Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Convenio de Schengen

O Convenio de Schengen é un acordo polo que varios países de Europa suprimiron os controis nas fronteiras interiores entre eles e trasladaron eses controis ás fronteiras exteriores, con países terceiros.[1] O convenio, firmado na cidade luxemburguesa de Schengen en 1985 e en vigor desde 1995, establece un espazo común –denominado espazo Schengen[2] polo que pode circular libremente toda persoa que entrara regularmente por unha fronteira exterior ou resida nun dos países que aplican o Convenio.

     Estados-membros pertencentes á Unión Europea      Estados-membros non pertencentes á Unión Europea      Estados-membros que esperan a adherirse      Estados-membros que so cooperan policial e xudicialmente

En total, os países que forman parte do espazo Schengen son 26:[3] Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Islandia, Italia, Letonia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Malta, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, República Checa, Suecia e Suíza. Este último país votou o 9 de febreiro de 2014 en referendo, restrinxir o acceso dos cidadáns de Europa ao seu territorio, o que pode levarlle a abandonar o espazo Schengen.[4]

Existen países que pertencen ao convenio de Schengen pero que teñen excepcións na aplicación dalgúns puntos do acordo e non pertencen ao espazo Schengen. Por exemplo, Reino Unido e Irlanda non forman parte do espazo Schengen pero participan na cooperación policial e xudicial e na loita contra estupefacientes. Outros como Bulgaria, Romanía e Chipre aínda non pertencen ao espazo de Schengen porque non cumpren cos requisitos de seguridade establecidos, aínda que si aplican outras partes do convenio. Islandia, Liechtenstein, Noruega e Suíza, que non son membros da Unión Europea, chegaron a un acordo para formar parte da zona Schengen,[5] Croacia, último país en incorporarse á UE, quería integrarse no acordo en 2015.[6]

Historia

editar
 
Un simple sinal indica a entrada a España desde Portugal, polos municipios de Tui (Pontevedra) e Valença do Minho (Viana do Castelo).

Durante a década de 1980 iniciouse un debate sobre o significado do concepto de libre circulación de persoas. Para algúns Estados membros, esta só debía aplicarse aos cidadáns da Unión Europea, o que implicaba manter os controis nas fronteiras para distinguir entre cidadáns europeos e nacionais de terceiros países. Outros Estados membros, pola contra, desexaban establece unha libre circulación para todos e, polo tanto, suprimir estes controis fronteirizos. Ante a imposibilidade de chegar a un acordo na Comunidade Europea, cinco deses países con fronteiras comúns (Francia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo e os Países Baixos) decidiron en 1985 crear entre eles un territorio sen fronteiras: o espazo Schengen, que recibía o seu nome da cidade luxemburguesa de Schengen, onde se asinaron os primeiros acordos.[7] Elixiuse este lugar por estar enclavado nunha zona na que é moi difícil moverse sen cruzar unha fronteira.

A partir deste acordo, elaborouse un convenio, que se asinou o 19 de xuño de 1990 polos mesmos estados membros, que completa o acordo e define as condicións e as garantías de aplicación desta libre circulación.[8] Este convenio non entrou en vigor ata o 26 de marzo de 1995.

Con obxecto de conciliar liberdade e seguridade, esta libre circulación acompañouse de medidas chamadas «compensatorias». Tratábase de mellorar a cooperación e a coordinación entre os servizos de policía e as autoridades xudiciais para protexer a seguridade interior dos estados membros e, en particular, para loitar contra a delincuencia organizada. Ese era o contexto no que se creou o Sistema de Información Schengen (SIS). O SIS é unha base de datos sofisticada que permite ás autoridades responsables dos Estados Schengen intercambiar datos sobre determinadas categorías de persoas e de bens.[7]

Nos anos anteriores á firma do Tratado de Ámsterdan en 1997, os restantes estados membros da Unión Europea, excepto Reino Unido e Irlanda, asinaron protocolos de adhesión ao Convenio de Schengen: Italia, o 27 de novembro de 1990; España e Portugal, o 25 de xuño de 1991; Grecia, o 6 de novembro de 1992; Austria, o 28 de abril de 1995; e Dinamarca, Finlandia e Suecia, o 19 de decembro de 1996. A República Checa, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Eslovenia e Eslovaquia sumáronse o 21 de decembro de 2007. Bulgaria, Chipre, Romanía e Croacia, aínda non son membros de pleno dereito do Espazo de Schengen: os controis fronteirizos entre estes países e o Espazo de Schengen manteranse ata que o Consello da UE determine que se cumpren as condicións para suprimilos.[7]

Outros terceiros países, non membros da Unión Europea, asinaron coa UE acordos de adhesión ao Acordo de Schengen: Noruega e Islandia, o 19 de decembro de 1996; Suíza, o 26 de outubro de 2004; e Liechtenstein, o 28 de febreiro de 2008.

  1. "Circulación de Personas por el Espacio Schengen". Consultado o 15 de agosto de 2013. 
  2. espacio de Schengen, grafía apropiada Fundación BBVA. Consultado o 14 de agosto de 2012
  3. Unión Europea. "Schengen (Acuerdo y Convenio)". Consultado o 12 de xullo de 2014. 
  4. "Suiza da un portazo a la Unión Europea". El País. 10 de febreiro de 2014. 
  5. Cómo se articula el espacio Schengen. 26 de marzo de 2013
  6. "Croacia: Tras la adhesión, el objetivo es Schengen". presseurop. 3 de maio de 2013. Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2013. Consultado o 25 de xaneiro de 2018. 
  7. 7,0 7,1 7,2 "El espacio y la cooperación Schengen". Unión Europea. 3 de agosto de 2009. 
  8. "Instrumento de ratificación del Acuerdo de Adhesión del Reino de España al Convenio de aplicación del Acuerdo de Schengen de 14 de junio de 1985...". 1994-04-05. pp. 10390–10422. Consultado o 2022-03-03. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar