Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Cidreira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Citrus medica»)

Este artigo trata sobre unha árbore de froitos cítricos, para a bebida alcólica de mazá véxase sidra.

A cidreira[1] (Citrus medica) é un arbusto da familia das rutáceas de gomos avermellados, follas aromáticas, flores rosadas ou purpúreas e madeira amarela, dura e compacta, cultivado polo seu froito, chamado cidra,[2], que rara vez se consome fresco, mais cuxa pela úsase en preparacións de repostaría e coma aromatizante polo seu forte contido en aceites esenciais. Foi probabelmente o primeiro cítrico coñecido en Europa, documentado desde a época do Imperio romano. A Naturalis Historia de Plinio o Vello descríbeo (xii.7), e menciona os seus usos medicinais.

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha arboriña ou arbusto perennifolio, de 2,5 a 5 m de altura, co fuste torto e ramallada mesta e rexa, con espiños nas axilas foliares. As follas, de pecíolos curtos, son simples, alternas, elípticas a lanceoladas, de até 18 cm de longo, de superficie coriácea e cor verde escura pola face superior, cun distintivo recendo a limón. Produce flores hermafroditas, recendentes, de bo tamaño, brancas ou purpúreas, formando acios miúdos. Ten de 4 a 5 pétalos, con 30 a 60 estames.

O froito é un hesperidio oblongo ou globoso, raramente piriforme, de até 30 cm de diámetro, variando moito entre exemplares e incluso no mesmo exemplar, co estilo ben marcado. Está recuberto dunha pela grosa, carnosa, pegada ao endocarpo, de cor amarela ou averdada, con glándulas oleosas pequenas e frecuentemente rugosa. Ten 10 a 15 carpelos, firmes, pouco zumarentos, doces ou acedos segundo a variedade. As sementes adoitan ser miudiñas, monoembriónicas, lisas, brancas por dentro e abundantes.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Descoñécese a súa orixe, pero existen documentos de sementes domésticas dende o IV milenio a. C.; probabelmente o exército de Alexandre Magno introduciuno na conca do mar Mediterráneo, e axiña se espallou a súa cultura. Na antiga Roma empregouse coma menciña, e a partir do século II coma alimento; é mencionado tanto por Dioscórides coma por Plinio. Seica se cultivou en Xudea en época bíblica, posto que o seu froito —chamado de etrog en hebraico— é unha das especies rituais utilizadas na festa de Sucot. En Italia desapareceu coa caída do Imperio romano, conservándose só en Sicilia, Sardeña e mais na rexión napolitana.

Chegou ás Américas a través de España; os conquistadores introducírono na Florida, Porto Rico e finalmente California; malia desenvolveren plantacións comerciais, eventualmente a dificultade do seu crecimiento levou ao desleixamento. En Centroamérica, Brasil e Colombia naturalizouse, e existen plantacións dalgunha extensión, sobre todo para exportación.

Imaxes de diversos tipos de cidras, os froitos da cidreira

Rara vez se cultiva de semente; repordúcese con facilidade por esgallos apañados de pólas de 2 a 4 anos e plantadas sen defoliar. Aínda máis axiña se reproduce por enxerto sobre un padrón de laranxeira doce (Citrus × sinensis), laranxeira agre (Citrus × aurantium) ou toronxeira (Citrus × paradisi), mais as froitas así obtidas son de menor tamaño e o enxerto medra ás veces máis axiña do que o padró pode soportar.

Require bastante sol, solo ben arexado, e atura mal os extremos de temperatura e humidade; a diferenza doutros cítricos, non atravesa unha fase invernal de repouso. Polo peso dos froitos cómpre podar as pólas longas, ou colocarlles soportes para que resistan durante todo o crecemento destes. É frecuente tamén a práctica de cortar os espiños para evitar dano á froita nas plantacións comerciais.

Está en flor a maior parte do ano, producindo froita acotío, aínda que a maior parte se produce na primavera. Tarda uns tres meses en acadar a forma madura, coa pela amarela intensa e un profundo recendo. Para uso culinario adóitase apañar aínda verde, con entre 12 e 15 cm de diámetro. A produción normal está arredor dos 30 quilos anuais, aínda que en circunstancias favorábeis pode acadarse o triplo disto.

