Xosé Fontenla Leal
Xosé María Benito Fontenla Leal, nado en Canido (Ferrol) o 12 de febreiro de 1864 e finado na Habana o 5 de decembro de 1919, foi un intelectual galeguista. Presidiu a Unión Redencionista Gallega e impulsou a Real Academia Galega, da que foi académico non numerario. Pertenceu así mesmo á masonería baixo o nome de Murguía.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de febreiro de 1864 Ferrol, España |
Morte | 5 de decembro de 1919 (55 anos) A Habana, Cuba |
Lugar de sepultura | necrópole de Cristóbal Colón |
Actividade | |
Ocupación | litógrafo, Intelectual |
Membro de |
Traxectoria
editarEmigrou a Cuba xunto aos seus pais. Na Habana traballou na industria litográfica. Foi un auténtico bibliófilo, pois chegou a reunir unha biblioteca de máis de tres mil volumes sobre historia, xeografía, lingua, artes e tradicións de Galicia.
En 1886 fundou, xunto con Secundino Cora García, a Revista de Galicia, publicación mensual bilingüe de curta duración. Tamén foi colaborador do Diario de la Marina. En xaneiro de 1903 afiliouse ao Centro Gallego de La Habana e durante varios anos foi bibliotecario da sección de instrución. En 1917 foi comisionado polo Centro Gallego para acompañar a Galicia os restos mortais do músico José Castro "Chané". Foi presidente da sociedade Unión Redencionista Gallega, encargada de apoiar o movemento agrarista en Galicia.
Contribuíu decisivamente á fundación en 1905 da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega canda o poeta Manuel Curros Enríquez. Nesta sociedade, xénese da futura Real Academia Galega, Fontenla ocupou os postos de vogal, vicepresidente e presidente. Posteriormente foi académico non numerario da RAG.
Tivo unha destacada presenza na formación da sociedade Ferrol y su Comarca. Na xunta xeral de xullo de 1909 foi elixido por unanimidade para organizar a súa sección de propaganda.
Morreu no hospital Calixto García en 1919. As dificultades económicas privárono da condición de socio do Centro Gallego e, polo tanto, de poder ingresar no sanatorio La Benéfica. Rematou soterrado nunha foxa común do cemiterio Colón da Habana.
Boa parte da súa extensa biblioteca consérvase no Centro Gallego de La Habana. Trala súa morte, o seu fillo doou o resto á Academia Galega.
Himno Galego
editarDende Cuba interveu na fixación dun dos símbolos nacionais de Galicia. Fontenla Leal promoveu a elaboración do himno galego, pois escribiu en varias ocasións a Eduardo Pondal e Pascual Veiga instándoos a que lle enviasen a letra e a música. A composición estreouse finalmente na Habana o 20 de decembro de 1907.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xosé Fontenla Leal |
Bibliografía
editar- "Fontenla Leal, Xosé". Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- "Fontenla Leal, Xosé". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 925. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Fontenla Leal, Xosé". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Dobarro Paz, Xosé María, "Manuel Curros Enríquez, José Fontenla Leal e a Real Academia Galega: observacións e datos sobre as súas orixes e vicisitudes", Real Academia Galega, 362 (2001), pp. 203–266.
- Neira Vilas, Xosé, "Fontenla Leal, José" en Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, en DVD.