Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Igrexa de San Vicente de Mañufe

Igrexa de San Vicente de Mañufe
Igrexa de San Vicente de Mañufe
Datos xerais
PaísEspaña
TipoIgrexa barroca
AdvocaciónSan Vicente
LocalizaciónMañufe (Gondomar)
Coordenadas42°06′29″N 8°46′21″O / 42.108055555556, -8.7724722222222
CatalogaciónXunta de Galicia
Culto
CultoCatólico
DioceseTui-Vigo
Arquitectura
Construciónséculo XII - XVIII
EstiloArquitectura barroca
Páxina webhttps://www.diocesetuivigo.org/
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de San Vicente de Mañufe é un templo cristián situado no lugar da Moreira, parroquia de Mañufe, concello de Gondomar, comarca do Val Miñor. Levantada sobre outra do século XII, a maior parte da obra actual é barroca, consecuencia dunha gran reforma no século XVIII[1][2][3]. Ten como celebración principal a do santo patrón da parroquia, san Vicente, o día 22 de xaneiro[4][5]. Forma parte da diocese católica latina de Tui-Vigo. Destaca pola súa torre rematada nunha cruz, á que se abraza un home, que a tradición oral di representa ao construtor de orixe portuguesa.[6]

Situación

[editar | editar a fonte]

Sitúase á marxe esquerda da actual estrada provincial PO-2035 que vai do Cruceiro do Acordo (Texosa) a Nande, no núcleo do barrio da Moreira. O igrexario atópase fronte ao Pazo da Escola e dende o seu adro nace o antigo camiño do Verdeal que comunica co barrio do mesmo nome ao nordés da parroquia de Mañufe.[7][8][9]

Antigüidade

[editar | editar a fonte]

A primeira noticia desta igrexa procede de mediados do século XII, pero os restos máis antigos conservados no templo son unha parte do muro sur da nave principal, seguramente da Idade Moderna en opinión do arquitecto Antonio Soliño Troncoso[2].

Estilo e arquitectura

[editar | editar a fonte]
Cupulín da igrexa.
Escultura policromada de San Vicente na fronte exterior do templo.

O templo amosa unha planta de cruz latina e bóveda de canón na nave principal, aínda que é probable que nun principio tivese planta lineal, rematada nunha capela maior.[3] No ano 1722 a igrexa é reformada engadíndolle o cruceiro e as naves laterais[1].

Seguindo a descrición do templo de Soliño Troncoso, "algo máis tarde introdúcese no cuadrante sueste outro cubículo para localización da sancristía. Exteriormente a ábsida presenta maior altura que o resto das naves e gran traballo de cantería, sobre todo nos capiteis compostos das pilastras de esquina e nunha curiosa ventá do vento norte. Similar pericia presentan os traballos da fachada occidental rematada en torre-campanario pechada por cupulín". O devandito cupulín está coroado por unha curiosa cruz abrazada polo relevo dunha persoa [2].

Na fachada, sobre a porta de acceso, hai unha fornela coa imaxe policromada de san Vicente, o patrón da parroquia[3].

No interior, "os teitos están resoltos a base de bóvedas, de distinta tipoloxía formal, materializadas en ladrillo cerámico e madeira, en ambos os dous casos rematadas con revocadura e pintura. Baixo o arco triunfal conserva dous púlpitos, un a cada lado, coroados por respectivos tornavoces decorados". [2]

O templo destaca no Val Miñor como unha das mellores mostras do barroco galego[2]. Salienta polos traballos de cantería nas pilastras que flanquean a fachada principal. No interior destacan polo seu traballo artístico os dous púlpitos coroados por tornavoces decorados, e de maneira moi especial os retablos barrocos da ábsida, sostido por seis atlantes distintos en similar posición e dedicado ao patrón; e os retablos e San Brais e o da Virxe do Carme[3][2].

Ademais, o templo acubilla excelente imaxinaría do XVII ou XVIII como, por exemplo, un Cristo Resucitado e un san Vicente[2].

Actualmente a igrexa non garda os encalados exteriores e interiores "tan propios do barroco galego e, ademais, substituíuselle a tradicional porta de madeira por unha reixa metálica. "[2]

Complexo igrexario exterior

[editar | editar a fonte]

O adro está valado por un pequeno muro pétreo e parcialmente pavimentado con tapas graníticas de tumbas do antigo cemiterio que arrodeaba o templo[3][2].

Viacrucis

[editar | editar a fonte]

Percorrendo a liña do muro do adro, o viacrucis conserva 9 das 14 estacións con cruces de diferentes tamaños. Tres delas enteiras e o resto con distintas mutilacións sinalan o antigo percorrido a pé que facían os devotos. Na actualidade non se mantén a tradición do percorrido nin celebra devoción algunha sobre as mesmas[4].

A Casa das Novenas

[editar | editar a fonte]

Antigo lugar de culto e fábrica.

