Oroxénese herciniana
A oroxénese herciniana[2] ou varisca foi un evento xeolóxico de formación de masas de montañas que se produciu no Paleozoico final pola colisión continental de Euramérica (ou Laurusia) e Gondwana e que resultou na formación do supercontinente Panxea.
Nomenclatura
editarO termo varisca ou varisco procede do nome latino medieval do distrito Variscia, que se refería á tribo xermana dos Varisci. Ese termo acuñouno en 1880 o profesor xeólogo Eduard Suess, da universidade de Viena. Pola outra banda, o termo herciniano deriva do bosque Herciniano, que foi o bosque que se cita na literatura e que cubría a parte leste do río Rin de norte a sur da Xermania Magna.
Ambos os dous termos tentan ser descritivos das direccións de buzamento que os xeólogos observaran na zona alemá: a varisca, de suroeste a noroeste, e a herciniana, de noroeste a suroeste. A dirección varisca reflicte a dirección dos antigos pregamentos que emerxeron ao longo de Alemaña e rexións próximas e que se desviaron da súa dirección para encaixar nos seguintes pregamentos.
Franz Kossmat liderou a investigación dos pregamentos variscos en Alemaña, e definiu unha división das variscidas europeas en 1927 que aínda é válida.[3] A outra dirección, a herciniana, segue a dirección das montañas Harz alemás. Este termo, úsase en diferentes graos como sinónimo de varisco.
Nalgúns casos, en particular en estudos americanos, empréganse outros termos para referirse á mesma oroxénese e formación das Montañas do Apalache, ou similares.[4][5]
O termo varisca experimentou diferentes usos desde os 1960. Polo xeral, emprégase para describir os pregamentos e fases da oroxénese do paleozoico tardío e dándolle unhas datas de 380 a 280 Ma. Nalgunhas outras publicacións o termo emprégase para pregamentos aínda máis recentes[6], dándolle outro concepto diferente ao da oroxénese europea e americana relacionada coa colisión de Gondwana-Euramérica.
Distribución
editarO cinto americano e europeo varisco inclúe as cordilleiras da Península Ibérica (en particular Galiza e os Pireneos), o suroeste de Irlanda, Cornualla e Devon, e en Gales as rexións de Pembrokeshire, a península de Gower e o val de Glamorgan. Os seus efectos están presentes tamén en Francia desde a Bretaña, por debaixo da bacía parisiense ata Ardenas, no Macizo Central francés, a cordilleira dos Vosgos e en Córsica. O cinto varisco reaparece na Sardeña italiana e en Alemaña no macizo do Rhin (Ardenas, Eifel, Hunsrück, Taunus e outras rexións arredor do val cetral do Rhin), na Selva negra e nas montañas de Harz quedaron como un vestixio.
Na república Checa e no leste de Polonia o macizo Bohemio é a rexión máis o leste do cinto varisco europeo no que non houbo modificacións. Outras formacións variscas que aparecen máis o sueste están en parte agochadas polo impacto da sucesiva oroxénese alpina.
Nos Alpes, o núcleo varisco está arredor das rexións francesas Mercantour, Pelvoux, Belledonne, Montblanc e o macizo do Aar. As cadeas montañosas Dinárdicas, gregas e turcas xa son o remate polo sueste do varisco europeo.[7]
A oroxénese varisca foi contemporánea coa oroxénese acadiana e a apalache, que se produciu en América do Norte, e que foi responsable da formación dos Apalaches e das montañas Ouachita. As áreas americanas do norte con dobramentos variscos son a Nova Inglaterra, Nova Escocia e Terra Nova e Labrador. A meseta marroquí e o Anti-atlas do noroeste africano teñen unha estreita relación coas Apalaches e formaron parte da oroxénese apalache antes da apertura do océano Atlántico durante o Xurásico.[8]
As montañas variscas, nun sentido cronolóxico amplo, inclúen aos Urais, as montañas de Pamir, e as do Tian Shan, así como a outros dobramentos asiáticos.[9][10]
Formación
editarA oroxénese varisca ou herciniana produciuse cunha complicada e heteroxénea mestura de colisións de diferentes microplacas en diferentes unidades de tempo. Iso dificulta a reconstrución da oroxenia. A converxencia de placas que causaron a oroxénese caledoniana no silúrico continuou coa oroxénese varisca nos seguintes períodos, o Devoniano e o Carbonífero. Ambas as dúas oroxéneses produciron a unión dun supracontinente, a Panxea, que rematou no carbonífero.
