Sveriges Television
Sveriges Television | |
---|---|
Inicio das emisións | 1956 (como SVT en 1979) |
Propiedade de | Förvaltningsstiftelsen för Sveriges Radio AB Lars Engqvist (presidente do Consello) Eva Hamilton (Directora executiva) |
Slogan | Fri Television (Televisión libre) |
País | Suecia |
Lingua | sueco |
Área de emisión | Suecia Europa, Oriente Medio, África, Asia e Oceanía a través de SVT World |
Sede central | Estocolmo, Suecia |
Na rede
| |
http://www.svt.se/ | |
Sveriges Television (abreviado, SVT; en galego, "Televisión de Suecia") é a empresa de televisión pública de Suecia. A empresa, separada desde 1979 de Sveriges Radio (compañía pública de radio), non é estatal, senón que está dirixida por unha fundación independente, a Förvaltningsstiftelsen för Sveriges Radio AB, na que os membros do seu Consello de Administración son elixidos polo Parlamento Sueco.
A SVT mantivo o monopolio da televisión en Suecia ata a chegada das emisoras privadas vía satélite en 1987 e a posterior entrada analóxica da cadea privada TV4 en 1992.
A SVT é membro da Unión Europea de Radiodifusión, aínda que o ingreso como un dos 23 membros fundadores corresponde a Sveriges Radio, xa que ambas actúan por separado.
Historia
[editar | editar a fonte]A base da cadea de televisión está na emisora de radio Sveriges Radio (nos seus inicios, Radiotjänst), organismo creado en 1925.
Radiotjänst comezou a facer probas do sinal de televisión en 1954 desde a Universidade Tecnolóxica Real de Estocolmo, e a cadea de televisión comezou en período de probas desde o 4 de setembro de 1956 como Radiotjänst TV. Estableceuse posteriormente que dita cadea financiaríase a través dun canon televisivo, do mesmo xeito que o servizo de radio. En 1957, momento no que comezaron as emisións regulares da cadea de televisión, Radiotjänst pasou a chamarse Sveriges Radio (SR). Un ano despois iniciaríanse os servizos informativos (Aktuellt)
En 1966 comezaron a emitir en cor (de forma continua en 1970) e a súa segunda cadea de televisión nacería o 5 de decembro de 1969. A intención da creación da segunda cadea era fomentar unha competencia entre ambas cadeas, que pasarían a chamarse TV1 e TV2. Tamén nacerían as desconexións rexionais a comezos dos anos 70.
En 1979 Sveriges Radio sufriu unha importante remodelación. Pasaría a haber unha empresa, Sveriges Radio AB, que aglutinase 4 compañías: Sveriges Radio (SR, Radio nacional), Sveriges Lokalradio (LRAB, radio local; máis tarde fusionaríase con SR), Sveriges Utbildningsradio (UR, televisión educativa), e Sveriges Television (SVT, televisión). Desde ese momento, a SVT iría por separado dentro dunha mesma compañía.
Durante os anos 80 produciuse outra reestruturación das cadeas: TV1, unha televisión centralizada na sede de Estocolmo, e TV2 con desconexións territoriais, con ambas cadeas competindo entre si. En 1988 a cadea pasaría a emitir por completo en Stereo, e tamén lanzaría unha cadea vía satélite chamado TV4 (actualmente, SVT Europa), que nun principio emitiría só para o Sur de Finlandia pero que co aumento da súa cobertura en 1997 converteríase na cadea europea de SVT.
Ese período tamén supuxo para a SVT a perda da súa monopolio televisivo. Primeiro coa aparición das cadeas privadas que só podían emitir vía satélite (como TV3 en 1987), e posteriormente o monopolio en analóxico, coa concesión de licenza analóxica en 1992 para a cadea privada xa existente en satélite TV4.
