Friedrich von Schlegel
- Véxase tamén: Hans Schlegel.
Karl Wilhelm Friedrich von Schlegel, nado en Hannover o 10 de marzo de 1772 e finado en Dresde o 12 de xaneiro de 1829, foi un lingüista, crítico literario, filósofo, hispanista e poeta alemán, un dos fundadores do Romanticismo, irmán do tamén filólogo August Wilhelm von Schlegel.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi o máis novo dunha familia protestante de sete irmáns. Destinado a ser banqueiro, rexeitou esa vocación e empezou en 1790 os estudos de Dereito na universidade de Gotinga, e proseguiunos en Leipzig. Neste período estableceu amizade co poeta Novalis. En Leipzig empezou a interesarse pola cultura grega. En 1794 viaxou a Dresde, onde estudou a arte e a cultura grecolatina clásica e escribiu o seu ensaio Sobre o estudo da poesía grega, que publicou como introdución a unha obra súa de máis empeño, Die Griechen und Römer («Os gregos e romanos»), 1797.
Viaxou entón a Jena, en cuxa universidade o seu irmán August Wilhelm impartía clases. Alí, influído pola filosofía de Fichte, empezou a desenvolver en Estética o que constituiría o principio teórico do Romanticismo, a ironía romántica ou dicotomía entre a obra creada e imperfecta e a idea do seu autor perfecta; a poesía encerraría pois elementos dunha filosofía, unha mitoloxía e unha relixión. Desde 1797 Schlegel colaborou no Deutschland and Der Deutsche Merkur. Co seu irmán e Ludwig Tieck fundou a revista Athenaeum, («Ateneo»), órgano do movemento romántico alemán, revista que editou entre 1798 e 1800.
Durante eses anos escribiu a novela semiautobiográfica e inacabada Lucinde (1799). En 1800 Schlegel publicou Gespräch über die Poesie, a súa obra máis ampla sobre estética romántica, onde estatuía que Dante Alighieri, Miguel de Cervantes e William Shakespeare eran as maiores figuras da literatura universal. «A historia é unha profecía ó revés», escribiu no Athenaeum. Desa época é a súa traxedia Alarcos (1802), onde sen moita fortuna tentou combinar elementos clásicos e románticos. Cando leu a historia da literatura europea lamentou perder tanto o tempo estudando o período clásico grecolatino. Compuxo entón Geschichte der alten und neuren Literatur (Viena, 1812), unha historia da literatura antiga e moderna.
Entre 1800 e 1801 Schlegel foi lector na Universidade de Jena. Estableceuse en París algúns anos coa escritora e tradutora Dorothea Veit, da que se namorou en Berlín anos antes e que era parente do crítico literario Moses Mendelssohn. En París Schlegel estudou sánscrito e fundou, en 1803, o xornal Europa. Traballou editándoo até 1805. En 1804 casou ó fin con Dorothea Veit, e volveu a Alemaña, en concreto a Colonia (1804-1807). Tras converterse ó catolicismo en 1808 viaxou a Viena, onde traballou no Ministerio de Asuntos Exteriores austríaco. Alí coñeceu ó escritor Joseph von Eichendorff. Serviu no exército austríaco entre 1809 e 1810.
Fundou e editou Deutsches Museum (1812-1813) e publicou o seu Über die Sprache und Weisheit dern Indier («Do idioma e a sabedoría dos indios») (Heidelberg, 1808) onde aplica ó indoeuropeo a metodoloxía da filoloxía comparada, na que se lle considera un pioneiro. Valéndose das observacións de Sir William Jones sobre as similitudes entre o sánscrito e outras linguas, latín, grego e persa, proclamou Schlegel que a India era o berce da civilización occidental. O paralelismo entre lingua e raza fíxolle falar da raza común dos arios que se desprazou a Europa e falaría unha Ursprache nai de tódalas linguas. Nos seus últimos anos sostivo unha grande admiración cara á obra de Goethe, en especial a súa Wilhelm Meister.
Constituíuse no portavoz ideolóxico da liberación alemá do xugo napoleónico e apoiou á Santa Alianza e a Metternich. Desde 1815 a 1818 serviu como secretario da legación austríaca na Confederación Xermánica, en Frankfurt. En Viena preparou a edición das súas obras completas (10 vols.). Entre 1820 e 1823 editou o xornal católico Concordia. Morreu en Dresde o 12 de xaneiro de 1829.
Schlegel foi desde 1798 o principal filósofo e teorizador do primeiro Romanticismo alemán (introduciu de feito o termo romantisch no contexto literario).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Poesía e Filosofía en F. Schlegel: a época da revista Athënaum (1798-1800), por Roberto Augusto Míguez. (en castelán)