Durante o ordovícico as masas de terra, que eran a Gondwana (as arestora América do Sur, África, a Antártida e Australia), ocuparon posicións entre o polo sur e o ecuador nunha única face do planeta. Cara ao leste había tres masas continentais: Laurentia, Siberia e Báltica, e que se posicionaban formando os vértices dun triángulo. Cara ao sur tiñan un arquipélago, o terreo de Avalonia, que emerxía pegado á marxe litoral norte da Gondwana a comezos do ordovícico.
A finais do Silúrico e inicios do Devoniano, Báltica e Laurentia derivaron unha contra a outra, pechando o océano de Xápeto que as separaba. A súa colisión, a oroxenia caledoniana, creou as montañas da Caledonia de América do Norte, Groenlandia, as illas británicas e Noruega.
A expansión do piso oceánico ao sur de Avalonia puxouna cara ao norte de Laurentia e fixo emerxer as montañas do norte do Apalache durante a fase acadiana da oroxénese caledonia. Nese período o mar de Tornquist, que estaba entre a Avalonia e Báltica, pechouse. Con iso, a Avalonia formou pola costa do sur un novo continente: Euramérica ou continente do "Arenito vermello antigo" e resultou nas masas que arestora son a América do Norte, as Illas Británicas, a Alemaña do norte, a Escandinavia e o leste de Rusia.
A finais do Devoniano e durante o Carbonífero o arquipélago Armórica da Europa do sur, que se separara de Gondwana despois de Avalonia máis tarde durante o Ordovícico, foi empurrada cara a Avalonia e creou unha segunda franxa polo leste da Caledonia e o Apalache: a do varisco de Europa e América do Norte. Iso continuou coa colisión de Gondwana coa Euramérica a principios do Carbonífero, cando o cinto varisco xa que estaba presente e desenvolvéndose en activo.
A finais do Carbonífero, Gondwana uniuse coa Euramérica polo seu oeste e polo norte da América do Sur e o noroeste de África. Siberia estábase achegándoselles polo noroeste, despois da súa separación de Euramérica só con augas pouco profundas entre medias. O choque de Siberia resultou na formación das montañas Urais a finais do paleozoico e completouse coa formación de Panxea. A Euramérica do leste aínda se mantivo en división de Gondwana coa formación do océano Paleotetis.
Durante o Triásico da era mesozoica, a flora e fauna púidose desprazar entre os continentes desde a Siberia ata, pasando polo norte da Antártida,o polo sur. Na era do mesozoico a formación do Atlántico supuxo a quebra da Panxea. En consecuencia, o cinto varisco, que daquela circundaba a periferia do Báltico, resultou rachando e perdendo a súa continuidade desde os Apalaches.
Localización dos macizos hercinianos
editarA oroxenia varisca ibérica
editar- Artigo principal: Macizo Ibérico.
A metade occidental da Península Ibérica forma a chamada cadea montañosa do macizo Ibérico[14],[15] que é un continuo do macizo Central e Armoricano franceses e os macizos de Rhin e Bohemio alemáns: a rama sur do arco Ibero-Armoricano.[15][16][17] Ese macizo Ibérico discorre desde a Galiza-Trás-os-Montes ata a Algarve e a Serra Morena, e é unha parte do continuo que se formou no proceso de oroxénese varisca europea durante o Proterozoico superior e o Carbonífero pola converxencia e colisión de Laurasia e Gondwana.[18] O macizo Ibérico é a parte sur dese arco continuo Ibero-Armoricano, que ten uns 3 mil km de longo e unha anchura entre os 700 e 800 km.
