Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Igrexa católica

Igrexa en comuñón co papa, organizada en 24 igrexas particulares

A Igrexa católica, tamén coñecida como Igrexa católica romana, é a maior denominación relixiosa cristiá con máis de 1.200 millóns de fieis.[1] Reclámase organizativa e doutrinalmente a Igrexa cristiá orixinal fundada por Xesús e os Doce Apóstolos. A Igrexa católica está gobernada polo papa e polo Colexio Episcopal, integrado polos bispos en comuñón con el, e do cal é cabeza. Hoxe en día os ritos que se empregan na Igrexa son o rito latino (con diversas variacións nalgunhas igrexas locais e nalgunhas ordes relixiosas), o rito bizantino, o rito copto, o siríaco, o armenio, o maronita e o rito caldeo.[2]

Igrexa católica
Ecclesia Catholica
Historia
FundaciónSéculo I en Xudea, Imperio Romano
MotivoComezos do cristianismo
EscisiónsGran Cisma (separación da Igrexa ortodoxa)
Protestantismo, anglicanismo
Goberno
Tipo de gobernoEpiscopal
PapaFrancisco
EstruturaEstruturada en dioceses
Clasificación
GrupoCatolicismo
Demografía e cultura
Fieis1 200 000 000
PaísesTodos, sen estrutura en países sen liberdade relixiosa
Linguas litúrxicasLatín, grego, demais linguas vernáculas
Ritos litúrxicosBizantino, romano e outros
Outros datos
Sede centralRoma
Páxina webvatican.va
Basílica de San Pedro, na Cidade do Vaticano.

As notas esenciais que definen á Igrexa son a súa Unidade, Santidade, Catolicidade e Apostolicidade; estas notas atópanse en tódalas Igrexas particulares que constitúen a Igrexa católica, que son a Igrexa latina e as igrexas católicas orientais; todas elas teñen en común as devanditas notas ou características esenciais e a autoridade suprema do Romano Pontífice.

En ocasións a Igrexa católica é aludida como Igrexa católica apostólica romana ou como Igrexa católica romana; quen fai isto sostén que as Igrexas anglicana e ortodoxa tamén son católicas (no sentido etimolóxico e en todo o contido do termo) e que a única diferenza é non estar sometidos á autoridade do papa, ou ben se trata de persoas procedentes de países nos que o idioma adoptou esta expresión debido ao uso intenso por parte de comunidades relevantes de anglicanos e outros protestantes e de ortodoxos.

O adxectivo católico deriva do grego antigo καθολικός (kazolikós), que significa 'universal'. Ignacio de Antioquía, discípulo de san Xoán, dá no ano 110 o testemuño máis antigo deste nome: "Onde estea o Bispo, estea o xentío, así como onde estea Xesucristo estea a Igrexa católica",[3] e san Cirilo de Xerusalén xa emprega o termo nas súas "Lecturas catequéticas" para distinguirse de quen se facían chamar cristiáns, pero caeran en herexías. Nos tres primeiros séculos da Igrexa os cristiáns dicían "cristián é o meu nome, católico o meu sobrenome".

Logo do Cisma de Oriente de 1054, a igrexa que permaneceu en comuñón coa Sé de Roma continuou chamándose "católica", mentres que as igrexas orientais pasaron a coñecerse como "ortodoxas". Despois da reforma protestante do século XVI, a Igrexa seguiuno empregando para distinguirse das diferentes denominacións protestante que xurdiron.

O nome de Igrexa católica é a denominación máis empregada nos documentos oficiais eclesiásticos, así como o termo empregado por Paulo VI para asinar os documentos do Concilio Vaticano II.[4] Porén, os documentos tanto da Santa Sé[5] e por algunhas conferencias episcopais[6] ás veces falan da Igrexa católica romana. O Catecismo de san Pío X publicado en 1908 tamén emprega o termo "Romana" para distinguir a Igrexa doutras comunidades cristiás que non están en comuñón coa Igrexa de Roma.

Características xerais

editar

É posible coñecer e distinguir a Igrexa católica a través das súas catro notas, da súa doutrina e da súa práctica singulares.

