Dialecto
Un dialecto é a modalidade que presenta unha lingua determinada nun territorio ou grupo social concreto.
Débese distinguir dialecto de sociolecto (o sociolecto é unha variante da lingua falada por un determinado estrato social), do de lingua padrón, da xerga e do argot.
O dialecto de prestixio ou dialecto estándar é o que se emprega nas situacións formais, e polo tanto, úsase como idioma oficial e é o que se ensina en ámbitos educativos. Adoita basearse nun texto de prestixio aceptado por toda a comunidade, como é o caso da tradución da Biblia de Lutero para o alemán.
En contraposición a este podemos amentar o dialecto vernáculo. Segundo a pegada da vida pública na vida privada nunha sociedade este dialecto vernáculo será máis próximo ou afastado ao dialecto padrón. Nos países árabes, polo xeral, o dialecto padrón non é falado por case ninguén no ambiente doméstico, así a todo, en moitos países nórdicos, cunha cultura urbana importante, o vernáculo e o padrón son case idénticos.
Variantes como os idiolectos e sociolectos, poden distinguirse non só polo seu vocabulario, senón tamén por diferenzas gramaticais, fonolóxicas e prosódicas.
Non existen criterios universalmente aceptados para distinguir os idiomas dos dialectos, aínda que existen varios paradigmas que presentan en ocasións resultados contraditorios. A diferenza exacta é xa que logo subxectiva, dependendo do marco contextual do usuario.
As variedades da linguaxe son frecuentemente denominadas dialectos, no canto de linguaxes
- porque non son (ou porque non están recoñecidos como) linguaxes literarias.
- porque os falantes non teñen un estado ou nación propios.
- porque a súa linguaxe carece de prestixio ou recoñecemento.
- porque non hai suficientes diferenzas gramaticais con respecto doutro idioma dominante.
- porque as diferenzas son exclusivamente fonéticas ou de vocabulario.
Lingüistas antropolóxicos definen o dialecto como a forma específica dunha lingua usada por unha comunidade. Noutras palabras, a diferenza entre lingua e dialecto é a diferenza entre o abstracto ou xeral e o concreto ou particular. Dende esta perspectiva, ninguén fala unha "lingua", senón un dialecto da mesma. Quen identifica un dialecto en particular como a versión "padrón" ou "correcta" dunha lingua está, de feito, usando estes termos para expresar unha distinción social. A miúdo, a lingua padrón é máis próxima ao sociolecto das clases altas.
En grupos onde os estándares xogan papeis menos importantes, o "dialecto" pode ser referido simplemente a sutís variacións rexionais que son consideradas mutuamente intelixibles (dende as variantes de barrios ou distritos nunha cidade, a vilas, cidades ou provincias nun país).
A lingüística moderna considera que o estado da lingua non está soamente determinado por criterios lingüísticos, senón que tamén é o resultado dun desenvolvemento histórico e político. O romanche foi recoñecido como lingua ao desenvolver a súa propia escrita, malia ser moi próximo aos dialectos alpinos do lombardo. Un caso contrario é o do chinés, cuxas variantes son xeralmente consideradas dialectos e non linguaxes, malia que os falantes non poidan entenderse entre eles, porque comparten unha escrita común.
Controversia
editarOs termos "dialecto" e "idioma" poden evocar distintos significados segundo a persoa; mesmo entre os lingüistas non existe unha posición común. Aínda que ningún criterio para distinguilos está aceptado de forma universal, existen numerosos paradigmas que ás veces producen resultados polémicos e contraditorios.
Por veces, os criterios políticos que interfiren na lingua poden estar moi distantes dos criterios científicos. Hai países, nos que auténticas linguas son consideradas apenas dialectos. Non é preciso ir moi lonxe: en Francia, por exemplo, o éuscaro non goza de status de lingua senón de dialecto.
Factores políticos
editarMax Weinreich proporcionou esta definición: "Un idioma é un dialecto cun exército e unha armada". Así a todo, isto tamén leva a inconsistencias e controversias, dado que as fronteiras políticas non delimitan as liñas do uso da lingua nin da comprensibilidade. Dependendo das realidades e ideoloxías políticas, a clasificación das variedades da fala como dialectos ou idiomas e a súa relación con outras variedades da fala poden albergar controversias e os veredictos poden ser inconsistentes. O inglés e o serbocroata son un bo exemplo disto. Estes idiomas teñen dúas variedades principais: o inglés de Gran Bretaña e dos Estados Unidos, por unha banda; e o serbio e o croata por outra, xunto con outras variedades non tan faladas. Por razóns políticas, analizar estas variedades como "linguaxes" ou "dialectos" produce resultados inconsistentes: o inglés británico e o inglés americano, falados por grandes aliados políticos e militares, son considerados case universalmente como dialectos do inglés. Así a todo, os idiomas padrón de Serbia e Croacia, cuxas diferenzas son comparables en número coas diferenzas entre o inglés británico e o inglés americano, son considerados por moitos lingüistas da rexión como idiomas diferenciados, en boa parte porque a relación entrambos países oscila da amizade á inimizade. (Para máis información sobre o serbocroata, consúltese aquí)
Abundan os exemplos paralelos a este. Os nacionalistas macedonios consideran que o macedonio é un idioma e non un dialecto, aínda que resulta mutuamente intelixible co búlgaro e a miúdo é considerado un dialecto do búlgaro. No Líbano, o partido político de dereitas e ultranacionalista Gardiáns dos Cedros, que se opón aos lazos que unen o país co mundo árabe, estase mobilizando para que o "libanés" sexa considerado como unha lingua distinta do árabe, e non un simple dialecto, e ata pretende substituír a escrita árabe por unha resurrección do antigo alfabeto fenicio.
Moitos historiadores lingüísticos pensan que tódolos idiomas son dialectos de formas de comunicación anteriores das que se desenvolveron. Segundo este punto de vista, as linguas románicas modernos serían dialectos do latín, o grego moderno do grego antigo e o tok pisin do inglés. Este paradigma non está totalmente exento de problemas. As relacións xenéticas son o máis importante, e os "dialectos" dun "idioma" (que pode ser "dialecto" doutro idioma anterior) poden ser ou non mutuamente comprensibles. Ademais, unha lingua nai pode dar lugar a moitos "dialectos" que poden así mesmo subdividirse numerosas veces, e algunhas destas ramas poden cambiar máis rapidamente ca outras. Isto pode dar lugar a dous dialectos (definidos segundo este paradigma) cunha relación máis ou menos afastada, pero que son máis parecidos entre si que a outros dialectos máis próximos. Este patrón preséntase nas linguas romances modernas. O italiano e o galego teñen un alto grao de comprensión mutua, que ningún dos dous idiomas comparte co francés malia que ambos idiomas se atopan "xeneticamente" máis próximos ao francés do que entre eles, e é que o francés sufriu cambios máis rápidos có galego ou o italiano.