Antoniniano
O antoninano (lat.antoninianus) foi unha moeda do Imperio Romano, creada nos inicios do século III d. C. co valor de dous denarios. Orixinalmente de prata, o antoniniano foise desvalorizando gradualmente ata se converter nunha moeda de billón.[1][2]
As súas características máis salientables para unha rápida identificación son os bustos coroados cunha coroa de raios, no caso dos emperadores, e cunha media lúa na súa base, no caso das emperatrices.[3][4]
Historia
editarNacemento do antoniniano
editarO dobre denario foi creado en 215 polo emperador Caracalla. Hoxe descoñécese o nome que tivo esta moeda naqueles tempos, e foi na Idade Contemporánea cando se bautizou como "antoniniano", tomando como referencia o patronímico do seu creador: Marcus Aurelius Severus Antoninus (alcumado Caracalla).
O antoniniano tiña na súa orixe a mesma lei có denario (a mesma proporción de prata), e foi emitido por cun valor teórico do dobre dun denario, aínda que cun peso de só cinco gramos (1/64 de libra romana) e non seis, como lle correspondería, xa que o denario pesaba tres, o que inicialmente lle provocou ao Estado imperial unha liquidez substancial. Este dobre denario foi emitido durante algúns anos, ata ser abandonado en 240, cando se retoma odenario.[5][6]
Expansión desordenada
editarLogo do abandono da produción en 240, as crecentes necesidades de financiamento do Estado motivaron que se retomase e, mesmo, que se incrementase a produción de antoninianos, en particular a partir do reinado de Gordiano III (238-244), mentres que as cuñaxes de denarios se reducían.
A multiplicación das emisións de antoninianos por numerosos emperadores e usurpadores a mediados do século III orixinou unha tendencia de desvalorización e de inflación, que aceleraron a partir dos reinados de Valeriano (253-260) e Galieno (260-268):[7][8][9]
- Os prezos subían constantemente, os particulares acumulaban as moedas que sabían que tiñan máis contido de prata, e só mantiñan en circulación as febles, xerando unha escaseza de prata en circulación.
- Os impostos recadábanse en moeda desvalorizada, mentres que os gastos militares aumentaban sen parar: o continuo incremento da masa monetaria en circulación era a solución máis doada para os xestores das finanzas imperiais.
- Os obradoiros monetarios multiplicábanse e víanse na obriga de compensar a falla de metais nobres emitindo antininianos cada vez máis lixeiros e cada vez con menor contido de prata.
- Xurdiron obradoiros provinciais, máis ou menos tolerados, instalados ás veces en campamentos militares, e mesmo falsificadores que emitían pola súa banda antoninianos moi pobres en grandes cantidades.
Como consecuencia desta situación, a lei da prata dos antoniniados chegou a tocar fondo:[10]
- 50 % de prata e 5,1 gramos no inicio, en 215, baixo Caracalla.
- 10 % e 2,5 gramos en 260.
- 2,4 % e 2,5 gramos en 268.
No Imperio Galo, grazas ás existencias de metais monetizables existentes na conca do Rin, e ás minas de Hispania, o antoniniano mantívose cunha calidade axeitada ata preto de 265, ata que comezou a decaer coma no resto do Imperio. Baixo Claudio II e Tetrico, a creba do antoniniano foi total: as moedas oficiais e as pezas falsas (chamadas radiati barbari) circulaban conxuntamente en cantidades millonarias, con pesos inferiores aos 3 gramos e con apenas o 1 % de prata. A cuñaxe doutras moedas de cobre e de bronce practicamente se detivo, xa que o seu custo de produción superaba o seu valor teórico.[11] As emisións de moedas de prata nas cidades orientais do imperio non puideron sosterse e ese paupérrimo antoniniano pasou a ser a única moeda en todo o Imperio, agás en Exipto, illado polo seu status especial.
A reforma monetaria de Aureliano
editarEn 274, logo de reunificar o Imperio e reprimir severamente as fraudes do obradoiro monetario de Roma, Aureliano modificou o sistema monetario coa introdución de dúas novas moedas de billón, cun peso de 1/84 de onza (3,9 gramos) e fabricadas cunha aliaxe de mellor calidade cá do desvalorizado antoniniano, en dúas versións:[12][13]
- A coñecida como aurelianus, que levaba as marcas XX I en Occidente ou K A en caracteres gregos, o que se interpreta como sinal de conter 20 partes de cobre por unha de prata.
- O dobre aurelianus, coa marca XI: 10 partes de cobre por unha de prata.[14]
Para autenticar a orixe das cuñaxes, Aureliano ordenou ademais engadir no reverso unha marca específica de cada obradoiro monetario, unha práctica que xa se utilizara baixo o reinado de Gallienus e Salonina. Paralelamente a estas emisións, o antoniniano, xa case sen valor, foi eliminado gradualmente. O aurelianus circulou durante vinte anos, ata que de desvaloriza e desaparece en 294 baixo Diocleciano, coas reformas monetarias da Tetrarquía.