Escultura da Fe, cruceiro do mesmo nome no Campo de Festas de San Vicente de Mañufe

Campo ou torreiro de festas

[editar | editar a fonte]

Situado no ante-adro está elevado sobre a estrada PO-2035, que o separa dos muros do Pazo de Escola. Atópase circunvalado por un muro de cachotaría de granito. No interior levántase un palco de música e un cruceiro coñecido como O Cruceiro da Fe. Completa o espazo parte dun antigo arboredo que sombreaba o recinto.[8][4][2]

Palco da Música

[editar | editar a fonte]

Trátase dunha construción octogonal feita a base de perpiaño de granito e a que se accedía por unha sinxela escaleira metálica, que hoxe non conserva. Posúe unha pequena porta para entrar no soto. Este ten luz natural que entra por unhas pequenas xanelas en forma de óculo con cruceta.[3]

Nun dos seus lados atópase unha placa de mármore coa data de construción do palco: 1924.[3]

Segundo recolle Soliño Troncoso, o palco de festas foi doado polo indiano local Leopoldo Pérez Alonso e construído en fábrica de granito e fundición de ferro en 1922[2].

O Cruceiro da Fe

[editar | editar a fonte]

Situado no campo de festas e por diante do templo, este cruceiro presenta dúas partes diferenciadas estilisticamente, a cruz e o resto do monumento. Isto leva a pensar que foi executado por máis dun canteiro, segundo Soliño Troncoso.[2]É o cruceiro de maior altura de Gondomar cunha plataforma de 0,60 metros de altura, 3.70 metros no tramo do fuste e capitel, en 1.25 metros a cruz.[10]

A base estrutúrase sobre tres chanzos, o último con beirado que soporta unha base cúbica na que se apoia un varal octogonal[4]. A media altura do varal salienta unha imaxe da Fe tallada na mesma peza granítica. Amosa unha figura de muller cos ollos vendados e cun cáliz na man dereita e un libro na esquerda.[2]

O capitel presenta catro lados curvos decorados con follas e cabezas de anxos na parte central e espirais nas esquinas. Remata nunha cruz latina cun cristo crucificado coas súas faccións pouco marcadas, coa perna dereita enriba da esquerda. Non posúe imaxes no reverso.[3][4][2]

Existe unha lenda no pedestal que debido á erosión non foi transcrita até de agora. Ao amparo das características estilísticas, Soliño Troncoso sinala que "non debe ser anterior a 1700".[2]

Toponimia

[editar | editar a fonte]

Segundo a recollida de toponimia[7] na parroquia de Mañufe o igrexario garda microtopónimos que nomean casas e leiras do seu contorno.

A Casa do Cura e O Lugar do Cura, que designan respectivamente unha vivenda e leira contiguas que pechan o sur do campo de festas.

O Igrexario e A Fonte do Outeiral, situados o leste do templo.[7][2]

Tradición

[editar | editar a fonte]

A tradición local sinala que de tan satisfeito tras ver o seu traballo na igrexa de San Vicente de Mañufe, o mestre canteiro da obra, de orixe portuguesa, quixo deixar constancia de si e autorretratouse coroando o cupulín mentres sostén unha cruz que serviu de base a un cataventos.[3][2][6]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 Instituto de Estudos Miñoranos. Aula de Cultura "Ponte de Rosas" (D.L. 2012). Retallos de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos, Aula de Cultura "Ponte de Rosas". ISBN 978-84-616-1271-0. OCLC 864199224. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo Patrimonio Cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. ISBN 978-84-09-06595-0. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 "Igrexa de San Vicente de Mañufe". Patrimonio.net. Consultado o 20/05/2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2013). Cruces, cruceiros e petos do Concello de Gondomar. Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía (AGCE). ISBN 978-84-92867-09-7. 
  5. Gondomar, guía comercial e turística. ACHEGO. 2011. 
  6. 6,0 6,1 Espinosa Rodríguez, José (1951). Casas y Cosas del Valle Miñor (en castelán) (2ª ed.). Vigo: [s.n.](Imprenta Gutenberg). p. 51. OCLC 432013119. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Os topónimos e micro topónimos deste artigo están tomados da recollida de Toponimia realizada polo historiador Anxo Rodríguez Lemos baixo dirección do Instituto de Estudos Miñoranos e baixo encargo do Concello de Gondomar. Os mesmos pódense consultar na páxina web do concello de Gondomar e na do Instituto de Estudos Miñoranos.
  8. 8,0 8,1 "Toponimia de Gondomar". Concello de Gondomar. Arquivado dende o orixinal o 26-05-2020. Consultado o 20-05-2020. 
  9. "Toponimia". Instituto de Estudos Miñoranos. Arquivado dende o orixinal o 30-05-2020. Consultado o 20-05-2020. 
  10. Soliño Troncoso, Manuel; Mosquera Veleiro, José Luis; Soliño Troncoso, Alfonso; Soliño Troncoso, Antonio (1995). Gondomar : historia, arte y territorio (en Castelán). Vigo: Ir Indo. p. 211. ISBN 84-7680-225-0. OCLC 38830478.