Características esenciais

editar

A Igrexa católica defínese a si mesma mediante catro notas ou características esenciais, cuxo fundamento sitúa no Evanxeo e o ensino de Xesucristo contida nel; estas catro notas ou características esenciais son:

  • Unidade en canto a Fe e Moral de tódolos seus integrantes, todos eles baixo a autoridade dun único Xefe Supremo, o papa, que é o bispo de Roma.
  • Santidade ao soster que, aínda que membros da Igrexa, ata membros de alta xerarquía, poidan pecar, a Igrexa no seu conxunto e en tanto que Corpo Místico de Cristo está libre de toda mancha.
  • Catolicidade, entendida como universalidade (do grego katholikos, "universal") e referida ao feito de que a Igrexa está destinada a facerse presente en todo tempo, en todo lugar e a todo home, a fin de poder anunciar o Evanxeo.
  • Apostolicidade, condición que a Igrexa reclama para si ao considerar os seus actuais xerarcas (o papa e os bispos) como sucesores de san Pedro e os demais Apóstolos e herdeiros de toda a súa autoridade e poder na comunidade dos cristiáns; esta nota proporciona, á súa vez, fundamento á doutrina da sucesión apostólica, a través da cal perdurou ata a actualidade.

Doutrina esencial

editar

A característica máis sobresaliente e xenuína para distinguir os Católicos é a súa posición persoal respecto ao bispo de Roma. O bispo de Roma recibe o título de papa e considéraselle non só bispo do seu diocese senón bispo da Igrexa católica enteira, é dicir, Pastor e Doutor de tódolos cristiáns.

O papa goza na Igrexa católica dun status de xerarquía suprema, posuíndo o primado sobre todos os demais Bispos e a plenitude da potestade de réxime (como se denomina na Igrexa católica ao poder lexislativo, executivo e xudicial), a cal pode exercer de forma universal, inmediata e suprema sobre todos e cada un dos pastores e dos fieis católicos. É posible afirmar que quen recoñece a autoridade do bispo de Roma e a acata, e ademais acéptao como Vigairo de Cristo na Terra, ese é un católico.

Outras partes da Doutrina Católica sobresalientes e distintivas en relación ao resto dos cristiáns son a crenza na Inmaculada Concepción e na Maternidade Virxinal de María, nai de Xesús, así como a fe na autoridade espiritual efectiva da Igrexa para perdoar pecados e remitir as penas debidas por eles, mediante o Sacramento da Reconciliación e as indulxencias, a preponderancia da tradición que ten como referente os Pais da Igrexa.

A crenza nas tres persoas de Deus, o pecado orixinal, a encarnación e resurrección da carne e a vida eterna son crenzas baseadas nos dogmas definidos dos sete primeiros concilios apostólicos, que son tamén a base da fe da Igrexa ortodoxa. As igrexas ortodoxas orientais non aceptan o Concilio de Calcedonia, pero teñen asinado no século XX declaracións de fe cristolóxicas coa Igrexa católica.

Perspectiva xeral

editar

A Igrexa católica ten membros en cada un dos países da Terra. É unha organización xerárquica na cal o clero ordenado está dividido en bispos, sacerdotes e diáconos.

Ao final de 2004 o mundo estaba dividido en 2.755 bispados ou dioceses, cada unha cun bispo que a preside, responsable do benestar relixioso dos crentes que estean na súa área xeográfica. O principal bispado é o de Roma, cuxo encargado é o papa.

A Igrexa vese a si mesma como a encargada por Xesucristo para axudar a percorrer o camiño espiritual cara a Deus vivindo o amor recíproco e por medio da administración dos sacramentos (bautismo, eucaristía, confirmación, penitencia, matrimonio, orde sacerdotal e unción dos enfermos ou extremaunción), a través dos cales Deus outorga a graza ao crente.

A autoridade para ensinar o maxisterio da Igrexa basea os seus ensinos tanto nas Escrituras como na tradición apostólica. A Igrexa suma moitas ordes monásticas de frades e monxas que fan votos de obediencia, pobreza e castidade e actualmente varios movementos laicos compostos por cristiáns comprometidos, algúns de cuxos membros tamén fan ditos votos. Todos eles dedican as súas vidas enteiramente a Deus. Outras prácticas relixiosas inclúen o xaxún, a meditación, a oración, a penitencia e a peregrinación.

Outros termos para designala

editar

Os seguintes termos xorden especialmente a consecuencia do Concilio Vaticano II (da década do anos 1960). Fan referencia a distintas formas de entender a natureza e obxectivos da Igrexa católica:

  • Sacramento de Cristo.
  • Pobo de Deus.
  • Corpo de Cristo.
  • Esposa de Cristo.

Organización e demografía

editar
 
Basílica de San Xoán de Latrán.

