Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Calouste Gulbenkian

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaCalouste Gulbenkian

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(hyw) Գալուստ Սարգիս Կիւլպէնկեան Editar o valor en Wikidata
29 de marzo de 1869 Editar o valor en Wikidata
Üsküdar (Imperio Otomán) Editar o valor en Wikidata
Morte20 de xullo de 1955 Editar o valor en Wikidata (86 anos)
Lisboa, Portugal Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaSt Sarkis, Kensington (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Presidente Armenian General Benevolent Union (en) Traducir
1930 – 1932
← Boghos Nubar (en) TraducirZareh Nubar (en) Traducir → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
Outros nomesMonsieur 5% Editar o valor en Wikidata
Grupo étnicoPobo armenio Editar o valor en Wikidata
EducaciónKing's College de Londres (–1887)
St. Joseph High School (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónempresario, mecenas, Aventureiro, contrabandista, diplomático, emprendedor, enxeñeiro, coleccionista de arte Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1895 Editar o valor en Wikidata -
EmpregadorNational Bank of Turkey (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Familia
FamiliaFamília Rexituni (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
FillosRita Sirvante Gulbenkian, Nubar Gulbenkian Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih,
Enciclopedia soviética armenia, volume 5, (p.491) Editar o valor en Wikidata
Fotografía de Calouste Gulbenkian en 1892.

Calouste Sarkis Gulbenkian, en armenio: Գալուստ Սարգիս Կիւլպէնկեան, nado en Üsküdar (antiga Scutari), distrito de Istambul,[1] o 23 de marzo[2] de 1869, e finado en Lisboa o 20 de xullo de 1955, foi un enxeñeiro e empresario armenio otomán, naturalizado británico no 1902.

Foi moi activo no sector do petróleo e un dos pioneiros no desenvolvemento dese sector no Medio Oriente. Foi tamén un mecenas, contribuíndo de xeito importante ao fomento da cultura en Portugal. A súa herdanza estivo na orixe da constitución da Fundación Calouste Gulbenkian.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia de ricos comerciantes armenios de Istambul. O seu pai importaba queroseno de Rusia. Con 13 anos, marchou estudar a secundaria en Marsella (para perfeccionar o francés)[3] e despois estudou en Londres, no King's College, onde obtivo a graduación de Enxeñaría (1887).[4]

Despois de facer unha viaxe á Transcaucasia, visitando os campos petrolíferos de Bacú, con 22 anos de idade, publicou o libro La Transcaucasie et la Péninsule d'Apchéron - Souvernirs de Voyage (1891), do cal algúns capítulos foron publicados na Revue des deux mondes[3] e que chegou ás mans do ministro de Minas do goberno otomán, que acabou encargándolle a elaboración dun informe sobre os campos de petróleo do Imperio Otomán, en especial en Mesopotamia.

Negociador hábil e esclarecido, experto financeiro de gran categoría, Gulbenkian negociou contratos de explotación petrolífera cos grandes financeiros internacionais e as autoridades otomás, fomentando a explotación racional e organizada desta fonte de enerxía emerxente. A industria internacional do petróleo comezaba a tomar forma na fin do século XIX cando Gulbenkian organizou o grupo Royal Dutch que serviu de conexión entre as industrias americanas e rusas e deu o primeiro impulso á industria petrolífera na rexión do Golfo Pérsico.

Durante a primeira guerra mundial suxeriu en Francia a creación dunha oficina para control do petróleo, o Comité Générale du Pétrole, dirixido por Henri Bérenger. Estando ao servizo deste comité, conseguiu impor as súas ideas: polo Tratado de San Remo (1920), Francia gañou á Gran Bretaña o dereito a administrar os intereses do Deutsche Bank na compañía de petróleo turca (os ingleses facíano desde 1915).

En 1928, desempeñou papel central nas negociacións entre grandes empresas internacionais para a división da entón Turkish Petroleum Co. Ltd. (hoxe denominada como Iraq Petroleum Co. Ltd.)[5] entre a Anglo-Persian Oil Co. (hoxe British Petroleum), a Royal Dutch Shell Group, a Compañía Francesa de Petróleos e a Near East Development Corp. (compañía propiedade ao 50% da Standard Oil e da Socony Mobil Oil). Cada compañía conseguiu o 23,75% do capital e Calouste Gulbenkian o 5% restante. Este feito orixinou que Gulbenkian ficase coñecido na industria do petróleo como "o Señor cinco por cento".[5] A riqueza que acumulou permitiulle satisfacer a súa paixón polas obras de arte.

En abril de 1942, chegou a Portugal por primeira vez, convidado polo embaixador de Portugal en Francia. Inicialmente, Lisboa sería só unha escala nunha viaxe a Nova York, mais o empresario enfermou e acabou ficando máis tempo do que planeara, agradado pola paz que en Portugal se vivía durante o conflito que devastaba o resto da Europa. O 28 de febreiro de 1950 foi agraciado coa Gran Cruz da Orde Militar de Cristo. Sentíndose ben acollido, estableceu a súa residencia permanente en Lisboa, no Hotel Aviz e rematou por se instalar definitivamente até a súa morte en 1955.