Xa que o resultado final da oroxénese foi a formación da Panxea, consecuentemente, nesta área deuse o peche de tres océanos: Xápeto, Reico e o Galicia-Macizo Central Francés.[15] O novo cinto varisco creado da península tiña unha continuidade lineal ata Bohemia. No Pérmico o macizo sufriu unha forte erosión e partiuse en varias placas por mor da disgregación de Panxea e a apertura do océano Atlántico. Así, a cadea varisca peninsular perdeu a súa continuidade coa América do Norte, o occidente africano e o macizo de Bohemia.[15] Trala fragmentación, Iberia, Córsega e Sardeña retornaron as súas posicións pre-mesozoicas. Ademais, a formacións que se produciron durante a oroxénese varisca ibérica víronse reactivadas pola seguinte oroxénese alpina.[19]
A oroxénese supuxo a deformación e unha metamorfización parcial, con intrusión de granitoides, dos terreos proterozoicos e paleozoicos que formaban as placas. A orientación da sección xeolóxica ten unha forma que revela claramente a orixe de oroxénese: na parte norte a orientación das placas é cara ao leste, e no sur é cara ao suroeste.[15] Arestora esa territorio que se formou nesa oroxénese atópase amplamente erosionado. Mesmo as súas montañas mostran relevos suaves, como é o caso do macizo galaico.[15] A orografía determinouna en esencia os factores de facilidade de meteorización das rochas: naqueles lugares onde a erosión foi máis fácil o relevo resultou en máis suave, de menor pendente. A litoloxía do macizo determínano en esencia as rochas plutónicas, en particular os granitos, e a presenza dalgunhas rochas metamórficas, como os xistos, as cuarcitas e os gneises. Nalgunhas pequenas áreas acumuláronse materiais sedimentarios, arenitos ou calcarias.[18]
A división do macizo ibérico
editarO macizo que xerou a oroxénese herciniana na península pódese clasificar en varias zonas paralelas e concéntricas ao arco Ibero-Armoricano: a zona cántabra, a asturoccidental-leonesa, a central ibérica, a Ossa-Morena e a portuguesa do sur.[17][20] A maiores está a Galicia-Trás-os-Montes, que en realidade non é un cinto que forme parte desta oroxénese senón que é un bloque alóctono que foi empurrado contra a zona ibérica central.[17]
Acéptanse polo xeral a definición destas zonas[16][17][18]:
- Zona Cantábrica: é o territorio máis á fronte e noroeste do macizo. É unha área do Paleozoico con sedimentos pre-oroxénese de baixo grosos e que foron depósitos mariños. Alí aos pregues e cabalgamentos diríxense cara ao núcleo do arco de xiro da oroxénese e conserva materiais preoroxénicos e sinoroxénicos grazas ao baixo grao de metamorfismo.
- Zona Asturoccidental-Leonesa: é o territorio arredor do eixo arturiano-leonés que en esencia é un cinto de xisto con placas verticais ou lixeiramente inclinadas. O alto grao elevado de metamorfismo que aumenta cara ao oeste, chegando á fusión e mostrado granitoides no seu occidente. Mostra grandes pregues deitados ou tumbados e cabalgamentos ou fallas. Nel destaca o manto de Mondoñedo, onde na base dun enorme cabalgamento se pode ver unha porción do manto.
- Zona Centroibérica: é a parte central do macizo e a máis extensa. Os seus niveis superiores da codia están caracterizados polas liñas de cuarcita armóricana, que segue sinclinais na parte centro e sur da zona ou núcleos de anticlinais no norte. Na súa zona norte destaca o Ollo de sapo, onde aparecen pregues deitados e un elevado metamorfismo que mostra glándulas de feldespato e clastos de cuarzo azul. O complexo do xisto Grauváquico é a zona máis o sur desta zona e mostra un metamorfismo menor. Esta zona formou parte dunha marxe pasiva de plataforma continental, e continúa no noroeste de África.
- Zona de Ossa-Morena: é a rexión onde se produce o cambio de verter do norte a verter cara ao sur despois dunha zona de cizalla, a cizalla de Badaxoz. Destaca por ser unha zona litoral continental onde se produciron pregues asimétricos e deitados e un metamorfismo moi baixo. Nela produciuse a oroxenia cadomiana do Neoproterozoico.
