). Thaxter foi o primeiro taxonomista que recoñeceu a natureza bacteriana das mixobacterias. Previamente, foran clasificadas incorrectamente como pertencentes aos fungi imperfecti (fungos imperfectos).
  1. Schneiker S; et al. (2007). "Complete genome sequence of the myxobacterium Sorangium cellulosum". Nature Biotechnology 25 (11): 1281–1289. PMID 17965706. doi:10.1038/nbt1354. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Madigan, M. T., Martinko, J. M., Parker, J. "Brock - Microbiología de los Microorganismos". 10ª edción. Páxinas 392-395. ISBN 84-205-3679-2.
  3. Reichenbach H (2001). "Myxobacteria, producers of novel bioactive substances". J Ind Microbiol Biotechnol 27 (3): 149–56. PMID 11780785. doi:10.1038/sj.jim.7000025. 
  4. N A Krasilʹnikov 1959. Diagnostik der Bakterien und Actinomyceten.
  5. Kiskowski MA, Jiang Y, Alber MS (2004). "Role of streams in myxobacteria aggregate formation". Phys Biol 1 (3–4): 173–83. PMID 16204837. doi:10.1088/1478-3967/1/3/005. 
  6. Sozinova O, Jiang Y, Kaiser D, Alber M (2005). "A three-dimensional model of myxobacterial aggregation by contact-mediated interactions". Proc Natl Acad Sci USA 102 (32): 11308–12. PMC 1183571. PMID 16061806. doi:10.1073/pnas.0504259102. 
  7. Yu YT, Yuan X, Velicer GJ (May 2010). "Adaptive evolution of an sRNA that controls Myxococcus development". Science 328 (5981): 993. PMC 3027070. PMID 20489016. doi:10.1126/science.1187200. Consultado o 2010-07-22. 
  8. Fiegna F, Yu YT, Kadam SV, Velicer GJ (May 2006). "Evolution of an obligate social cheater to a superior cooperator". Nature 441 (7091): 310–4. PMID 16710413. doi:10.1038/nature04677. 
  9. "FDA Approval for Ixabepilone". Arquivado dende o orixinal o 05 de outubro de 2014. Consultado o 05 de setembro de 2014. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externaas

editar