Nomen dubium
Na nomenclatura taxonómica un nomen dubium (en latín "nome dubidoso", en plural nomina dubia) é un nome científico que é de aplicación dubidosa ou descoñecida.
En Bacterioloxía
[editar | editar a fonte]Na nomenclatura bacteriolóxica, os nomina dubia poden ser colocados na lista dos nomes rexeitados pola Comisión Xudicial. O significado destes nomes é inseguro. Outras categorías de nomes que poden ser tratados da mesma maneira (regra 56a) son:[1]
- nomes ambiguos, nomina ambigua (singular nomen ambiguum), que foron usados con máis dun significado
- nomes que causan confusión, nomina confusa (singular nomen confusum), están baseados nun cultivo mixto
- nomes perplexos, nomina perplexa (singular nomen perplexum), nomes moi similares que se confunden
- nomes perigosos, nomina periculosa (singular nomen periculosum), nomes que poden causar accidentes que poñan en perigo as vidas ou a saúde ou con consecuencias económicas potenciais graves.
En Botánica
[editar | editar a fonte]Na nomenclatura botánica o termo nomen dubium non ten status, aínda que se usa informalmente para nomes cuxa aplicación causou confusión. Porén, a este respecto, existe o sinónimo nomen ambiguum, que ten un uso máis frecuente. En botánica, pode propoñerse o rexeitamento destes nomes.
En zooloxía
[editar | editar a fonte]Na nomenclatura zoolóxica nun caso de nomen dubium pode ser imposible de determinar se un espécime pertence a ese grupo ou non. Isto pode ocorrer se a serie tipo orixinal (é dicir o holotipo, isotipos, sintipos, e paratipos) se perdeu ou foi destruída. Os códigos zoolóxico e botánico permiten neste caso elixir un novo espécime tipo ou neotipo.
Un nome pode ser tamén considerado nomen dubium se o seu tipo que leva o nome é fragmentario ou carece de características de diagnóstico importantes. A miúdo este é o caso de especies coñecidas só como fósiles. Para preservar a estabilidade dos nomes, o Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica permite elixir un novo espécime (neotipo) para o nomen dubium.
75.5. Substitución dun tipo que leva o nome por un neotipo. Cando un autor considere que a identidade taxonómica dun taxón de grupo-especie nominal non poida ser determinado a partir do seu tipo que leva o nome existente (é dicir, o seu nome é un nomen dubium), e a estabilidade ou universalidade están, por tanto, ameazadas, o autor pode solicitar que a Comisión relegue baixo o seu poder plenario [Art. 81] o tipo que leva o nome existente e designe un neotipo. (Orixinal: 75.5. Replacement of unidentifiable name-bearing type by a neotype. When an author considers that the taxonomic identity of a nominal species-group taxon cannot be determined from its existing name-bearing type (i.e. its name is a nomen dubium), and stability or universality are threatened thereby, the author may request the Commission to set aside under its plenary power [Art. 81] the existing name-bearing type and designate a neotype.)[2]
Por exemplo, os réptiles arcosauros de tipo crocodilo da especie Parasuchus hislopi Lydekker, 1885 describíronse baseándose nun rostro (parte do fociño) premaxilar, pero isto hoxe xa non é dabondo para distinguir Parasuchus dos seus parentes próximos. Isto fai que o nome Parasuchus hislopi sexa un nomen dubium. O paleontólogo texano Sankar Chatterjee propuxo que se designe un novo espécime tipo, que sexa un esqueleto completo.[3] A Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica considerou o caso e estivo de acordo coa proposta en 2003 de substituír o espécime tipo orixinal co neotipo proposto.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ SP Lapage, PHA Sneath, EF Lessel, VBD Skerman, HPR Seeliger, and WA Clark, ed. (1992). International Code of Nomenclature of Bacteria: Bacteriological Code, 1990 Revision. ASM Press.
- ↑ International Code of Zoological Nomenclature Arquivado 24 de maio de 2009 en Wayback Machine. (4th edition, 1999)
- ↑ Case 3165, Bulletin of Zoological Nomenclature 58:1 Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine., 30 March 2001.
- ↑ Opinion 2045, Bulletin of Zoological Nomenclature 60:2 Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine., 30 June 2003.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- species inquirenda, unha especie de identidade dubidosa que require máis investigación
- nomen nudum, nome proposto sen descrición nin ilustración
- nomen oblitum, nome esquecido