En 1994 a cadea pasou a estar controlada por unha Fundación cuxo obxectivo é "garantir a independencia dos organismos públicos de radiodifusión"[1] produciuse unha nova reestruturación na que as dúas cadeas deixarían de competir entre si, e pasaban a chamarse SVT 1 e SVT 2.
En 1999 comezaron as probas de emisión de cadeas en Televisión Dixital Terrestre, lanzando varias cadeas rexionais e o especializado en informativos SVT24. En 2001 prodúcese unha remodelación completa na organización, que ata cambia de logo, e que levou a unha reorganización importante na que SVT1 pasaría a ser a cadea xeralista e SVT2 dedicaríase a unha audiencia máis xuvenil.
Sveriges Television comezou os seus servizos de vídeo baixo demanda en Internet en 2006, a emisión dunha cadea en alta definición chamado SVT HD, e desde 2005 levou a cabo a transición do analóxico ao dixital, completada en 2007. En 2008 cambiou os logotipos de SVT1, SVT2 e Barnkanalen que pasou a chamarse SVTB.
Organización
[editar | editar a fonte]Desde 1994 a SVT é dirixida por unha Fundación cuxo obxectivo é tratar de garantir a independencia dos medios públicos.
A Fundación propietaria, dirixida por un Directorio de 11 membros nomeados polo Goberno a partir de propostas dos grupos políticos, non pode incidir na Organización, Financiamento, Oferta de programas ou orientación, que recae na Dirección de programas e Dirección Executiva. Ademais, a elección do presidente da Fundación non se realiza inmediatamente logo de celebrarse as eleccións, senón que se ten que esperar un ano ao termo das mesmas. O cargo de Presidente dura 4 anos e o dos membros do Consello 8 anos.
Financiamento
[editar | editar a fonte]Os suecos deben pagar un canon polo mantemento dos servizos públicos de radiodifusión que se reparte entre as empresas Sveriges Television, Sveriges Radio e Sveriges Utbildningsradio (aínda que o goberno pode variar as cotas que perciban). O diñeiro do canon, aproximadamente 2000 coroas suecas, págase a través dunha conta do Banco de Suecia, e é cobrada pola empresa Radiotjänst i Kiruna AB.
SVT ten prohibida a emisión de publicidade nos seus espazos, polo que o canon é a súa principal fonte de financiamento.
Cadeas
[editar | editar a fonte]Sveriges Television encárgase das seguintes cadeas:
- SVT 1
- SVT 2
- SVT Barnkanalen: Anteriormente coñecido como SVTB. Cadea dedicada especialmente á infancia. Emite de 7 a 19.
- Kunskapskanalen: Cadea dedicada á cultura e á ciencia, levado conxuntamente por Sveriges Television e Sveriges Utbildningsradio.
- SVT24: Cadea dedicada as 24 horas á información e noticias. Ademais ofrece programas de debate e entrevistas.
- SVT1 HD: Simulcast en HD de SVT1 no que se emiten os programas de SVT1 en alta definición. Substituíu a SVT HD o 20 de setembro de 2010.
- SVT1 HD: Simulcast en HD de SVT2 no que se emiten os programas de SVT2 en alta definición.
Ademais destas cadeas, Sveriges Television leva varios rexionais e ten unha versión internacional chamada SVT World, que emite o mellor da produción propia das cadeas de SVT para o resto do mundo a través dos satélites Eurobird (toda Europa e Oriente Medio) e Thaicom (gran parte de África, Asia e Oceanía). Tamén emiten vía satélite (bastante estendido a raíz das cadeas privadas) por Viasat, e a través do cable. Tamén existe unha plataforma de Internet (SVT Play) no que se poden ver os programas de SVT continuamente.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sveriges Television |
- Sveriges Television (en sueco)
- Programación da SVT Arquivado 16 de xullo de 2012 en Wayback Machine.
- SVT Play
- SVT VODcasts Arquivado 16 de febreiro de 2006 en Wayback Machine.