Ovni
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Un ovni[1] (orixinalmente abreviación de obxecto voante non identificado) ( pronunciación (axuda · info)) é calquera obxecto, real ou aparente, e en principio autopropulsado polo aire, que non pode ser identificado polo observador e que permanece sen identificar despois dunha determinada investigación.
Recóllense avistamentos de fenómenos aéreos infrecuentes dende tempos antigos, pero o termo ovni, non apareceu ata 1947. Dende aquela, moitas persoas aseguran ter visto algún "ovni", ao que se lle atribúen significados militares ou extraterrestres. A existencia de ovnis e o conxunto de estudos que fan referencia a eles (a ufoloxía) son amplamente negados pola comunidade científica.
Na cultura popular en todo o mundo úsase xeralmente o termo "ovni" para referirse a calquera hipotética nave extraterrestre, aínda que a expresión en si mesma, realmente non define a natureza do fenómeno. As expresións «prato voante» ou «prato voador»[2][3] tamén son usadas para describir aos ovnis; en portugués disco voador[4] ou prato voador[5], en castelán platillo volante[6], todos eles derivados dos termos en inglés flying saucer e flying disc[7] acuñados na década de 1940.
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]Autores coma Luis Alfonso Gámez, Ricardo Campo ou Neil deGrasse Tyson insistiron na grande importancia dos antecedentes históricos que rodearon o nacemento e a popularización do termo «ovni».
A finais do século XIX e principios do XX, Percival Lowell publicara varias obras sobre Marte, nas cales postulaba que as liñas escuras observadas por Giovanni Virginio Schiaparelli na superficie marciana constituían unha rede de canles, feitos por unha civilización intelixente, para taer auga dende os polos ao ecuador do «planeta vermello». Pese a que as observacións de Lowell revelaríanse erróneas, o público en xeral considerou a existencia de vida extraterrestre intelixente e próxima á Terra coma un feito probado cientificamente. O astrónomo e divulgador científico Carl Sagan indica que a nave estadounidense Mariner 9 refutou esa posibilidade cando fotografou a superficie de Marte en 1971.
En 1944, a Luftwaffe conseguira facer operativo o Heinkel Hei 178. O motor deste avión sorprendeu pola súa sinxeleza ao non necesitar bielas, pistóns, cegoñal, aceite e os demais elementos empregados ata o momento. Tamén a súa velocidade, próxima aos 700 km/h, deixaba bastante atrás aos mellores aparellos da época, é o caso do Supermarine Spitfire. Como terceira virtude pódese destacar a súa manobrabilidade. Ademais o aparello en si xa era sorprendente para persoas pouco introducidas no mundo aeronáutico por non ter hélices que o impulsasen. Aparellos como este e tantos outros que lle seguiron comezaron a implantar no cidadán corrente a idea de que se investigaba sobre novos modelos aéreos, bastante diferentes dos anteriores e cunhas prestacións moi superiores.
Un efecto máis contundente se cabe para a opinión pública causouno o V2. Este mísil balístico deixaba moi atrás ao que podían presentar estados-nación como a Unión Soviética ou Estados Unidos. A V2 era capaz de mover unha carga útil de case unha tonelada, a varios centos de quilómetros e a velocidades que superaban con moito a do son, segundo Nigel Hawkes (1992, p. 193) dita velocidade considerábase «barreira» infranqueábel para un enxeño humano, pese, continúa Hawkes, a que as balas de fusil xa viaxaban a esa velocidade desde había décadas. Este portento da enxañería abriu novamente a mentalidade do público en xeral e fixo ver como posible que un enxeño de orixe intelixente causase imaxes que antes se tomaron por espellismos, resplandores, lóstregos ou calquera outra explicación natural.
O 16 de xullo de 1945 tivo lugar en Álamo Gordo a Proba Trinity, coa que culminaba o Proxecto Manhattan. Dita proba, xunto á utilización posterior dunha bomba de uranio e outra de plutonio, demostrou que se podía conseguir gran cantidade de enerxía con pouca masa. Pero, ao mesmo tempo, descubríase un novo tipo de arma, cunha capacidade destrutiva incomparábel, o cal supuxo un salto cualitativo no tipo de guerra que podería librarse. Así mesmo, tamén deuse o pistoletazo de saída para unha carreira de armamentos entre os Estados Unidos e a Unión Soviética xunto a unha carreira de información para coñecer cada bando o nivel alcanzado polo seu opoñente. Aínda que actualmente sábese que a tecnoloxía soviética estaba por detrás da estadounidense, había dous campos onde se levaban certa vantaxe: un era o misilístico, como se verá máis adiante, e o outro foi a capacidade de gardar os seus segredos. O réxime de Iósif Stalin era unha ditadura férrea, cun control considerable da información producida e difundida, polo que as aparencias eran máis fáciles de gardar. Unido a isto, as inmensas proporcións do país concedíanlle unha profundidade estratéxica sen igual, o que facía imposible observar todo o seu territorio, aínda que só fose indirectamente, desde ningún punto da súa fronteira, por moi alto que se alzase o observador. Como recolleu posteriormente John Lewis Gaddis (2008), os soviéticos podían ameazar con mísiles que non tiñan e esgrimir divisións coas que non contaban, ou polo menos en determinados momentos, porque as axencias de información ao principio tiñan un gran descoñecemento do que sucedía no interior do país inimigo. A recentemente creada CIA (Axencia Central de Intelixencia) necesitaba información sobre o que sucedía na Unión Soviética e financiou proxectos de todo tipo para conseguir fotografías ou medicións atmosféricas que puidesen indicar os avances da outra superpotencia en campos como o dos mísiles intercontinentais, os bombardeiros estratéxicos ou as probas nucleares atmosféricas.