O clero está organizado de forma xerárquica, pero ten en conta a comuñón dos fieis. Cada membro do clero depende dunha autoridade superior, pero a autoridade superior debe exercer o seu goberno tendo en conta a comunidade, a través de consultas, reunións, intercambio de ideas.

Territorialmente, a Igrexa católica organízase en dioceses, cada unha a cargo dun bispo. Estas, á súa vez, reúnense en provincias, que conforman unha arquidiocese. Outras xerarquías son as prelaturas e os vicariatos.

O goberno da igrexa reside nos sacerdotes:

Para cada país, hai unha conferencia episcopal, cuxos cargos son electivos entre os bispos da mesma nación. Tamén se organiza por provincias eclesiásticas; en cada provincia, ao bispo da sé máis importante chámaselle arcebispo ou metropolita, e a súa diocese chámase arquidiocese.

As ordes relixiosas non pertencen á organización xerárquica da Igrexa. Elas poden ser de dous tipos:

  • Ordes relixiosas de dereito diocesano: dependen do bispo da diocese na que foron recoñecidas.
  • Ordes relixiosas de dereito pontificio: dependen directamente do papa, aínda que deben traballar en comuñón cos bispos das dioceses.

Igrexas particulares autónomas

editar
Artigo principal: Igrexa particular.

A Igrexa católica estrutúrase en 23 igrexas particulares autónomas, que comparten unha mesma doutrina, mais que teñen diferentes tradicións litúrxicas e canónicas. A maior delas é a Igrexa católica latina, e as 22 restantes reciben a denominación común de igrexas católicas orientais, algunhas delas chamadas uniatas por non estar ao longo da súa historia en continua comuñón coa Santa Sé.

Historia da Igrexa

editar

Para a historia anterior á Idade Media, ver cristianismo xa que son inseparables

A fe católica e a fe cristiá en xeral están baseadas na vida, palabra e obra de Xesús de Nazaret, tal e como vén contada nos evanxeos; así como noutros textos do Novo Testamento, como as epístolas paulinas, as epístolas católicas e o libro da Apocalipse.

Algo que diferenza a fe católica doutras doutrinas cristiás é o recoñecemento da santidade, entendida como capacidade das persoas que viviron de acordo coa lei divina para interceder entre Deus e os homes para a realización de milagres. Polo tanto, a fe católica integra os evanxeos co exemplo das persoas recoñecidas oficialmente como santos e santas. (Véxase o santoral católico.)

Segundo a doutrina católica, Xesús fundou unha comunidade cristiá xerárquica e con autoridade, dirixida polos apóstolos (o primeiro dos cales era san Pedro). Posteriormente (segundo os Feitos dos apóstolos), os apóstolos e dos primeiros seguidores de Xesús estruturaron unha igrexa organizada, ao repartir responsabilidades entre bispos, presbíteros e diáconos, á medida que ían propagando o cristianismo.

Logo dun primeiro éxito en Galilea, moitos dos entusiastas seguidores de Xesús abandonárono. Foi entón cando comezou a prestar maior atención aos seus colaboradores máis próximos, especialmente ao grupo de doce apóstolos que o acompañaban dende un principio e a quen o chamara persoalmente. Xesús, principalmente a través de parábolas, anunciou a chegada do Reino de Deus e predicou unha doutrina que denominou a «boa noticia» (en grego evanxeos, e que, segundo el, non é só para os fillos de Israel, senón para calquera persoa, rexeitando deste xeito o concepto de «pobo elixido» que aparece no Torá xudeu e en case tódalas relixións.

Xesús refugou limitar a súa misión a un grupo selecto, e escandalizou a moitos pola súa boa disposición cara ao conxunto do pobo, incluíndo aqueles que ata o momento eran social e relixiosamente rexeitados: pecadores recoñecidos, mulleres, impuros (doentes), ladróns, samaritanos e pagáns. Sentábase á mesa con eles e entraba nas súas casas.

Elixiu os Doce Apóstolos, en representación das doce tribos de Israel, para que o seguisen e enviounos a predicar o seu Evanxeo. A Igrexa católica considera que, logo de morrer, Xesús resucitou e subiu ao Ceo.

Segundo a tradición católica, san Pedro foi elixido polo propio Xesús para a misión de confirmar na fe os seus compañeiros e, aparentemente, o conxunto daquela comunidade orixinal de crentes así o recoñeceu, o que fixo xurdir a Igrexa católica, xerarquizada sempre en torno ao papa como sucesor dese primeiro xefe.