Na tradición numismática actual, o aurelianus non se concibe como unha moeda independente, senón como unha variante do antoniniano.[15]
Tesouros de antoninianos
editarEntre os tesouros de antoninianos máis salientables dos atopados na Idade Contemporánea, polo seu número de pezas, están os seguintes:
- Tesouro de Évreux, descuberto en 1885, con 340 Kg de moedas romanas, que contén preto de 110.000 antoninianos, dos que aproximadamente 15.500 levan o busto do emperador Galieno.[16]
- Tesouro de Komin, descuberto en 1918 nesa localidade croata próxima a Dubrovnik, con máis de 300.000 pezas.[17]
- Tesouro de Eauze, descuberto en 1985 nesa localidade francesa, con 28.000 moedas romanas de prata e billón: dividido en 4.706 denarios e 23.297 antoninianos.[18][19]
- Tesouro de Les Authieux, en Normandía, con 1.084 antoninianos, 6 denarios e un áureo de finais do século III (exponse no museo da Monnaie de Paris).[20]
Notas
editar- ↑ "Antoninianus (Double Denarius)". En Forvm Ancient Coins (en inglés)
- ↑ "Antoninianus". En Monete-Romane.com (en inglés)
- ↑ "The Very Highest Quality Roman Coins: the Antoninianus". En 24carat.co.uk (en inglés)
- ↑ "Cabezas coronadas Arquivado 07 de febreiro de 2018 en Wayback Machine.". En Edouardlouvet: Monedas Romanas (en castelán)
- ↑ Depeyrot (2006): páxinas 127 e 135.
- ↑ "El origen del antoniniano". En Divus Probus. Monedas de Marco Aurelio Probo (en castelán)
- ↑ Lukács, B. "On the continuous devaluation of the roman currency" (en inglés)
- ↑ "La devaluación del antoniniano". No blog Curiosidades Numismáticas. 2014 (en castelán)
- ↑ Sear, D. R. Roman Coins and Their Values Volume III The Third Century Crisis and Recovery AD 235-285. Spink & Son Ltd. 2005. Páxina 21 e seguintes (en inglés)
- ↑ Paul Petit, Histoire générale de l’Empire romain. Seuil, 1974. ISBN 2020026775
- ↑ Depeyrot (2006): páxina 122.
- ↑ Lafaurie, Jean. "Réformes monétaires d'Aurélien et de Dioclétien". En Revue numismatique. 6ª serie. Tomo 17. 1975. Páxinas 74-75 (en francés)
- ↑ "La reforma de Aureliano". En Divus Probus. Monedas de Marco Aurelio Probo (en castelán)
- ↑ "El código XXI o KA". En Divus Probus. Monedas de Marco Aurelio Probo (en castelán)
- ↑ "Debasement of the antoninianus". En Monnaies de l'Empire Romain SD 268-276 (en inglés): "in the spring of 274, the reformed antoninianus, the aurelianus, was introduced in all the mints".
- ↑ Aubin, G.; Loriot, X.; Scheers, S. "Corpus des Trésors monétaires antiques de la France, tome IV, Haute Normandie". En Revue archéologique de l'ouest. Tomo 3. 1986. Páxinas 160-161 (en francés)
- ↑ Mirnik, Ivan. "Maksimijanov aureus iz skupnog nalaza u Petrijancu" (O áureo de Maximiano do tesouro de Petrijanec). En Archaeologia adriatica (1846-4807) 2 (2009), 2; 433-452 (en croata). Abstract: "only in the 1918 treasure of Komin there were c. 30.000 specimens of Antoniniani" (en inglés)
- ↑ Dieulafait, F.; Guiraud, H.; Pailler, J.; Schaad, D. Le Trésor de Eauze (Gers). Toulouse, 1987. ISBN 2-905564-08-3
- ↑ Schaad, D. e outros. "Le trésor d'Eauze, bijoux et monnaies du IIIe siècle après J.-C.". En APAMP. Toulouse, 1992. ISBN 2-905564-20-2
- ↑ "La trouvaille des Authieux (II) : un trésor mixte contemporain de la réforme de Dioclétien Arquivado 07 de novembro de 2017 en Wayback Machine.". En Trésors monétaires. 11. 1989. Páxinas 79-112 (en francés)
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antoniniano |
Outros artigos
editarBibliografía
editar- Burnett, Andrew. Coinage in the Roman World. Seaby. Londres, 1987. ISBN 978-0-900652-84-4
- Burnett, Andrew. La Numismatique romaine, de la République au Haut-Empire. Errance, París, 1991. ISBN 9782903442699
- Callu, Jean-Pierre. La politique monétaire des empereurs romains de 235 à 311. Éditions E. De Boccard. París, 1969.
- Cayón, Juan R. Compendio de las monedas del imperio romano. 1985. Tomo 1: ISBN 978-8492098002. Tomo 2: ISBN 978-8492098019
- Cohen, Henry. Description historique des monnaies frappées sous l'Empire romain. MM. Rollin & Feuardent. 2ª edición. París, 1880-1892 (Tomo I: 1880. Tomo II: 1882. Tomo III: 1883. Tomo IV: 1884. Tomo V: 1885. Tomo VI: 1886. Tomo VII: 1888. Tomo VIII: 1892 (mais táboa de emperadores).
- Depeyrot, Georges. Le Bas Empire romain, économie et numismatique (284-491). Edition Errance, 1987. ISBN 2903442401
- Depeyrot, Georges. La monnaie romaine : 211 av. J.-C. - 476 apr. J.-C. Éditions Errance. 2006. ISBN 2877723305
- Melville Jones, John R. A Dictionary of Ancient Roman Coins. Spink. Londres, 2003.
- Salmon, E. Togo. Roman Coins and Public Life under the Empire. The University of Michigan Press. Míchigan, 1999.
- Suarez, Rasiel. The Encyclopedia of Roman Imperial Coins. Dirty Old Books, 2005.
- Sutherland, C. H. V. Roman Coins. Barrie and Jenkins. Londres, 1974. ISBN 0-214-66808-8
- Van Meter, David. The Handbook of Roman Imperial Coins. Laurion Press, 1990.
Ligazóns externas
editar- A historia do antoniniano en vídeo
- Identificador de moedas da Antiga Roma Arquivado 17 de novembro de 2020 en Wayback Machine.
- Digital Library Numis (bibliografía sobre numismática da Antiga Roma) Arquivado 27 de marzo de 2019 en Wayback Machine.
- La Bible des monnaies romaines de 313 à 476 ap. J.-C.