Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Neurohipófise

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquema da hipófise ou pituitaria, coa pituitaria posterior ou neurohipófise en azul.
Corte saxital medio dunha hipófise de mono.

A neurohipófise, hipófise posterior ou pituitaria posterior comprende o lóbulo posterior da hipófise ou pituitaria do encéfalo e forma parte do sistema endócrino. Malia o seu nome, a neurohipófise non é unha verdadeira glándula per se; senón máis ben está formada en gran parte por un conxunto de proxeccións axónicas procedentes do hipotálamo que terminan alí. Almacena e segrega hormonas (oxitocina, vasopresina)[1], pero estas sintetizáronse no hipotálamo.

Anatomía

[editar | editar a fonte]

A neurohipófise consta principalmente de proxeccións de neuronas (axóns) que proceden dos núcleos supraópticos e núcleos paraventriculares do hipotálamo. Estes axóns liberan hormonas peptídicas nos capilares hipofisarios. Ademais dos axóns, a neurohipófise tamén contén pituicitos, que son células gliais especializadas parecidas a astrocitos.

Embrioloxicamente a neurohipófise orixínase como un divertículo da base do diencéfalo [2], polo que ten unha orixe distinta da adenohipófise (derivada da bolsa de Rathke, un divertículo do estomodeo) [3].

A división anatómica da neurohipófise varía, pero a maioría das fontes divídena en tres rexións:

Pars nervosa
tamén chamada lóbulo neural ou lóbulo posterior. Esta rexión constitúe a maior parte do volume da neurohipófise e é o lugar onde se almacenan as hormonas oxitocina e vasopresina. Ás veces considérase (incorrectamente) sinónimo de neurohipófise. A pars nervosa inclúe os corpos de Herring e pituicitos.[4]
Talo infundibular
tamén chamado infundíbulo ou talo da pituitaria. O talo infundibular une os sistemas hipotalámico e hipofisario.
Eminencia media
só ás veces se inclúe como parte da neurohipófise. Outras fontes exclúena especificamente da hipófise.[5]

Unhas poucas fontes inclúen a pars intermedia da hipófise na neurohipófise, pero esta é unha opinión minoritaria. Os partidarios desta opción baséanse en que hai unha grosa separación anatómica entre a neurohipófise e a adenohipófise ao longo dos restos da bolsa de Rathke, que fai que a pars intermedia permaneza unida á neurohipófise.

Hormonas segregadas

[editar | editar a fonte]

As hormonas que se liberan na neurohipófise son sintetizadas polo hipotálamo, pero se almacenan e segregan na neurohipófise á circulación sanguínea.

Hormona Outros nomes Símbolo(s) Diana Efecto Fonte
Oxitocina Pitocina (nome comercial) OT Útero, glándula mamaria Contraccións uterinas; lactación Núcleos supraópticos e paraventriculares
Vasopresina (hormona antidiurética) Arxinina-vasopresina, arxipresina, hormona antidiurética VP, AVP, ADH Riles ou arteriolas Estimula a retención de auga; eleva a presión sanguínea ao contraer as arteriolas, produce agresividade nos machos Núcleos supraópticos e paraventriculares

Enfermidades

[editar | editar a fonte]

Unha secreción insuficiente de vasopresina favorece a diabetes insípida, na cal o corpo perde a capacidade de concentrar a urina. Os individuos afectados excretan ata 20 litros de urina diluída diariamente. O exceso de secreción de vasopresina causa a síndrome de secreción inadecuada de hormona antidiurética (SIADH).

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. A. C. Guyton. Tratado de Fisiología Médica. 6ª edición (1985). Interamericana. Páxinas 1096-1097. ISBN 84-7605-029-1
  2. G. J. Romanes. Cunninham. Tratado de Anatomía.Interamericana - Mc Grow Hill. 12ª edición (1987) ISBN 84-7605-359-2.
  3. "Embryology at unc.edu". Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2010. Consultado o 01 de febreiro de 2012. 
  4. BUHistology - 14004loa
  5. MeshName - Median+eminence

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]