Filipe Neri
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Filipe Neri, nado en Florencia o 21 de xullo de 1515 e finado en Roma en maio de 1595, foi un relixioso italiano. Denominado apóstolo de Roma nun momento de grande desprestixio da relixión católica en Europa, está considerado Patrón dos humoristas.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de xullo de 1515 Florencia, Italia |
Morte | 25 de maio de 1595 ↔ 26 de maio de 1595 Roma, Italia |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade de Roma La Sapienza |
Actividade | |
Ocupación | sacerdote católico, sacerdote |
Movemento | Contrarreforma |
Orde relixiosa | Congregação do Oratório (pt) |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 26 de maio |
Familia | |
Pais | Francesco di Neri e Lucrezia di Andrea da Mossiano |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Dicionario Musical Riemann (1901–1904) Obálky knih, |
Traxectoria
editarFillo dun notario de Florencia, renunciou a unha prometedora vida de negocios e marchou para Roma onde viviu con grande austeridade dos servizos prestados como preceptor dunha familia. Polas noites ía meditar ás catacumbas da cidade, xunta a Vía Apia, onde empezou a ter as primeiras experiencias místicas. Combinaba a súa vida de preceptor co estudo e comezou a brillar en filosofía e teoloxía, pero supetamente abandonou as tarefas intelectuais e se concentrou no apostolado, na pobreza e na oración.
Aínda que tivo inquedanzas misioneiras pola súa admiración a Francisco Xabier, chegou á convicción de que Roma, a cidade do Papa, era paradoxalmente unha cidade pagá, a súa India, debido á corrupción e a ostentación do clero, a desorientación dos crentes e a multitude de necesitados e enfermos que había que atender.
Conflitos coa xerarquía
editarDeste xeito, adicouse á predicación cun estilo alegre e desenfadado, ata o punto de que foi denominado o santo comediante e o bromista divino. As súas tolerías e excentricidades foron gañando á xente sinxela coa que dialogaba na praza pública. Reuniu a un grupo de seguidores máis achegados cos que organizou labores de hospitalidade de peregrinos, atención aos marxinados e coidado dos enfermos. O seu estilo e actividades resultaron ofensivas para a xerarquía, sendo vítima de aldraxes e da marxinación por parte de altos xerarcas eclesiásticos e cardeais. Nunca respondeu aos ataques dos seus inimigos, se ben reprochou con sinxeleza ás altas personalidades da Igrexa católica o seu poder e a súa relaxación. Naquel intre, no colexio cardenalicio gobernaban os Medici. Entre os seus máis furibundos detractores estaba o propio vigairo do Papa Paulo IV, Cardeal Rosaro. Pero el nunca consentiu que se falase mal do seu máis alto perseguidor.
Fundacións e actividades
editarFundou o hospital de Santa Trindade dos Peregrinos e Convalecentes. No ano xubilar de 1574 chegou a atender uns 140.000[Cómpre referencia].
Aos 36 anos de idade foi ordenado sacerdote, algo para o que fora moi reticente por non considerarse merecedor desta dignidade. Formou entón unha comunidade de presbíteros chamada o Oratorium onde tiña unha importante papel a música (o célebre oratorio e o canto). O seu carisma e entusiasmo contaxiou a un gran número de fieis ata o punto que en 1578, o papa Gregorio XIII recoñeceu a congregación dos Oratorianos. A partir dese momento, sufriu escasas resistencias e multitude de persoas de toda condición acudían a el en busca de consello, alento e consolo. Dende Papas (coñeceu 14) ata xente marxinal, pasando por artistas cos que tiña unha especial sintonía. Tivo amizade con outras figuras relixiosas da época como Ignacio de Loiola, Francisco de Sales ou Carlos Borromeo. En varias ocasións, ofrecéuselle a púrpura cardinalicia, pero sempre rexeitou o nomeamento.
Atribúeselle a súa influencia sobre o papa Clemente VIII o feito de que este levantase o anatema e a excomuñón ao rei Henrique IV de Francia. O seu labor a prol do entendemento suavizou unha situación que conducía a Francia á guerra civil e a un continuo derramamento de sangue.
Reconstruíu unha igrexa en ruínas: Santa María de Vallicella onde se habilitou unha sinxela cela. Hoxe é a casa nai dos oratorianos e alí se atopan as súas reliquias. Os seus funerais foron multitudinarios. Sucedeuno á fronte da orde Cesare Baronius, confesor de Clemente VIII. Foi beatificado por Paulo V en 1615 e canonizado por Gregorio XV en 1622.
Experiencias místicas
editarDe Felipe Neri cóntanse visións sobrenaturais; levitacións; o don de dar alegría aos desesperados e saúde aos enfermos. El mesmo confiou que sentía unha gran bóla de lume que lle estoupaba no peito co amor de Deus e aos homes. Asegúrase que na autopsia se comprobou que presentaba un acusado desprazamento das costelas ao carón do corazón, algo confirmado por investigacións médicas posteriores[Cómpre referencia].