Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Ponte Vella de Lugo

ponte sobre o río Miño en Lugo

A ponte vella de Lugo[1], con 104 m de lonxitude e 4 m de largura, cruza o río Miño ao seu paso polo suroeste da cidade de Lugo, unindo a Calzada da Ponte coa estrada vella de Santiago, vertebrando esta última o barrio lugués de San Lázaro. Fica entre medias da Ponte Nova, que enlaza a capital da provincia coa estrada N-540, e o balneario de augas termais, que data así mesmo da época da romanización.

Ponte Vella de Lugo
Localización
Coordenadas43°00′07″N 7°33′49″O / 43.001876, -7.563548
RíoMiño
ConcelloLugo
ProvinciaLugo
Características
Construciónséculo I (restauracións na Idade Moderna e no s. XIX)
Lonxitude104 m
Ancho4 m
TipoPonte romana de arco
MaterialPedra

Características

editar

Trátase dunha estrutura feita a base de pedra e lousa, a que se lle engadiron unhas pasarelas metálicas. O firme estaba asfaltado e permitía o paso de vehículos ininterrompidamente, agás os vehículos pesados, que non tiñan autorizado o paso. Desde o proxecto de reforma en 2014, as pasarelas metálicas e o pavimento asfaltado foron retirados para substituílos por un pavimento rústico de ladrillo e uns pasamáns tamén de pedra.[2]

Era unha ponte de moito uso, ao ficar moi preto do Club Fluvial de Lugo, entre outras instalacións de recreo, ou do Policlínico Lucense, e ao ser o paso máis lóxico cara a estrada de Portomarín ou o Club de Golf de Lugo. Tras a construción da nova ponte sobre o Miño, o tráfico foi desviado a unha nova estrada creada a tal fin.[3]

Actualmente esta ponte é unha das dúas pontes peonís coas que conta a cidade.[4]

Historia

editar

É dunha ponte deseñada e construída na época da romanización de Galicia, que se valeu da vía número XIX do Itinerario de Antonino, comunicando Lucus Augusti con Bracara Augusta (a actual Braga) pasando por Iria Flavia (a actual vila de Padrón). A razón da súa construción é a necesidade de cruzar o río Miño.

Séculos máis tarde, na Baixa Idade Media, sufriría restauracións de certa relevancia debido por unha banda ao mal estado en que se atopaba e pola outra ás novas necesidades de transporte da época. Chegada a Idade Moderna, novamente houbo que facer reparacións para, finalmente, en 1893 modificar definitivamente o seu aspecto, ao sérenlle suprimidos varios elementos. Porén, os fundamentos da ponte actual, chamada vella ou romana, son en boa parte os orixinais.

Percorrido da cidade de Lugo até a ponte Romana

editar

A Calzada da Ponte que baixa desde a Porta Miñá ou Porta do Carme (unha das dez portas da muralla, que é ademais unha das cinco orixinais e a que mellor se conserva) até a ponte vella forma parte do Camiño Primitivo de peregrinación a Santiago de Compostela. Aquí comeza tamén a ruta de sendeirismo "As ribeiras altas, Miño arriba", coñecida popularmente co nome de Paseo da Ponte Vella, unha ruta de máis de once quilómetros que transcorre por ambas beiras do río, en dirección a vella fábrica da luz.

Galería de imaxes

editar
  1. Ponte Vella de Lugo na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  2. "Puente romano". Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2018. Consultado o 10 de decembro de 2018. 
  3. El nuevo puente sobre el Miño en Lugo ya es realidad
  4. "El puente romano". Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2016. Consultado o 20 de xuño de 2017. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar