Carballo americano
Carballo americano (Quercus rubra) | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Un vello carballo americano | |||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Non está ameazada | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Quercus rubra L. |
O carballo americano[1] (Quercus rubra), tamén chamado carballo rubio americano (sin. Quercus borealis), é un carballo dos chamados carballos vermellos ou rubios, nativo de América do Norte. Introducido en Europa, plántase en Galicia dende hai uns anos con fins forestais e ornamentais.
Distribución
editarÉ nativo do norte de América, especialmente no nordés dos Estados Unidos e sueste do Canadá. Medra bravo dende o norte dos Grandes Lagos, o leste de Nova Escocia, até o sur de Xeorxia, en xeral en zonas con bos solos, lixeiramente acedos. Nos Estados Unidos adóitaselle chamar carballo rubio do norte, para distinguilo do carballo rubio do sur: o Quercus falcata, ao que tamén lle chaman carballo hispano. Introduciuse no centro de Europa hai máis de dous séculos con fins ornamentais. No norte de España é unha especie cada vez máis empregada en reforestación. As repoboacións de maior idade e extensión áchanse no País Vasco, Navarra e Cantabria. Adáptase igualmente moi ben ás condicións climáticas de Galicia, pólo que, nos últimos anos, estase plantando a eito, tanto como ornamental póla beleza da súa follaxe outonal encarnada, como en usos forestais pola calidade da súa madeira e crecemento máis rápido en comparación co carballo bravo (Quercus robur). En condicións óptimas, medra axiña, e sos 10 anos pode acadar os 5–6 m de alto.[2]
Hábitat
editarDesenvólvese sobre solos de natureza silícea ou calcaria, sempre que estean descarbonatados pola abundancia de choivas polo menos até os 30–40 cm de profundidade. Considérase menos esixente en nutrientes cós carballos autóctonos. Os solos óptimos para o seu desenvolvemento son os profundos, con máis de 70 cm dispoñíbeis para o desenvolvemento das raíces, frescos e ben drenados (texturas franco-areosas), aínda que tolera solos areentos moi drenados. Os solos hidromorfos ou compactos non lle conveñen, xa que é sensíbel á falta de osixenación das raíces. Atura os solos acedos mellor cós carballos do país, porén, desde logo, non tanto como o bidueiro. Considerado de media sombra, tolera unha certa cuberta nos primeiros anos, mais require progresivamente máis luz ao aumentar a súa idade, facéndose marcadamente fototrópico, o que orixina pólas grosas orientadas cara aos ocos na cuberta de copas.
Descrición
editarÁrbore caducifolia que acada os 28 m, e excepcionalmente os 43 m de altura, e con diámetros de toro tamén salientábeis que van até os 2 m. A copa é inicialmente coniforme, tornándose ampla e arredondada cos anos; as pólas son rectas, con tendencia a presentar fustes de má conformación cando non se practicaron os coidados silvícolas necesarios, aínda que con menos tendencia que o carballo bravo. O sistema radical é forte e profundo. É menos lonxevo cós carballos autóctonos, pero pode chegar aos 500 anos,[3] de feito atopouse un exemplar vivo de 326 anos de idade en 2001 por Orwig et al.[4]
Recoñécese ben pola súa casca, que conta con cristas que semellan ter raias brillantes no centro.
- Cortiza: avermellada-cinsenta chegando a parda escura nos exemplares vellos, con amplas en finas fendas e escamas. Lisa e clara nas árbores novas. Rica en ácido tánico. Poliñas magras de cor verde brillante, virándose encarnadas e finalmente pardas co tempo.
- Madeira: parda arrubiada pálida, o sámago máis escuro, pesado, duro e forte, de gran groso. Prodúcense fendas no secado, aínda que ben tratada ten un gran potencial para a carpintaría.
As follas son alternas, cun pedúnculo de 2 a 5 cm de longo; lámina foliar de perfil elíptico, de 10–25 cm de longo, 5–15 cm de ancho, base redonda, bordo sinuoso, con 7 ou 9 lóbulos, con dentes con arestas (a diferenza dos carballos galegos), aguzados e irregulares; seos redondos, que case nunca chegan en profundidade ata o nervio da folla, cara verde escura mate, revés máis claro; toman unha intensa cor vermella antes de caer.
As flores áchanse distribuídas monoicamente. As masculinas atópanse en amentos longos, soltos, de cor verde amarela. As femininas aparecen individuais ou en parellas, sésiles ou de pedúnculo moi curto, pequenas e insignificantes.
O froito é unha landra ovada e achatadas, de até 2,5 cm de longo, soas ou de dúas en dúas, sésiles ou cun pedúnculo curto e vigoroso; cúpula (cascabullo) plana que rodea pouco menos da terceira parte da landra de cor parda avermellada. No primeiro ano, o froito soamente ten o tamaño dun chícharo e madura no outono do segundo ano (aos 18 meses da polinización). Como os demais carballos, non frutifica até idades algo avanzadas (uns 30 anos). A landra é moi acre.[5] A pesar de ser displicente, adóitana comer cervos, esquíos e algunhas aves.
Usos
editarO carballo americano é un dos carballos máis apreciados para a produción de madeira nos Estados Unidos, aínda que tamén se está a usar en Europa. A Madeira ten un gran valor. Ás veces véndese madeira de inferior calidade doutros carballos vermellos facéndoa pasar pola do carballo americano. Estes son principalmente o carballo negro americano do leste (Quercus velutina), o carballo escarlata (Quercus coccinea), o carballo palustre Americano ou carballo dos pantanos (Quercus palustris), o carballo rubio dos pantanos (Quercus shumardii), o carballo rubio do sur ou carballo hispano (Quercus falcata). Os usos na construción inclúen chans, chapas, molduras interiores e mobles. A madeira non é valida para usos exteriores ou construción de barcos, xa que o gran é tan aberto que a auga pode penetrar a fibra.
Silvicultura
editarA densidade de plantación adoita ser baixa, duns 600 a 800 pés/ha; isto leva case sempre ao fracaso, ao non dispor logo dun número de pés de abondo para seleccionar os máis axeitados. En todo caso, se se opta por densidades baixas, resulta fundamental usar plantas de gran calidade, con posteriores tallas de formación moi frecuentes. As densidades elevadas –arredor de 1500 a 2000 pés/ha– semellan axeitadas para contar cunha maior base de selección. As plantas serán dun ou dous zumes, a raíz núa, repicadas e con sistema radical fasciculado. É un erro frecuente o uso de plantón de excesiva altura (2 metros) e con sistema radical moi reducido. A planta é bastante sensíbel a un manexo inadecuado e especialmente á plantación en solos lamentos. É moi sensíbel á competencia, sobre todo á herbácea, polo que son recomendábeis as rozas posteriores á plantación. A planta é moi atacada pola fauna brava, polo que require sempre algún xeito de protección. É unha especie sensíbel ás xeadas serodias, que lle provocan bifurcación, defecto que tamén pode derivar das características propias dos carballos, que adoitan presentar varias xemas no extremo do crecemento. Estas xemas adoitan dar lugar a forquillas ou pólas grosas con tendencia vertical. A dominancia apical é, polo xeral, pouco intensa. As tallas de formación serán moderadas e progresivas, por mor á falta de rixidez do talo das árbores novas, que fai que poida curvarse polo peso das follas. Normalmente o crecemento do ano recupera facilmente a rectitude, pero non a parte baixa do talo. Por outra banda, do mesmo xeito có resto dos carballos, o americano reacciona ante unha redución da altura da copa viva mediante a emisión de gomos chupóns, sendo necesario, polo menos, manter un 50% da altura total con folla.[6]
Notas
editar- ↑ "Carballo". DIGALEGO. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2016. Consultado o 15 de outubro de 2016.
- ↑ "Northern Red Oak Tree on the Tree Guide at arborday.org". www.arborday.org. Consultado o 2020-01-31.
- ↑ "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2021. Consultado o 29 de agosto de 2012.
- ↑ Eastern US oldlist
- ↑ Keeler, Harriet L. (1900). Our Native Trees and How to Identify Them. New Roak: Charles Scriber's Sons. pp. 349–354.
- ↑ Guía sobre as especies forestais en Galicia
Véxase tamén
editarWikispecies posúe unha páxina sobre: Quercus rubra |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Carballo americano |