Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Siouxsie & the Banshees

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Siouxsie & the Banshees
OrixeLondres,
Período1976 - 1996
2002 (reunión para unha xira)
Xénero(s)post-punk, rock gótico, New Wave, rock alternativo
Selo(s) discográfico(s)Polydor, Geffen Records, Sanctuary
MembrosSiouxsie Sioux
Steven Severin
Budgie
Antigos membrosSid Vicious
Marco Pirroni
Kenny Morris
Peter Fenton
John McKay
John McGeoch
Robert Smith
John Valentine Curruthers
Martin McCarrick
Jon Klein
Knox Chandler
Artistas relacionadosThe Creatures, The Cure, The Glove, Sex Pistols
Na rede
SiouxsieandtheBanshees.co.uk
IMDB: nm0802593 Facebook: 186751311365203 Twitter: siouxsieandtheb Instagram: siouxsieandthebanshees MySpace: siouxsieandthebanshees Youtube: UCrSQ_CLYKSbQpw8Ol7xTrvQ Souncloud: siouxsie-and-the-banshees Spotify: 1n65zfwYIj5kKEtNgxUlWb iTunes: 92623 Last fm: Siouxsie+and+the+Banshees Musicbrainz: 78ea5ea1-3c4d-4b7e-ac5d-68900319ebe2 Songkick: 144040 Discogs: 80501 Allmusic: mn0000748222 Deezer: 1719 Genius: Siouxsie-and-the-banshees Editar o valor en Wikidata
Siouxsie (1980)

Siouxsie & the Banshees foi un grupo de música post-punk inglesa formado en 1976. Foi un dos grupos claves da música dos anos 80. Abandeirados do movemento post-punk, foron millóns de fans os que seguiron a estética dos seus membros, e moitas bandas as que seguiron o seu estilo musical. O grupo disolveuse en 1996, aínda que se volveron xuntar brevemente para unha xira en 2002.

Trala separación da banda Siouxsie Sioux, cantante do grupo, seguiu traballando con the Creatures, e desde setembro de 2007 canta como solista.

Biografía

[editar | editar a fonte]

A formación inicial estaba composta por Siouxsie Sioux (Susan Dallion, nacida en Londres o 27 de maio de 1957, líder e cantante solista), Steven Severin ó baixo, Marco Pirroni á guitarra e Sid Vicious na batería. Estreáronse en setembro de 1976 nun dos primeiros festivais punk do Club 100 de Londres. Nese concerto, ademais de improvisaren un tema, fixeron versións de "Deutschland, Deutschland über alles", "Knockin' on Heaven's Door", "Smoke on the Water" e "Twist and Shout".

O grupo comezou como unha aventura e acabou levando unha fluída carreira comercial moi representativa do que o punk apuntou e que o post-punk puxo en circulación. O nome de Banshees procede do que recibían as míticas fadas mensaxeiras da morte na tradición celta.

A comezos de 1977 Vicious (John Simon Ritchie) uniuse ós Sex Pistols e Pirroni a Adam & the Ants. En 1978 un disco pirata seu xa circulaba de man en man, o que demostraba o seu auxe e o interese que espertaban. Ese mesmo ano e coa incorporación de John McKay á guitarra e Kenny Morris á batería, gravaron o primeiro sinxelo, o tema "Hong Kong Garden" que acadaría o número 7 nas listas inglesas e ó que seguiría o seu álbum de estrea, The Scream, producido por Steve Lillywhite (coñecido produtor dos primeiros traballos de U2) no selo Polydor. O son do grupo desprendía unha agresividade punk densa e escura que se acrecentaría no seu segundo traballo, Join Hands. Este LP publicouse en 1979, e inclúe unha versión do clásico "The Lord's Prayer", e os sinxelos "The Staircase" e "Playground Twist" como temas estelares.

A banda consolidouse no mercado británico e co comezo da xira de promoción do disco John McKay (guitarrista) e Kenny Morris (batería) abandonaron a formación, deixando o dúo Siouxsie e Steve Severin na estacada. A xira completaríase coa axuda de Robert Smith, de The Cure (que tocaba naquela época de abreconcertos da banda) e Budgie (ex The Slits). Finalmente Budgie quedaría como membro fixo da formación, mentres que a guitarra cubriríase coa entrada de John McGeoch (ex Magazine) no grupo. O seu característico estilo de guitarra con delays e flangers e a súa arte cos arpexos definirían o son Banshee nos anos posteriores.

En 1980 editaron o terceiro traballo, Kaleidoscope, no que tamén colaborou o antigo membro de Sex Pistols Steve Jones. O disco é bastante máis sombrío que os seus predecesores, influído polo uso de sintetizadores, e cun son máis limpo e denso, deixando de lado as antigas maneiras punk da formación para achegarse ó nacente son sinistro de bandas da época como Joy Division ou Bauhaus.

O disco chegou ó Top 5 británico, e o sinxelo "Happy House" transformouse nun dos grandes éxitos da banda por esas datas. Desta forma Siouxsie & The Banshees comezaron a súa primeira xira polos Estados Unidos.

O cuarto traballo da banda edítase en 1981 baixo o título de Ju ju, trala publicación do exitoso sinxelo Israel. Ju ju está considerado por moitos como o mellor traballo da banda. Encóntrase impregnado de ambientes psicodélicos e góticos, e situaría o grupo como abandeirados á cabeza do movemento Gótico/Sinistro da época. A súa influencia chegará ata España, onde Alaska calcaría a súa estética e son con Alaska y los Pegamoides.

Tamén en 1981 abriuse e pechouse unha etapa da historia do grupo coa aparición do disco Once Upon a Time/The Singles, que recompilaba tódolos seus sinxelos. Sumidos nunha nube de popularidade anovan o seu son co seu seguinte traballo, A Kiss in the Dreamhouse, publicado en 1982. Resulta máis experimental e psicodélico cós seus predecesores, e nel pódese apreciar unha maior orientación comercial en temas como Slowdive. Malia conter algunhas grandes cancións, o disco pecaba de ser un traballo menor.
Durante a promoción do álbum e en plena xira John McGeoch sufriu un colapso no escenario debido ó consumo excesivo de drogas, e debeu ser internado nun hospital psiquiátrico en Madrid. Robert Smith de The Cure volvería a axudar ós Banshees a concluír a xira, acabando por incorporarse como membro estable á banda.

A comezos de 1983 gravan e editan un sinxelo cunha versión do tema Dear Prudence dos Beatles, que se transforma no seu maior éxito ata a data. É xusto nese momento cando Siouxsie e Budgie (que acabarían formando matrimonio) aproveitarían para crearen un proxecto paralelo, un grupo alternativo, The Creatures, co que gravarían o disco Feast en 1983. (Este proxecto continuaría no futuro con traballos como Boomerang en 1990, Anima Animus en 1999 e Hai no 2003).
Pola súa parte Steve Severin e Robert Smith formarían The Glove, un proxecto psicodélico no que explotaron a súa parte máis aloucada e desenfadada tras un prolongado consumo de drogas alucinóxenas.

A mediados de 1983 a banda reunifícase para facer unha xira e gravar o seu primeiro álbum en directo, Nocturne (1983), que se edita baixo o seu propio selo discográfico Wonderland, e que está gravado durante unha exitosa actuación no Royal Albert Hall de Londres.
Coa publicación do álbum Hyaena (1984) e un forte abrandamento do son do grupo, xa totalmente sumidos no pop, reciben as súas peores críticas, comezando así unha pequena etapa de decadencia que se salda coa saída do grupo de Robert Smith, que se centraría definitivamente en The Cure.

En 1985 Siouxsie and The Banshees rexorden das súas cinzas co traballo Tinderbox e coa incorporación ó grupo de John Carruthers á guitarra. O disco, fresco e repleto de boas cancións, incluía algúns dos mellores sinxelos da súa carreira: Cities in Dust e Candyman. Ademais foi o primeiro álbum do grupo que lograba unha boa posición nas listas de vendas estadounidenses.

Tras Through the Looking Glass (1987), un disco de versións a modo de homenaxe ós seus artistas favoritos, no que interpretan temas de The Doors, Iggy Pop ou Bob Dylan, gravan un dos mellores e máis exitosos discos da súa carreira: PeepShow (1988). O guitarrista Carruthers é substituído por John Klein, e Martin McCarrick incorpórase como teclista.
Este álbum marca un cambio radical no son da banda, xa totalmente redefinidos como pop e cada vez máis achegados ás pistas de baile. O sinxelo Peek A Boo sería un éxito nas listas estadounidenses e remataría por consagralos neste mercado.

1990 ábrese co disco Superstition, o máis vendido da banda e o máis comercial, unido a un forte cambio de imaxe no grupo, asumindo unha estética máis accesible e sexy. Kiss Them For Me sería outro sinxelo de éxito nas listas de todo o mundo.

En 1991 Siouxsie e Budgie contraen matrimonio, mudándose a Francia.

En 1992 gravan un tema para a banda sonora da película Batman Returns de Tim Burton baixo o título Face To Face, un dos mellores da súa carreira. Nesas datas edítase a segunda recompilación de sinxelos da banda, que recolle a etapa de 1982 a 1992 baixo o título Twice Upon A Time.

A banda faría un parón artístico ata 1995, cando editan The Rapture, un disco menor que sería o último traballo de estudio do grupo. Despois Siouxsie e Budgie continuarían co proxecto The Creatures e Severin volveríase un dos artistas máis experimentais da música con distintos proxectos. Ó longo dos anos iríanse editando distintos recompilatorios de éxitos así como álbums en directo.

A banda disólvese en 1996 deixando unha simple carta ós seus fans:

"20 Minutes Into 20 Years"

As the "music industry" prepares to relive the heady days of "punk", when confusing the opportunists with the protagonists, it proceeded to sign anything with a safety-pin that could spit, Siouxsie and the Banshees would like to say Thank You and Goodbye.

To our loyal fans and friends for their immitigable support.

To Polydor Records for an amicable split after 18 years.

And to the musicians for their indelible spirit...

Martin McCarrick, Knox Chandler, Jon Klein, John Carruthers, Robert Smith, John McGeoch, John McKay, Kenny Morris, Peter Fenton, Marco Perroni & Sid Vicious.

1996 Siouxsie and Budgie begin new recordings as The Creatures

Steven Severin has just complete new material for the film soundtrack "Visions of Ecstacy"

Siouxsie and the Banshees 1976-1996

R.I.P.

A principios do 2007 Siouxsie e Budgie divorciáronse, dando por finalizada tanto a súa relación persoal como a artística, disolvendo The Creatures.

O primeiro álbum en solitario de Siouxsie, Mantaray saíu en setembro de 2007 baixo o selo Universal.

Discografía

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
The Scream 1978 Polydor Records
Join Hands 1979 Polydor Records
Kaleidoscope 1980 Polydor/Geffen/Warner Bros.
Juju 1981 Polydor/Geffen/Warner Bros.
A Kiss In The Dreamhouse 1982 Polydor/Geffen/Warner Bros.
Hyæna 1984 Polydor/Geffen/Warner Bros.
Tinderbox 1985 Polydor/Geffen/Warner Bros.
Through The Looking Glass 1987 Polydor/Geffen/Warner Bros.
Peepshow 1988 Polydor/Geffen/Warner Bros.
Superstition 1990 Polydor/Geffen/Warner Bros.
The Rapture 1995 Polydor/Geffen/Warner Bros.

Influencia noutros artistas

[editar | editar a fonte]

En España sempre foi un grupo cun amplo séquito de fans e admiradores, malia que nunca deixaron de considerarse un grupo de culto. Artistas como Alaska mostraron sempre a súa grande admiración por esta banda, e mesmo hai bastantes paralelismos entre as carreiras de ambas as cantantes, tanto a nivel de look como musical.
Grupos da movida madrileña como Parálisis Permanente, Seres Vacíos ou os propios Pegamoides foron herdeiros do seu son, especialmente da etapa máis gótica da banda. Outros grupos máis actuais, coñecidos en maior ou menor medida, como poden ser Garbage, Noctivagus, Fangoria, Niños del Brasil, Ídolos de Polvo ou Amaral mostraron a gran pegada que deixaron os temas desta banda na súa música.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]