Investigación
[editar | editar a fonte]Clasificación
[editar | editar a fonte]As reclamacións de supostos ovnis déronse en moi diversas situacións: dalgunhas delas redactáronse informes; doutras ademais existen testemuños de vídeo e fotografías, na maior parte das ocasións suxeitas a polémica sobre a súa autenticidade. Pola súa forma de presentación tense realizado esta clasificación.
- Pantasmas de combate:
- (en inglés, foo fighter). A súa orixe remóntase á Segunda guerra mundial, cando pilotos combatentes de ámbolos bandos observaron determinados obxectos voantes non eran detectados polos radares. Observáronse como pequenas luces, aparentemente con masa, aínda que nalgún dos casos as pequenas luces cruzaban do exterior ao interior das cabinas dos pilotos. O seu tamaño, segundo os informes, ía desde os 10 centímetros ata os 5 metros, e foron descritas como bólas incandescentes. Na actualidade considérase que estes obxectos eran, en realidade, raios globulares.
- Esfera:
- Fenómeno onde se observan presuntamente corpos sólidos e opacos, aínda que se teñen citado avistamentos de esferas translúcidas ou luminosas, ríxidas ou flexibles.
- Disco:
- Fenómeno onde o obxecto tería unha forma plana, ás veces avultada no centro; serían luminosos ou presentarían un brillo metálico.
- Charuto:
- Fenómeno de forma cilíndrica ou similar, de gran tamaño (maior cás formas xa descritas), alongada e luminosa, aínda que tamén se describiu sen luminosidade nin brillo.
- Verme:
- Fenómeno de forma alongada con aparencia tubular, cun movemento aparentemente similar ao dos vermes. Entre os ufólogos é coñecido como 'Rod' ou 'EBANI' (Entidade Biolóxica Anómala Non Identificada). Tense dito que expulsan obxectos esféricos na atmosfera.
- Triángulo ou delta:
- Fenómeno de forma triangular, xeralmente con luz en cada un dos vértices. A maioría dos investigadores atribúen a súa orixe a aeronaves terrestres de carácter experimental ou secreto, descoñecidas para o mundo civil.
Sistemas de identificación
[editar | editar a fonte]Os indicios da presunta existencia deste fenómeno chegan fundamentalmente a través de tres vías.
- Radar
- Probas fotográficas: fotos, películas e vídeos, ás que non sempre se lles atopou explicación.
- Perturbacións gravadas gravimétricas e magnéticas.
Ovnis en Galicia
[editar | editar a fonte]O primeiro suposto avistamento de ovnis en Galicia remóntase ao 15 de outubro de 1945, cando un obxecto houbo de sobrevoar a zona dos Cantóns coruñeses e foi enxergado por un matrimonio. Porén, a etapa onde se rexistra un maior número de avistamentos comeza en 1995, cun avistamento no cuartel militar de Garabolos, ao norte da cidade de Lugo[8]. Entre novembro de 1995 e o verán de 1996 rexístranse ducias de presuntos avistamentos en Galicia, en particular nas provincias de Lugo e da Coruña.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ovni.
- ↑ Redacción (2018-11-06). ""Un prato voador aterrou en Utah", chancéase a NASA". GCiencia. Consultado o 2022-06-27.
- ↑ "¿En toda a túa carreira de científico viches algún prato voador, algún ovni ou algo relacionado con “aliens”?". Programa Prensa-Escuela. 2009-11-03. Consultado o 2022-06-27.
- ↑ "Disco voador de verdade". Consultado o 2022-06-27.
- ↑ Press, Europa (2014-06-30). "'Pequeno prato voador' levará humanos a Marte". www.europapress.es. Consultado o 2022-06-27.
- ↑ "¿Existen los OVNIS? ¿Existen los platillos volantes? UFO Ovni Extraterrestres (1968)". Consultado o 2022-06-27.
- ↑ "This Is Why People Think UFOs Look Like 'Flying Saucers'". Time (en inglés). Consultado o 2022-06-27.
- ↑ "Los ovnis que el Ejército investigó en Galicia". La Voz de Galicia (en castelán). 2016-10-23. Consultado o 2022-06-27.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ovni |
- Conspiración. Web e foros sobre o fenómeno ovniArquivado 19 de abril de 2007 en Wayback Machine. (en castelán)
- Ufoevidence (en inglés)
- Escalofrío: OVNIs (en castelán)
- Imaxes do "Google Maps" de posibles "ovnis"
- O inexplicable: ovni (en castelán)
- Magonia: unha mirada crítica aos fenómenos supostamente paranormais (en castelán)
- Sitio que ofrece unha visión crítica do fenómeno ovni e dos seus promotores, como Jaime Maussan (en castelán)
- Formacións ovni (en castelán)
- Ovnis México - Sitio web dedicado á investigación do fenómeno ovni e temas do paranormal (en castelán)
- Jacques Vallee: Passport to Magonia - Section, "50 Years of UFO Landings (1868-1968)" (en castelán)
- Bloc do CEI Noticias sobre o mundo ovni, especialmente de avistamientos en España (en catalán)