- Zona Surportuguesa: é a rexión máis ao sur e oeste do macizo, e estreita, na que aparecen deformacións reducidas, como no norte cántabro. É a zona máis externa da oroxénese inda que mostra a anomalía dun abundante magmatisma, xa que foi un punto de colisión intercontinental. Os seus materiais son só do Devoniano e diante.
- Zona de Galicia-Trás-os-Montes: esta rexión, galega e tras-montana, diferénciase da zona central polo seu amplo abano de peculiaridades como material alóctono ou para-autóctono de diferente orixe. Unha das súas áreas seméllase ao xisto Grauváquico Centroibérico, mais as outras son complexos alóctonos (a serie de Malpica-Tui, Ordes, Cabo Ortegal, Braganza e Morais). As rexións alóctonas terían sido terreos divididos por un arco de volcáns do litoral de Gondwana e outra costa separados por mar, que trala unión produciría as típicas ofiolitas. Nesta rexión daría lugar ás montañas de Galicia.
A oroxenia na Europa Central
editarNa Europa Central hai varias rexións xeotectónicas que resultaron da oroxénese herciniana e que sufriron poucas modificacións pola seguinte oroxénese froito da tectónica alpina.[21][22] Nesta zona do continente pódense diferenciar as seguintes áreas principais[21]:
- Zona Rhinoherciniana[23]: unha área de clastos do Devoniano que se estende desde Cornualla até o cinto Moravo-Silesiano, e incluído podería incluír a parte sur da Iberia portuguesa.
- Zona de filitas do norte: que é unha estreita liña de rochas entre o macizo de Rhin e as montañas de Harz da AlemaÑA do leste ao noroeste continental. Pódese considerar como parte da zona do Rhin.
- Zona de máximos cristalinos na alemaña central[24]: é a zona que limita ao sur a área do Rhin e que mostra grandes cambios na composición e no metamorfismo das rochas.
- Zona Saxo-turinxia: é a parte norte de Vosges e a Selva negra así como rexións arredor de Saxonia e Turinxia. Alí aparecen graos elevados de metamorfismo no complexo de granilistas saxón, entre outros.
- Zona moldanubia: é unha rexión arredor de Moldova composta de rochas con alto metamorfismo que chega ata as rexións de Vosgos e a Selva negra e acolle ao macizo Bohemio.
Estas rexións pódense clasificar como zonas externas ou internas á oroxénese varisca e que marcou o límite co océano Reico.[22] A zona externa tería sido parte da Laurusia e a interna parte do terreo Armoricano, ou do continental da periferia de Gondwana, que estaba ao sur dese océano. A parte externa é unha zona extensa de pregamentos de baixo grao con sedimentos anteriores ao Paleozoico e alta deposición de sedimento mariño no período herciniano. O macizo de Rhin, as montañas de Harz ou a zona Moravo-Silesiana pertencen a esta área.[21] Logo, a zona interior son diferentes áreas terrestres que se preservaron e que mostran graos de metamorfismo de baixo a alto, así como procesos de sedimentación e volcanismo. Nesas áreas aparecen magmatismos dominados polos granitos. Algunhas das zonas desa rexión que sufriron un baixo metamorfismo son as áreas do macizo Armoricano, o macizo Bohemio ou a zona Saxo-turinxia son desas áreas da codia cadomiana. Pola contra, as altas deformacións déronse en áreas como o macizo central francés, Vosgos, a Selva Negra ou a zona de máximos cristalinos na Alemaña central.[21]
A oroxénese no norte de África
editarO noroeste do continente africano é parte da cadea peri-atlántica hercínica. Está presente no Atlas magrebí e os macizos de Marrocos, Alxeria do oeste. Ademais, nas rexións alpinas do Rif marroquino e a Cabilia alxerina aparecen alóctonos dentro das zonas hercínicas. Ese conxunto do oeste africano, do dominio de meseta, contrasta co pouco deformado dominio saharauí, que é o Anti-Atlás. Nesta rexión africana a oroxénese produciuse durante o período de subdución do océano Reico por debaixo da terraza da Avalonia. O réxime tectónico da área foron os de eventos de compresión e extensión seguidos dunha converxencia oblicua coa liña de Gondwana fronte a Laurusia.[25]
A oroxénese en América do Norte
editar- Artigo principal: Oroxenia apalache.