Así a todo, este punto de vista difire moito do aceptado polo protestantismo, xa que non existen documentos fiables que demostren que san Pedro algunha vez sexa bispo en Roma (o primeiro bispo de Roma en chamarse papa foi nomeado ao redor de 300 anos despois de Cristo e polo tanto de Pedro). Aínda que os últimos estudos arqueolóxicos demostraron que san Pedro está enterrado debaixo do altar da Basílica de san Pedro no Vaticano (Roma) e hai antigos relatos dende o século II de que aí foi crucificado de cabeza polo emperador romano. Así mesmo, ao final da súa primeira Carta no Novo Testamento, san Pedro afirma saúda dende "Babilonia", nome con que os cristiáns chamaban a Roma. Ademais tamén existe unha carta de san Clemente (cuarto bispo de Roma do ano 89 ao 97) a unha comunidade cristiá (os Corintios) para resolver un problema cando aínda vivía o Apóstolo Xoán, demostrando a súa primacía nos asuntos de doutrina desa época.

O rexeitamento da autoridade papal por causas de independencia política e económica e o rexeitamento de Martiño Lutero ao feito de que se cobrase diñeiro polas indulxencias, provocará o xurdimento do protestantismo.

Idade Media

editar

Como resposta a reforma protestante propugnada por Martiño Lutero e outros, a Igrexa católica realiza unha serie de reformas no seu interior.

Contemporaneidade

editar

Críticas

editar

Sostemento económico da Igrexa

editar

En países como España e a Arxentina a Igrexa católica é criticada por percibir unha determinada cantidade monetaria directamente do Estado, tal como está contemplado nos Acordos entre o Estado Español e a Santa Sé de 1979 e no artigo 5 das Constitucións Arxentina, por exemplo.

O efecto é que cidadáns non católicos ven aplicada unha porcentaxe, por pequena que for, dos seus impostos ao sostemento dunha institución relixiosa cuxa doutrina é contraria ás súas propias crenzas ou que, sinxelamente, non consideran necesaria nin útil nas súas vidas. En España isto cambiou ó ser preguntado á hora de pagar o IRPF.

A contribución do Estado ao sostemento económico da Igrexa católica ten explicacións diversas segundo a historia e cultura de cada país, e en cada caso ten un alcance diferente.

En España a contribución ten lugar conforme un sistema máis libre e dependente da vontade de cada cidadán, quen ten a posibilidade de destinar un 0'54% dos seus impostos ao sostemento económico da Igrexa católica, marcando a cuadrícula destinada para o efecto na Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas. No entanto, a Igrexa católica ten garantido un nivel mínimo de ingresos, que o Estado debe completar no caso de que non se alcance pola vía anteriormente explicada.

Na Arxentina un bispo recibe un salario asignado e pago directamente polo Estado Arxentino, equivalente ao dun Deputado nacional (aproximadamente 1500 euros).

Rexistro do número de católicos

editar

A Igrexa católica é criticada tamén por contabilizar o número dos seus fieis en cada país en función da cantidade de nados bautizados e non pola cantidade de adultos que asisten aos seus actos, reciben os seus sacramentos ou viven de acordo cos seus ensinos.

O problema nace do feito de que o bautismo deixou de ser unicamente un Sacramento para converterse ademais nun acto social costumista, case folclórico, e ineludible. O mesmo sucede co matrimonio pola Igrexa, en contraposición ao matrimonio civil, aínda que constitúe un acto de xustiza afirmar que quen o fan seguen facéndoo con total liberdade e contraen matrimonio católico ou bautizan os seus fillos porque así é o seu desexo.

Na Arxentina, por exemplo, considérase que máis do 80 por cento da poboación do país é católica, o cal pode proporcionar un argumento para asignar fondos procedentes do erario público destinados ao sostemento económico da Igrexa católica. Se fosen contabilizadas unicamente as persoas asisten aos actos de culto da Igrexa ou que viven de acordo cos seus ensinos, a porcentaxe podería mostrar unha cifra moi inferior. Por outra banda, existe un segmento extenso de poboación que se autodenomina católico pero non asisten aos actos de culto ou disenten da Igrexa en ensinos sobre materias como sexualidade, planificación familiar ou outras.

Como renunciar legalmente aos lazos coa Igrexa católica

editar

Se unha persoa bautizada desexa deixar de pertencer á Igrexa católica, debe dirixirse persoalmente a unha igrexa diocesana e requirir unha «carta de apóstata», onde declara oficialmente que renuncia aos seus lazos coa Igrexa católica.

