Tratados de Roma
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2021.) |
Os Tratados de Roma é o nome dado aos Tratados da Comunidade Económica Europea (CEE) e da Comunidade Europea da Enerxía Atómica (Euratom) que se firmaron o 25 de marzo de 1957 en Roma. Foi asinado por Alemaña, Francia, Italia e os tres países do Benelux.
Ámbolos dous tratados supoñen un paso cara a adiante na integración europea. O Tratado da CEE ten coma obxectivos a creación dun mercado común fundamentalmente, na procura, polo tanto, dunha integración de carácter económico. O Euratom fundaméntase no desenvolvemento do sector da enerxía nuclear que sería moi pesado nas economías nacionais por si mesmas.
Aínda tendo natureza sectorial, pois dedícanse principalmente a aspectos do ámbito económico, o Tratado da CEE, que é o principal, ten, ademais, un carácter de Lei xeral, podendo acudirse ó mesmo para encher os baleiros presentes nos outros dous Tratados existentes ata entón (Tratados da CECA, e da EURATOM)
As institucións creadas no Tratado da CEE continuarán ata hoxe en día con modificacións:
- A Comisión: Conta con poderes normativos, de carácter executivo e de aplicación do dereito comunitario e con facultade de proposta ó Consello.
- O Consello: Integrado por representantes dos Estados membros e con capacidade de decisión por unanimidade, por maioría cualificada ou incluso por maioría simple. E o órgano que concentra o poder decisorio, sendo o eixo do sistema.
- A Asemblea: ten fundamentalmente competencias de carácter consultivo e de control. O que nun futuro será o Parlamento Europeo, ten, neste momento, un papel moi limitado. Os seus membros son elixidos polos parlamentos nacionais, ata 1979, en que terán lugar as primeiras eleccións por sufraxio universal directo.
- O Tribunal de Xustiza. Garante o respecto ó dereito comunitario.
Tamén se crean organismos coma o Comité económico e Social. A CEE comparte Asemblea e Tribunal de Xustiza coa CECA e a CEEA (ou EURATOM) dende 1958, se ben teñen regras e pautas diferenciadas. A partir do Tratado de Bruxelas de 1965 teñen un único Consello e unha única Comisión das Comunidades Europeas.
O tratado estableceu, entre outras cousas:
Unión aduaneira: a CEE foi coñecida popularmente como o "Mercado común". Acordouse un período transitorio de 12 anos, no que deberían desaparecer totalmente as barreiras arancelarias entre os Estados membros.
Política Agrícola Común (PAC): esta medida estableceu a libre circulación dos produtos agrícolas dentro da CEE, así como a adopción de políticas proteccionistas, que permitiron aos agricultores europeos evitar a competencia de produtos procedentes de terceiros países. Iso conseguiuse mediante a subvención aos prezos agrícolas. Dende entón a PAC concentrou boa parte do presuposto comunitario.
O Tratado da Unión Europea de 1993 transformou a CEE na Comunidade Europea.
En 2004 asínase un novo tratado de Roma coñecido como o Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa, que debe ser ratificado antes do final de novembro de 2006.