Os Apalaches de América foron froito de varios procesos de oroxénese diasincrónicos desde o Ordovícico ao final do Devoniano. A oroxénese de Alleghenia foi unha elas e resultou na formación dos montes de Allegheny pola colisión das estruturas xa formadas dos Apalaches coa Godwana, en particular co norte Africano, para formar a Panxea. Estes eventos están relacionados no tempo coa oroxénese herciniana da Europa do oeste e central, as Illas Británicas e Siberia do oeste.[26]
Notas
editar- ↑ Baseado en Matte 2001 e Ziegler 1990
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para herciniana.
- ↑ Kossmat, F. (1927). "Gliederung des varistischen Gebirgsbaus". Abh. Sächs. Geol. L.-A. (Leipzig) 1: 1–39.
- ↑ Rachel Grande, Larry Jean, Aariel Rowan, Angela Sumner, Amy Tang (1/03/200). "Devonian: Tectonics and Paleoclimate". Arquivado dende o orixinal o 03/07/2018. Consultado o 12/07/2018.
- ↑ Historical Geology, University of North Texas (eds.). "The Hercynian Orogeny". Archived from the original on 27/09/2008. Consultado o 12/07/2018.
- ↑ Lee, K. Y. (1989). "Geology of petroleum and coal deposits in the North China Basin, Eastern China". USGS Bulletin 1871. Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2019. Consultado o 12 de xullo de 2018. Table 1, p. 3.
- ↑ Institute of Geology and Paleontology of the University of Lausanne. "Tectonic Map of the western Tethysides". Suíza. Arquivado dende o orixinal o 23/04/2008. Consultado o 12/07/2018.
- ↑ Burkhard, M.; Caritg, S.; Helg, U.; Robert-Charrue, C.; Soulaimani, A. (2006). "Tectonics of the anti-Atlas of Morocco" (PDF). Comptes Rendus Geoscience 338 (1): 11–24. Consultado o November 2015.
- ↑ Tethyan Plate Tectonic Working Group, University of Lausanne (eds.). "Paleotethys. Paleogeographic reconstructions for the Devonian and Carboniferous". Suíza. Arquivado dende o orixinal o 08/06/2011. Consultado o 12/07/2018.
- ↑ C.Scotese. Paleomap Project, eds. "Paleogeographic configuration Lower Carboniferous". Consultado o 12/07/2018.
- ↑ Franke, W.; 1992: Phanerozoic structures and events in central Europe, in: Blundell, D.J.; Freeman, R. & Mueller, S. (eds.): A Continent Revealed - The European Geotraverse, 297 pp., Cambridge University Press, ISBN 052142948X, pp. 164-179.
- ↑ Franke, W.; 2000: The mid-European segment of the Variscides: tectonostratigraphic units, terrane boundaries and plate tectonic evolution, Geological Society of London, Special Publications 179, pp. 35-61. Matte, P.; 2001: The Variscan collage and orogeny (480±290 Ma) and the tectonic defnition of the Armorica microplate: a review, Terra Nova 13, 122-128.
- ↑ von Raumer, J.F.; Stampfli, G.M. & Bussy, F.; 2003: Gondwana-derived microcontinents — the constituents of the Variscan and Alpine collisional orogens, Tectonophysics 365, pp. 7–22. Walter, R.; 2003: Erdgeschichte – Die Entstehung der Kontinente und Ozeane, 325 pp., Walter de Gruyter, Berlin (5th ed.).
- ↑ Nalgúns momentos foi o denominado Macizo Hespérico.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 Gallastegui Suárez, Jorge (2000). Alberto Marcos Vallaure (Univ. de Oviedo), eds. "Estructura cortical de la cordillera y margen continental cantábricos: perfiles ESCI-N" (PDF). Trabajos de Geología (22): 9–231.