Distribución no mundo

editar

O total de números de católicos no mundo é máis de mil millóns, concentrándose nos continentes de Europa e América e en países en vías de desenvolvemento.[7]

En Europa, son maioritarios os Católicos en Andorra, Austria, Bélxica, Croacia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Lituania, Malta, Mónaco, Polonia, Portugal, San Marino, Eslovaquia, Eslovenia e España. En Alemaña, Chequia, Países Baixos, Suíza, e Irlanda do Norte, están divididos en números similares entre católicos e protestantes.

Nos países de fala inglesa e en xeral na Mancomunidade Británica de Nacións o catolicismo non prosperou a consecuencia do non recoñecemento histórico de Henrique VIII á autoridade espiritual do Vaticano.

A maior parte da poboación de América Latina considérase católica en maior ou menor grao, (exceptuando Cuba onde o catolicismo se estende a pouco menos da metade da poboación).

En Asia, os países católicos están rodeados de países musulmáns como Filipinas (influído por ser unha ex-colonia española) e Timor Oriental (ex-colonia portuguesa) noutros como Líbano só o son a metade da poboación e en Palestina e Siria, hai pequenas minorías salientables, e algo menos aínda en Corea, India, e Vietnam.

En África son maioritarios os Católicos en Ruanda. O total de seguidores é de máis de 100 millóns.

Situación en Galicia

editar

En Galicia, a Igrexa católica estrutúrase en 5 dioceses, a arquidiocese de Santiago de Compostela e as súas sés sufragáneas de Lugo, Ourense, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo; e parte da diocese de Astorga, sufragánea da arquidiocese de Oviedo.

En canto á demografía, segundo o Barómetro Autonómico publicado polo CIS (Centro de Investigaciones Sociológicas) entre outubro e decembro do 2012,[8] o 80% dos galegos se declaran católicos, sendo a relixión maioritaria fronte ao 0,8% que declara profesar outra relixión.

Os datos de asistencia a oficios relixiosos –sen contar as cerimonias de tipo social como vodas, funerais, bautizos etc. e computando as respostas de todas as persoas que se definen como crentes (tanto no catolicismo como noutras relixións)– son os seguintes: o 47,7% case nunca asisten a oficios relixiosos, o 21,1% asiste varias veces ao ano a oficios relixiosos, o 11,6% asiste algunha vez ao mes, o 16% asiste case todos os domingos e festivos e un 2,5% afirma que vai varias veces por semana.

  1. Number of Catholics on the rise Arquivado 27 de xullo de 2010 en Wayback Machine., en Zenit. Visitado o 19 de xuño de 2010 (en inglés)
  2. Catecismo da Igrexa Católica "1203 As tradicións litúrxicas, ou ritos, actualmente en uso na Igrexa son o rito latino (principalmente o rito romano, pero tamén os ritos dalgunhas igrexas locais como o rito ambrosiano, o rito hispánico-visigótico ou os de diversas ordes relixiosas) e os ritos bizantino, alexandrino ou copto, siriaco, armenio, maronita e caldeo. "O sacrosanto Concilio, fiel á Tradición, declara que a santa Nai Igrexa concede igual dereito e honra a todos os ritos lexitimamente recoñecidos e quere que no futuro se conserven e fomenten por todos os medios"
  3. Carta aos esmirniotas 8:2
  4. Documentos do Concilio Vaticano II
  5. Exemplos: as encíclicas Divini Illius Magistri (pt) de Pío XI e Humani generis (pt) de Pío XII; declaracións comúns de Bieito XVI co Arcebispo de Canterbury Rowan Williams (en) e co Patriarca Bartolomé I de Constantinopla (en) Arquivado 30 de abril de 2011 en Wayback Machine.
  6. Examplo: O Catecismo de Baltimore, catecismo autorizado polos bispos católicos dos Estados Unidos, sostén: "That is why we are called Roman Catholics; to show that we are united to the real successor of St Peter" (punto 118) e refírese á Igrexa como "Igrexa Católica Romana" nos puntos 114 e 131 (Baltimore Catechism).
  7. Annuarium Statisticum Ecclesiae Arquivado 27 de decembro de 2005 en Wayback Machine.; L'Osservatore Romano, 2000.
  8. CIS. "Estudio nº2.963. Postelectoral de Galicia. Elecciones autonómicas 2012. Octubre-diciembre 2012." (PDF). p. 30. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar