André Vesalio
André Vesalio, en galego, ou Andreas Vesalius, na súa forma latinizada, son os nomes cos que se coñece habitualmente a Andries van Wesel, nado en Bruxelas o 31 de decembro de 1514 e finado en Zante, actual Grecia o 15 de outubro de 1564, foi un anatomista flamengo do Renacemento, autor dun dos libros máis influentes sobre anatomía humana, De humani corporis fabrica (Sobre a estrutura do corpo humano).
Baseando os seus estudos anatómicos na observación directa, desbotou algúns graves erros presentes na obra de Galeno, polo que está considerado como o fundador da anatomía moderna.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Bruxelas, capital de Flandres que daquela formaba parte do Sacro Imperio Romano Xermánico, nunha familia de médicos. Seu pai, Moisés Coprima, era fillo ilexítimo do médico real do emperador Maximiliano I, Everard Van Wesel. O seu pai animouno a seguir a tradición familiar, e o inscribiu na Escola dos Irmáns da Vida Común, en Bruxelas, onde Vesalio aprendeu grego e latín.
André serviu tamén a Maximiliano, como boticario, e despois ao seu neto Carlos V como valet de chambre.
En 1528 Vesalio ingresou na Universidade Católica de Lovaina (Pedagogium Castrensis) como estudante de artes, pero cando o seu pai foi nomeado valet de chambre, en 1532, preferiu seguir estudos de medicina na universidade de París, cidade á que se trasladou en 1533. Alí estudou as teorías de Galeno baixo a dirección de Jacques Dubois (Jacobus Sylvius) e de Jean Fernel. Foi nesta época cando empezou a interesarse pola anatomía. Para mellorar os seus coñecementos sobre osteoloxía províase de ósos no Cemiterio dos Inocentes.
Viuse obrigado a abandonar París en 1536 a causa da guerra entre Francia e o Sacro Imperio, regresando a Lovaina. Alí completou os seus estudos baixo a dirección de Johannes Winter von Andernach, graduándose ao ano seguinte. A súa tese, Paraphrasis in nonum librum Rhazae medici arabis clariss ad regem Almansorum de affectum singularum corporis partium curatione, foi un comentario sobre o libro noveno de Rhazes, un médico árabe do século X. Permaneceu en Lovaina pouco tempo, a causa dunha disputa co seu mestre, instalándose durante un tempo en Venecia e, en 1536, trasladouse á universidade de Padua (Universitas aristarum), onde se doutorou en 1537.
Inmediatamente despois da súa graduación lle ofreceron o posto de explicator chirurgiae, equivalente a unha cátedra de Cirurxía e Anatomía, na mesma universidade. Impartiu tamén leccións nas universidades de Boloña e de Pisa.
O seu método de ensinanza era revolucionario. Tradicionalmente o profesor ensinaba lendo os textos clásicos (principalmente a obra de Galeno) e a súa exposición era seguida pola disección dun animal, realizada por un cirurxián-barbeiro baixo a dirección do profesor. Vesalio, en cambio, converteu a disección na parte máis importante da clase, levándoa a cabo por si mesmo, rodeado polos seus alumnos. Para Vesalio, a observación directa era a única fonte fiábel, o que supoñía unha importante ruptura coa práctica medieval, baseada fundamentalmente nos textos.
Recompilou os seus debuxos de anatomía, para uso dos seus estudantes, en táboas anatómicas ilustradas. Cando descubriu que algúns deles estaban sendo copiados, publicounos en 1538 co título de Tabulae Anatomicae Sex (Venecia, 1538). As tres láminas osteolóxicas foron realizadas por Kalkar, a instancias súas; as tres relativas ás vísceras (fígado, vea porta e xenitais; fígado e vea cava; corazón e aorta) realizounas el mesmo. En 1539 publicou tamén unha versión actualizada do vademécum anatómico de Galeno, Institutiones Anatomicae. Cando esta obra chegou a París, un dos seus antigos profesores publicou un ataque contra ela.
