Meninxe
As meninxes son as membranas que, a modo de envoltorio, cobren todo o sistema nervioso central, que queda situado baixo o cranio (cerebro, cerebelo e tronco do encéfalo) e a columna vertebral (medula espiñal). As tres meninxes, duramáter (paquimeninxe ou externa), aracnoide e piamáter (leptomeninxe ou interna), limitan 3 espazos: o epidural, o subdural e o subaracnoide.
A palabra procede do grego μῆνιγξ, "membrana".
Todas as estruturas que entran e saen do encéfalo ou da medula espiñal deben atravesar as meninxes.
A función das meninxes é protectora. Protexe mecanicamente e contra a entrada de substancias químicas nocivas e microorganismos e leva vasos sanguíneos.
Anatomía
[editar | editar a fonte]Duramáter
[editar | editar a fonte]A duramáter é unha membrana grosa, a máis próxima ao cranio das tres meninxes. Consta de dúas capas, a periostial, que é a máis externa, e a capa interna. Contén grandes vasos sanguíneos que se dividen en capilares na piamáter. Está composta de tecido fibroso denso, e a súa superficie interna está cuberta de células aplanadas similares ás presentes na superficie da piamáter e aracnoide. A duramáter envolve a aracnoide e rodea e sostén os grandes canais venosos (seos durais) que recollen sangue do cerebro para enviala ao corazón.
A duramáter orixina pregamentos ou proxeccións que profundizan na cavidade cranial rodeando catro áreas, e orixinando os seguintes tabiques de tecido menínxeo:
- Fouces do cerebro, son as máis grandes e falciformes; separan os hemisferios cerebrais. Empeza na crista frontal do óso frontal e a crista galli e vai ata a protuberancia occipital interna.
- Tendas do cerebelo, as segundas máis grandes, con forma de crecente; separan os lóbulos occipitais do cerebelo. As fouces do cerebro están unidas a ela, dándolle unha aparencia de tenda.
- Fouces do cerebelo, verticais; están debaixo das tendas do cerebelo, separando os hemisferios cerebelares.
- Diafragma selar ou da cadeira (diaphragma sellae), o pregamento máis pequeno; cobre como un teito a glándula pituitaria (hipófise) na cadeira turca (sella turcica).
Aracnoide
[editar | editar a fonte]A aracnoide é a meninxe intermedia, chamada así porque ten unha aparencia de arañeira. Serve de colchón amortecedor para o sistema nervioso central. A aracnoide é unha membrana fina e transparente. Está composta por un tecido fibroso e, igual cá piamáter, está cuberta por células aplanadas que son impermeables aos fluídos. A aracnoide non segue as circonvolucións da superficie do cerebro polo que parece un saco pouco axustado. Na rexión do cerebro un gran número de finos filamentos chamados trabéculas aracnoides pasan desde a aracnoide ao espazo subaracnoide e mestúranse co tecido da piamáter.
Piamáter
[editar | editar a fonte]A piamáter é unha membrana moi fina e delicada. É a envoltura menínxea que se adhire firmemente á superficie do encéfalo e medula espiñal, seguindo os contornos das circunvolucións e sucos cerebrais. Está composta de tecido fibroso cuberto na súa superficie externa por unha lámina de células aplanadas que se cre son impermeables aos fluídos. A piamáter está atravesada por vasos sanguíneos que cursan polo cerebro e medula espiñal, e os seus capilares interveñen na nutrición do cerebro.
Espazos
[editar | editar a fonte]Normalmente, a duramáter está unida ao interior do cranio e do canal das vértebras da columna. A aracnoide está unida á duramáter, e a piamáter está unida ao tecido do sistema nervioso central.
O espazo subaracnoide é o espazo que separa a aracnoide da piamáter, que está cheo de líquido cefalorraquídeo. Hai diversas rexións nas que o espazo subaracnoide se agranda formando cisternas subaracnoides.
Cando a duramáter e a aracnoide se separan debido a unha lesión ou enfermidade (e nos cadáveres), o espazo entre elas denomínase espazo subdural, polo que se considera un espazo potencial que só existe en certos casos.
O espazo epidural entre a duramáter e o óso só existe entre o canal das vértebras e a medula espiñal, ata o forame magno. No cranio é só un espazo potencial en caso de que se produza unha hemorraxia epidural.
Patoloxía
[editar | editar a fonte]Existen tres tipos de hemorraxia na que están implicadas as meninxes:[1]
- A hemorraxia subaracnoide é unha hemorraxia aguda baixo a aracnoide; pode ocorrer espontaneamente ou como resultado dun trauma.
- O hematoma subdural é un hematoma localizado entre a aracnoide e a duramáter. As pequenas veas que conectan a duramáter e a aracnide rompen, xeralmente como resultado dun accidente, e o sangue flúe na área subdural.
- O hematoma epidural tamén se pode orixinar por mor de accidentes.
Outras condicións médicas que afectan as meninxes son a meninxite (infección bacteriana ou ás veces vírica ou fúnxica) e os meninxiomas, que son tumores da meninxe ou metástases de tumores doutras partes do corpo.
Noutros animais
[editar | editar a fonte]Nos peixes, as meninxes constan dunha soa membrana (a meninxe primitiva). Nos anfibios, réptiles e aves, as meninxes son dúas, unha duramáter grosa, e unha segunda membrana interna tamén grosa, a meninxe secundaria. Os mamíferos manteñen a duramáter, e neles a meninxe secundaria divídese en aracnoide e piamáter, polo que teñen tres meninxes.[2].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Orlando Regional Healthcare, Education and Development. 2004. "Overview of Adult Traumatic Brain Injuries." Arquivado 27 de febreiro de 2008 en Wayback Machine. Retrieved on January 16, 2008.
- ↑ Kardong, Kenneth V. (1995). Vertebrates: Comparative Anatomy, Function, Evolution. Dubuque, Iowa: Wm. C. Brown Publishers. pp. 539. ISBN 0069219917