A variedade «cidra de Córsega» foi moi cultivada en Córsega a finais do século XIX en socalcos, abeirados do vento. A produción, a maior a escala mundial nesta época, destinábase especialmente a industrias alimenticias de Italia e Europa do Norte, aínda que localmente se fabricaba un licor típico moi perfumado e apreciado, a «cédratine». Hoxe en día, a cultura practicamente desapareceu en Córsega e soamente se realiza, a grande escala, en Marrocos, Italia, China e América do Sur.

O froito dun cultivar de C. medica, chamado en hebraico de etrog, emprégase coma unha das catro especias (ארבעה מינים, arba'a minim) que se axitan na festa de Sucot, polo outono setentrional, nunha ofrenda prescrita.

Medicinal

[editar | editar a fonte]

Exteriormente este froito aseméllase a un limón porén a diferenza deste ten moi pouco zume. Dende a antigüidade utilizábase con fins terapéuticos (contra problemas pulmonares, intestinais e outros). O óleo esencial de cidra considérase un antibiótico.[3][4][5]

O zume de cidra con viño disque era un antídoto efectivo contra os velenos en xeral.

Actualmente valórase moito a fragrancia da cidreira. O seu froito (incluída a pela) é obxecto de comercio internacional e se utiliza moito coma ingrediente na industria agroalimentaria.[6]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Citrus medica foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 782, no ano 1753.[7]

  1. Nome vulgar galego segundo a RAG e Diccionario das ciencias da natureza e da saúde, A Coruña, Deputación da Coruña, 2000; Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004; Vocabulario de ciencias naturais Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991; e Gran dicionario Xerais da lingua galega Vigo, Xerais, 2009
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cidra.
  3. "Copia arquivada". pds.co.il (en hebreo). Arquivado dende o orixinal o 18 de febreiro de 2007. 
  4. Mitropoulou, Gregoria; Fitsiou, Eleni; Spyridopoulou, Katerina; Tiptiri-Kourpeti, Angeliki; Bardouki, Haido; Vamvakias, Manolis; Panas, Panayiotis; Chlichlia, Katerina; Pappa, Aglaia (2017-10). "Citrus medica essential oil exhibits significant antimicrobial and antiproliferative activity". LWT (en inglés) 84: 344–352. doi:10.1016/j.lwt.2017.05.036. 
  5. Sah, Archana N.; Juyal, Vijay; Melkani, Anand B. (2011-4). "Antimicrobial Activity of Six Different Parts of the Plant Citrus medica Linn.". Pharmacognosy Journal (en inglés) 3 (21): 80–83. doi:10.5530/pj.2011.21.15. 
  6. The Purdue University
  7. Cidreira en Trópicos

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  1. Macbride, J. F. 1949. Rutaceae, Flora of Peru. Publ. Field Mus. Nat. Hist., Bot. Ser. 13(3/2): 655–689.
  2. Molina Rosito, A. 1975. Enumeración de las plantas de Honduras. Ceiba 19(1): 1–118.
  3. Schatz, G. E., S. Andriambololonera, Andrianarivelo, M. W. Callmander, Faranirina, P. P. Lowry, P. B. Phillipson, Rabarimanarivo, J. I. Raharilala, Rajaonary, Rakotonirina, R. H. Ramananjanahary, B. Ramandimbisoa, A. Randrianasolo, N Ravololomanana, Z. S. Rogers, C. M. Taylor & Wahlert. 2011. Catalogue of the Vascular Plants of Madagascar. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 0(0): 0–0.
  4. Small, J. K. 1933. Man. S.E. Fl. i–xxii, 1–1554. Published by the Author, Nova York.
  5. Standley, P. C. & J. A. Steyermark. 1946. Rutaceae. In Standley, P.C. & Steyermark, J.A. (Eds), Flora of Guatemala - Pa rt V. Fieldiana, Bot. 24(5): 398–425.
  6. Stevens, W. D., C. U. U., A. Pool & O. M. Montiel. 2001. Flora de Nicaragua. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 85: i–xlii, 1–2666.
  7. Vásquez M., R. 1997. Flórula de las Reservas Biológicas de Iquitos, Perú: Allpahuayo-Mishana, Explornapo Camp, Explorama Lodge. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 63: i–xii, 1–1046.
  8. Wunderlin, R. P. 1998. Guide Vasc. Pl. Florida i–x + 1–806. University Press of Florida, Gainseville.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]