En 1538 publicou unha obra sobre a flebotomía ou sangría, que era na época un tratamento que se aplicaba a case calquera enfermidade. Existía un debate acerca de cal era o lugar máis adecuado para a extracción de sangue. O procedemento defendido por Galeno consistía en extraer o sangue dun punto próximo ao da localización da doenza. Así e todo, a práctica musulmá e medieval prescribía extraer menor cantidade de sangue dun punto máis distante. A obra de Vesalio apoiaba a opinión de Galeno, e apoiaba os seus argumentos en diagramas anatómicos.
En 1539 un xuíz de Padua, interesado polos traballos de Vesalio, fixo que se lle facilitasen os cadáveres dos criminais executados, para a súa disección (práctica, daquela, prohibida). Isto permitiulle mellorar os seus diagramas anatómicos.
En 1541, mentres estaba en Boloña, Vesalio descubriu que as investigacións de Galeno estaban baseadas na disección de animais, e non de seres humanos. Como a disección humana tiña estado prohibida na antiga Roma, Galeno diseccionara no seu lugar monos de Berbería (Macaca sylvanus), crendo que serían anatomicamente similares ao ser humano. Vesalio, apoiándose nas súas propias observacións, publicou unha corrección das Opera omnia de Galeno, e comezou a escribir o seu propio texto de anatomía.
Impertérrito, continuou provocando controversias, esta vez non demostrando os erros de Galeno, senón de Mondino de Liuzzi, e incluso de Aristóteles: os tres fixeran suposicións acerca da estrutura do corazón e as súas funcións que eran claramente erróneas. Por exemplo, Vesalio descubriu que o corazón tiña catro cavidades, que o fígado tiña dous lobos, e que os vasos sanguíneos comezaban no corazón, e non no fígado.
De Humani Corporis Fabrica
[editar | editar a fonte]En 1543, Vesalio publicou en Basilea a súa obra en sete volumes De humani corporis fabrica (Sobre a estrutura do corpo humano), unha innovadora obra de anatomía humana que dedicou a Carlos V. Aínda que a autoría das ilustracións non está clara, considérase que é obra de varios autores, algúns procedentes do taller de Tiziano (como Jan Stephen van Calcar), e outros, como Domenico Campagnola ou o propio Vesalio. Poucas semanas despois publicou unha edición compendiada, para uso de estudantes, Andrea Vesalii suorum de humani corporis fabrica librorum epitome, que dedicou ao príncipe Filipe, fillo e herdeiro do emperador.
A obra destaca a importancia da disección e do que en adiante se chamou a visión "anatómica" do corpo humano. O termo que utilizou para titular o seu libro, "Fabrica", ten connotacións arquitectónicas. Na súa descrición parte dos ósos, ligamentos e músculos, que fundamentan a estrutura corporal, para pasar a estudar logo os sistemas conectivos ou unitivos (vasos sanguíneos e nervios) e os sistemas que impulsan a vida. Dos sete libros de que consta a obra, o primeiro trata dos ósos e cartilaxes; o segundo dos músculos e ligamentos; no terceiro descríbense as veas e arterias; no cuarto, os nervios; no quinto, os aparellos dixestivo e reprodutor; no sexto, o corazón e os órganos que o auxilian, como os pulmóns; o sétimo e último está dedicado ao sistema nervioso central e aos órganos dos sentidos. O seu modelo anatómico contrasta poderosamente cos vixentes no pasado.