No testamento, datado de 18 de xuño de 1953, creou a fundación co seu nome que se converteu en herdeira da súa fortuna, e que ten fins caritativos, artísticos, educativos e científicos, elixindo Portugal para a súa sede en sinal de agradecendo polo acollemento[6] que tivo nun momento crítico da historia da Europa.[3] En 1969, a Fundación inaugurou o Museo Calouste Gulbenkian para expor e preservar a importante colección de arte de máis de 6 000 pezas.[7]

Vida familiar

[editar | editar a fonte]

En 1892 casa, en Londres, con Nevarte Essayan, como el natural de Cesarea e descendente doutra familia armenia nobre e rica. Do casamento nacen dous fillos Nubar Sarkis (1896-1972) e Rita Sirvarte (1900-1977). O fillo de Rita Sirvarte, Mikhael Essayan (1927-2012), foi Presidente honorario da Fundación, e o seu fillo Martin Essayan – bisneto de Calouste Gulbenkian – é, hoxe en día, administrador da Fundación, responsábel das actividades na Gran Bretaña e na República da Irlanda, e tamén do Servizo das Comunidades armenias.

Coleccionista de arte

[editar | editar a fonte]

Calouste Gulbenkian foi un amante de arte e home de raro e sensíbel gusto, alén de reunir unha extraordinaria colección de arte, principalmente europea e asiática, de máis de seis milleiros de pezas.

Na arte europea, reuniu obras que van desde os mestres primitivos á pintura impresionista. Unha parte desta colección estivo exposta por préstamo, entre 1930 e 1950, na National Gallery de Londres e na Galería Nacional de Arte en Washington. Figuran na colección obras de Carpaccio, Rubens, Van Dyck, Rembrandt, Gainsborough, Romney, Lawrence, Fragonard, Corot, Renoir, Boucher, Manet, Degas, Monet e moitos outros.

Alén da pintura, reuniu un importante conxunto de escultura do antigo Exipto, cerámicas orientais, manuscritos, encadernacións e libros antigos, artigos de vidro da Siria, mobiliario francés, tapicerías, pezas de xoiaría de René Lalique, moedas gregas, medallas italianas do Renacemento, etc. No momento da súa morte, en 1955, a súa colección de obras de arte estaba taxada en máis de 15 millóns de dólares.

Foi desexo de Gulbenkian que a colección que reuniu ao longo da vida ficase exposta nun mesmo local. Así permanece en Lisboa, desde xuño de 1960. En 1969 foi inaugurado o edificio-sede da Fundación Calouste Gulbenkian (que acolle os servizos centrais da Fundación, 2 auditorios, salas de conferencias e 2 espazos expositivos) e o Museo, onde se atopa esta colección permanente. En 1983 foi inaugurado o Centro de Arte Moderna, no mesmo parque preto da Praza de España onde se localizan todos eses edificios.

Filantropía

[editar | editar a fonte]

Ademais de saber reunir unha enorme fortuna ao longo da vida, Gulbenkian soubo distribuíla con xenerosidade no seu testamento. Estableceu varias cláusulas para apoiar especialemente as comunidades armenias, que nese momento non recibían axuda dos organismos internacionais. Tamén foi benfeitor do Patriarcado armenio de Xerusalén. Como era devoto da Igrexa armenia, fixo construír en Londres a Igrexa de San Sarkis,[8] dedicada á memoria dos seus pais e onde repousan as súas cinzas.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Castel-Branco Pereira, João (1999). Calouste Gulbenkian: The Collector as Creator. En: Only the Best: Masterpieces of the Calouste Gulbenkian Museum, Lisbon (The Metropolitan Museum of Art). pp. 3–9. ISBN 0-87099-926-5. 
  2. João Castel-Branco Pereira, na obra citada indica a data do 29 de marzo.
  3. 3,0 3,1 3,2 Castel-Branco Pereira, João (1999); op. cit., páx 3
  4. Yergin, Daniel (2008); op.cit. páx 170.
  5. 5,0 5,1 Anheier, Helmut K; Toepler, Stefan (2010). International Encyclopedia of Civil Society. New York: Springer. p. 816. ISBN 978-0-387-93994-0. 
  6. Castel-Branco Pereira, João (1999); op. cit., páx 6.
  7. Charles, Victoria (2014). Art in Europe. Museums and Masterworks. Parkstone Press International. ISBN 978-1-78310-900-5. 
  8. "Sitio da Igrexa armenia de S.Sarkis". Consultado o 27-06-2017. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Azeredo Perdigão, José de, e Ana Lowndes Marques (1979). Calouste Gulbenkian, Collector. Lisboa: Calouste Gulbenkian Foundation. OCLC 8196712
  • Black, Edwin (2004). Banking on Baghdad: Inside Iraq's 7,000-Year History of War, Profit, and Conflict. Nova York: John Wiley and Sons. ISBN 0-471-67186-X.
  • Blair, John Malcolm (1976). The Control of Oil. Nova York: Pantheon. ISBN 0-394-49470-9.
  • Yergin, Daniel (2008). The Prize: The Epic Quest for Oil, Money & Power. Nova York: Free Press. ISBN 978-1-4391-1012-6.
  • Sampson, Anthony (1991). "The Seven Sisters, the great oil companies and the world they made". Nova York: Simon & Schuster. ISBN 0-671-50248-4.
  • Hewins, Ralph (1959). Mr. cinco por ciento: vida de Calouste Gulbenkian, el millonario misterioso. Aguilar, Madrid.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]