Embraer C-390 Millennium
Embraer C-390 Millennium | |
---|---|
Tipo | avión de transporte medio |
Fabricante | Embraer |
Primeiro voo | 2 de febreiro de 2015 |
Introducido | 2019 |
Estado | en servizo |
Principais usuarios | Forza Aérea Brasileira Forza Aérea de Portugal Forza Aérea de Hungría |
Produción | 2014 - presente |
Unidades construídas | 9 |
O Embraer C-390 Millennium é un transporte militar bimotor de tamaño medio deseñado e fabricado pola compañía brasileira Embraer. Trátase do avión máis pesado construído polo fabricante ata a data.[1][2]
Os traballos no proxecto comezaron a mediados da década de 2000, centrando os esforzos nun derivado conceptual do avión de pasaxeiros E190 cun tamaño semellante ao do Lockheed C-130 Hercules. A compañía estaba interesada en utilizar reactores puros, en lugar de motores turbohélice. A empresa recibiu apoio tanto do goberno do Brasil como da Forza Aérea Brasileira; en maio de 2008, o goberno investiu 800 millóns de reais no desenvolvemento do proxecto. O 14 de abril de 2009, Embraer recibiu un contrato de 1 500 millóns de dólares por dous prototipos. No Paris Air Show de 2011, Embraer annunciou plans para lanzar unha versión alongada do avión como cargueiro civil. Ao pouco tempo formáronse asociacións con outras empresas aeroespaciais para o programa, como ENAER, OGMA, e Boeing. Entre os principais subcontratistas na fabricación da aeronave están Aero Vodochody, BAE Systems, e Rockwell Collins.
O 3 de febreiro de 2015 o primeiro dos seus dous prototipos realizou o seu voo de estrea. O 4 de setembro de 2019 entregouse o primeiro avión de produción á Forza Aérea Brasileira.[3] O 18 de novembro de 2019, durante o Dubai Airshow, Embraer anunciou o novo nome do aparelllo para o mercado global, C-390 Millennium.[4][5] Embraer asegurou varios clientes de exportación para o C-390, como a Forza Aérea de Portugal, a Forza Aérea de Hungría, e a Real Forza Aérea dos Países Baixos. Cunha capacidade de carga de 26 toneladas, o avión pode configurarse para realizar distintos tipos de operacións convencionais como transporte de tropas, de carga ou VIP, ou outras máis especializadas como repostaxe aérea. Tamén pode levar dous vehículos blindados de transporte de persoal M113, un vehículo blindado Boxer, un helicóptero Sikorsky H-60, 74 padiolas con equipo de soporte vital, ata 80 soldados ou 66 paracaidista completamente equipados, e ata 19 toneladas de carga para ser lanzada.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Embraer KC-390 Achieves Initial Operational Capability". embraer.com (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ "Inside Embraer's KC-390 Tanker/Transport". web.archive.org. 2012-10-08. Archived from the original on 08 de outubro de 2012. Consultado o 2023-07-06.
- ↑ O'Connor, Kate (2019-09-05). "Embraer Delivers First KC-390". AVweb (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ "Embraer divulga nome e designação de seu avião de transporte multimissão: C-390 Millennium". embraer.com (en inglés). Consultado o 2023-07-06.
- ↑ "Boeing-Embraer joint venture: KC-390 becomes C-390 Millenium - AeroTime" (en inglés). 2020-11-27. Consultado o 2023-07-06.