Ademais de realizar a primeira descrición válida do esfenoide, demostrou que o esterno consta de tres partes e o sacro de cinco ou seis; e describiu coidadosamente o vestíbulo do oído no interior do óso temporal. Verificou as observacións de Etienne acerca das válvulas nas veas hepáticas, describiu a vea ácigos, e descubriu no feto a canle que comunica a vea umbilical e a vea cava inferior, chamado desde entón ductus venosus. Describiu tamén o omento, e as súas conexións co estómago, o bazo e o colon; ofreceu as primeiras nocións correctas sobre a estrutura do píloro; e observou o pequeno tamaño do apéndice vermiforme nos homes; deu as primeiras descricións válidas do mediastino e a pleura, e a explicación máis correcta da anatomía do cerebro realizada até aquela data.
Médico imperial e real
[editar | editar a fonte]Pouco despois da publicación da súa magna obra, lle foi ofrecido o posto de médico imperial na corte de Carlos V. Informou ao senado de Venecia de que deixaba o seu posto en Padua, o que impulsou ao duque Cosme I de Medici a intentar convencelo de que se trasladase á universidade de Pisa, oferta que Vesalio declinou. Na corte tivo problemas nas súas relacións cos outros médicos, que o consideraban un "barbeiro".
Durante os doce anos seguintes Vesalio viaxou coa corte, tratando feridas de guerra e de torneos, realizando operacións cirúrxicas e autopsias, e escribindo cartas privadas acerca de cuestións médicas específicas. Durante esta época escribiu tamén a súa obra Radicis Chynae, un texto curto acerca das propiedades dunha planta medicinal, a raíz de China unha especie de zarzaparrilla, no que se defendeu ademais das acusacións dos partidarios de Galeno. Recibiu numerosos ataques.
Tras a abdicación de Carlos V, continuou exercendo como médico na corte de Filipe II, quen o recompensou cunha pensión vitalicia e o nomeamento de conde palatino. En 1562 practicoulle unha trepanación ao Príncipe Carlos de Habsburgo. En 1555 publicou unha edición revisada do seu De Corporis.
Morte
[editar | editar a fonte]Condenado á fogueira por algunhas escuras prácticas, Filipe II cambiou esta sentenza por unha peregrinación a Terra Santa, a cal emprendeu en 1564. Embarcou coa frota veneciana de Giacomo Malatesta, vía Chipre. Cando chegou a Xerusalén recibiu unha mensaxe do senado de Venecia instándoo a aceptar o seu antigo posto na universidade de Padua, que quedara vacante á morte do seu amigo e alumno Falopio.
Despois de loitar durante varios días con ventos adversos no mar Xónico, o seu barco debeu atracar na illa de Zante. Alí morreu pouco despois, cando tiña escasamente cincuenta anos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: André Vesalio |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dear, Peter (2001): Revolutionizing the Sciences: European Knowledge and Its Ambitions, 1500-1700. Princeton: Princeton Univ. Press.
- Debus, Allen, ed. (1968): "Vesalius", in Who's Who in the World of Science: From Antiquity to Present. 1ª ed. Hannibal: Western Co.
- O'Malley, Charles D. (1964): Andreas Vesalius of Brussels, 1514-1564. Berkeley: University of California Press.
- Porter, Roy, ed. (1994): "Vesalius" in The Biographical Dictionary of Scientists. 2ª ed. Nova York: Oxford University Press.
- Saunders, J. B. de C. M. & O'Malley, Charles D. (1973): The Illustrations from the Works of Andreas Vesalius of Brussels. Nova York: Dover.
- Vesalius, Andreas (1998-2009): On the Fabric of the Human Body, tradución ao inglés por W. F. Richardson e J. B. Carman. 5 vols. San Francisco and Novato: Norman Publishing.
- Williams, Trevor, ed. (1982): "Vesalius" in A Biographical Dictionary of Scientists. 3ª ed. Nova York: John Wiley and Sons.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Turning the Pages. Unha edición virtual do De Humanis Corporis Fabrica, de Vesalio. Da U.S. National Library of Medicine.
- Andreas Vesalius. Vida e obra Arquivado 01 de setembro de 2016 en Archive-It (en inglés).
- André Vésale / Andreas Vesalius (en francés).