Nubes
Nubes (en grego clásico, Νεφέλαι) é unha comedia temperá dentro da obra do autor ateniense Aristófanes. Nela faise unha forte crítica dos sofistas e as súas ensinanzas, e non faltan os temas e personaxes de moda da Atenas de finais do século -V. A obra tamén é destacábel por ser a referencia histórica máis antiga sobre a figura de Sócrates.
Representación
editarAs nubes foi presentada por primeira vez o ano -423, pero Aristófanes non logrou gañar o primeiro premio, sacando o terceiro nas Dionisias. Aristófanes xamais se resignou a ter perdido. Polo mesmo, reescribiu entre os anos -420 e -417 o texto da súa obra e esa é a versión que se conserva na actualidade[1]. Isto sabémolo porque na mesma comedia o coro exhorta aos espectadores reprochándolles o ter perdido. Aristófanes considerábaa a súa obra máis fina de entre as súas comedias. N'As nubes aparece a primeira referencia histórica sobre Sócrates, que é presentado como un sofista.
Argumento da obra
editarA obra trata dun pai, Estrepsíades (Στρεψιάδης), e o seu fillo Fidípides (Φειδιππίδης). Fidípides é un mozo fanático da hípica e os cabalos, cuxa diversión lle sae bastante cara ao seu pai, que contraeu unha serie de débedas polo seu amor aos cabalos.
O seu pai vai directo á ruína e non ten interese en lles pagar aos acredores e para iso idea un plan que o sacará de problemas: Mandará ao seu fillo a estudar ao matinadoiro (φροντιστήριον, palabra inventada por Aristófanes), tamén traducido como Pensatorio, de Sócrates, que é unha especie de escola onde ensinan, por diñeiro ou cousas de valor, os sofistas Sócrates e o seu amigo Querefonte (Χαιρεφῶν) as diversas disciplinas sofísticas e especialmente o argumento xusto e o argumento inxusto que o sacarán de todas as débedas ao poder gañar os xuízos na súa contra. Fidípides négase a ir e termina indo Estrepsíades, que cando se atopa cos discípulos de Sócrates e Querefonte pregunta o que fan e mantén despois un diálogo cun deles, durante o cal é presentado a Sócrates que é chamado "el mesmo" (αὐτός) que está a colgar dun cesto observando o ceo.
Tras ese episodio cómico Sócrates fálalle do ceo e demóstralle que Zeus non existe e que as nubes tamén son deusas e moi importantes, e quen xunta as nubes non é Zeus senón o "Bulebule" (Δῖνος). Despois comeza un diálogo onde proba a Estrepsíades ata que aparecen as Nubes. Logo comeza un diálogo entre as Nubes e Estrepsíades e máis tarde reaparece Sócrates que lle ensina novas cousas, pero Estrepsíades é un home vello e ademais rústico, así que esquece todo o que aprende.
As Nubes dinlle que vaia buscar o seu fillo por ser máis novo e guapo, así Estrepsíades convénceo para que aprenda os dous argumentos nun diálogo onde o fillo sostén opinións antigas e o pai as opinións novas. Despois Sócrates dille que este será ensinado por ambos os argumentos, e gaña o argumento inxusto. Así Fidípides aprende o argumento inxusto e o seu pai lévao a casa. Logo chegan os prestamistas e Estrepsíades non lles teme e di que non lle pagará confiando no seu fillo que gañará grazas ao argumento inxusto. Logo o seu fillo, que foi corrompido, sae perseguindo ao pai para lle pegar. Ao final Estrepsíades xunto ao seu escravo toma vinganza de Sócrates e obrígao a fuxir do Matinadoiro por ter incendiado o local.
A visión de Sócrates e os sofistas
editarAristófanes como ateniense conservador vía na sofística un perigo, xa que segundo a opinión corrompía á mocidade. Así, este situou a Sócrates dentro dos sofistas como un dos representantes e facendo converxer nel non só o socratismo (Aristófanes na obra fala da aporía e unha serie de referencias máis sobre o venerábel filósofo ateniense), senón tamén todas as artes sofísticas (retórica, astronomía, música, etc). Así preséntanos un Sócrates moi distinto do ancián xusto e sabio da Apoloxía de Platón e da de Xenofonte, e moi afastado da crítica aos sofistas doutros diálogos platónicos como Protágoras, ou das Memorables de Xenofonte. Aínda que na historia da filosofía e a tradición sempre rexeitaron a imaxe do Sócrates de Aristófanes, na actualidade esa imaxe do astronomosofista aínda que non é aceptada totalmente, recoñécese que hai algo de certo.[cita requirida] No banquete de Platón atópanse Sócrates e Aristófanes, onde non teñen problemas para relacionarse o un co outro, e así transcorren sen conflito. A obra cumpre o seu propósito de mostrar como a mocidade é corrompida polos sofistas, aínda que a vítima foi Sócrates, que foi ridiculizado polo comediógrafo e a súa imaxe deformada para parecer un sofista común para a súa época.
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Pablo Cavallero et al, Aristófanes. Nubes (Edición Bilingüe). Facultade de Filosofía e Letras, Universidade de Buenos Aires, 2007.
- Óscar Velásquez. Aristófanes: Nubes. Editorial Universitaria, Santiago de Chile, 2005.
- Luis M. Macía Aparicio, Aristófanes. Comedias, I, II y III. Ediciones Clásicas. Madrid.
- VV. AA. (1993). Howatson, M. C., ed. Dictionnaire de l'Antiquité (en francés). París: Robert Laffont. ISBN 2221068009.
Ligazóns externas
editarTexto español no sitio da Biblioteca de Clásicos Grecolatinos.
- Texto español en Scribd.
- Texto inglés, con índice electrónico, no Proxecto Perseus. Na parte superior dereita atópanse os rótulos activos "focus" (para cambiar ao texto grego) e "load" (para o texto bilingüe).
- Texto bilingüe grego - francés no sitio de Philippe Remacle (1944 - 2011)
- Fragmento: O xusto e o inxusto (961 - 1023); texto bilingüe alterno grego - francés no mesmo sitio.
- Texto grego das nubes en Wikisource.
- Fragmento: O xusto e o inxusto (961 - 1023); texto bilingüe alterno grego - francés no mesmo sitio.
Thomas R. Martin: An Overview of Classical Greek History from Mycenae to Alexander (Panorama da historia da Grecia Antiga desde a época micénica até a de Alexandre); texto inglés, con índice electrónico, no Proxecto Perseus.
- Aristophanes on Socrates (Aristófanes sobre Sócrates).