- ↑ 16,0 16,1 Hernández, Daniel (7/05/2015). "Contextos geológicos españoles de relevancia internacional 1: El Orógeno Varisco Ibérico". Hombre geológico.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 17,3 Martínez Catalán, J.R.; Aller, J.; Alonso, J.L.; Bastida, F. "Chapter 1: The Iberian Variscan Orogen". En Instituto Geológico Minero Español. SPANISH GEOLOGICAL FRAMEWORKS AND GEOSITES: An approach to Spanish geological heritage of international relevance. Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2018. Consultado o 14 de xullo de 2018.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 Junta de Andalucia (eds.). "Parte II – Introducción a la geología de la península Ibérica". Parque Natural Sierra Norte de Sevilla (PDF).
- ↑ Centro Nacional de Información Geográfica. Instituto Geográfico Nacional, eds. "Mapas de unidades geotectónicasMapas de unidades geotectónicas".
- ↑ Julivert, M.; Fontboté, J.M.; Ribeiro, A.; Nabais-Conde, L.E. (1972). Instituto Geológico y Minero de España (IGME), eds. "Mapa Tectónico de la Península Ibérica y Baleares 1:1.000.000".
- ↑ 21,0 21,1 21,2 21,3 McCann, Tom (2008). H. M. Mader, S. G. Coles, GSL, eds. The Geology of Central Europe, Volume 1: Precambrian and Palaeozoic. Geological Society of London Series 1. ISBN 9781862392465.
- ↑ 22,0 22,1 R. Damian Nance, Gabriel Gutiérrez-Alonso, J. Duncan Keppie, Ulf Linnemann, J. Brendan Murphy, Cecilio Quesada, Rob A. Strachan, Nigel H. Woodcock (2012). "A brief history of the Rheic Ocean". Geoscience Frontiers 3 (2): 125 – 135. ISSN 1674-9871. doi:10.1016/j.gsf.2011.11.008.
- ↑ En referencia ao río Rin ou Rhin.
- ↑ En inglés, "Mid-German Crystalline High"
- ↑ Christian Hoepffner, Mohamed Rachid Houari, Mohamed Bouabdelli (2006). "Tectonics of the North African Variscides (Morocco, western Algeria): an outline". Comptes Rendus Geoscience 338 (1): 25 – 40. ISSN 1631-0713. doi:10.1016/j.crte.2005.11.003.
- ↑ Robert D. Hatcher, Jr. (2010). "The Appalachian orogen: A brief summary". En Richard P. Tollo, Mervin J. Bartholomew, James P. Hibbard, Paul M. Karabinos. From Rodinia to Pangea: The Lithotectonic Record of the Appalachian Region. doi:10.1130/2010.1206(01).
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Matte, P. (2001). "The Variscan collage and orogeny (480 ±290 Ma) and the tectonic definition of the Armorica microplate: a review". Terra Nova 13: 122–128. Bibcode:2001TeNov..13..122M. doi:10.1046/j.1365-3121.2001.00327.x.
- Ziegler, P.A. (1990). Shell Internationale Petroleum Maatschappij BV, eds. Geological Atlas of Western and Central Europe (2 ed.). ISBN 90-6644-125-9.
- von Raumer, J.; Stampfli, G.M.; Borel, G.D.; Bussy, F. (2002). "The organisation of pre-Variscan basement areas at the north-Gondwanan margin". International Journal of Earth Sciences 91: 35–52. Bibcode:2002IJEaS..91...35V. doi:10.1007/s005310100200.
- von Raumer, J.; Stampfli, G.M.; Bussy, F. (2003). "Gondwana-derived microcontinents - the constituents of the Variscan and Alpine collisional orogens". Tectonophysics 365: 7–22. Bibcode:2003Tectp.365....7V. doi:10.1016/S0040-1951(03)00015-5.
- Stampfli, GM; Borel, GD (2004). "The TRANSMED Transects in Space and Time: Constraints on the Paleotectonic Evolution of the Mediterranean Domain". En Cavazza W, Roure F, Spakman W, Stampfli GM, Ziegler P. The TRANSMED Atlas: the Mediterranean Region from Crust to Mantle. Springer Verlag. ISBN 3-540-22181-6.