Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Lonxa

edificios utilizados para a venda do peixe capturado aos maioristas

Unha lonxa ou rula é calquera edificio público onde produtores e compradores grosistas venden e compran distintos produtos, a diferenza dun mercado no que os vendedores adoitan ser distribuidores intermediarios e os compradores adoitan ser particulares. Designa, como tal, a Lonxa Agropecuaria de Silleda, hoxe Central Agropecuaria de Galicia, para compravenda de gando, ou as antigas lonxas de tecidos e especias que durante os séculos XV e XVI se construíron, sobre todo, en Cataluña, Valencia (como a Lonxa da seda de Valencia) ou Aragón.

Vista xeral dunha lonxa de peixe

Por veces, tamén pode designar simplemente un local comercial retallista.

En Galicia aplícase especialmente ó edificio mailas instalacións anexas onde se realiza a exposición e primeira venda de peixe e marisco frescos. Cumpre o papel de centro de concentración e comercialización dos produtos pesqueiros en primeira venda [1].

Elementos dunha lonxa

editar
 
Interior dunha moderna lonxa

Dentro da variabilidade que poden presentar segundo o tamaño e actividades que se desenvolvan no seu interior, unha lonxa de peixe adoita comprender as seguintes instalacións:

  • Unha sala ou espazo exterior para a recepción e preparación dos lotes de peixe.
  • A sala de poxas, onde se fai a exposición e venda.
  • Unha sala ou máis nas que se acondiciona o peixe para a súa distribución ó mercado.
  • Plataforma para a carga do peixe nos camións de transporte.

Resulta frecuente que posúan tamén outras instalacións anexas, como poden ser unha fábrica ou almacén de xeo, cámaras frigoríficas para conservar o peixe antes e despois da poxa, cámaras para conservación das partidas retiradas da venda antes da súa destrución, así como oficinas, servizos, vestiarios e outras instalacións auxiliares. As lonxas de maior tamaño tamén inclúen espazos reservados para que certas empresas realicen as necesarias operacións de preparación do peixe (lavado, eviscerado, corte en toradas etc.) e acondicionamento para o transporte (envasado con xeo).

Ó estar construídas a carón do mar, en terreos de dominio público, son propiedade de Portos do Estado que foron transferidas ás comunidades autónomas. En Galicia seguen baixo a administración estatal as lonxas da Coruña, Vigo, Marín e Ferrol (San Cibrao), dependendo tódalas demais do ente autónomo Portos de Galicia. Funcionan como concesións administrativas e xestionadas por confrarías de pescadores, que é o habitual, ou por organizacións de produtores, cooperativas, sociedades anónimas, concellos etc.

A entidade concesionaria cobre os seus gastos de mantemento e persoal mediante o cobro ó vendedor dunha porcentaxe non superior ó 1% sobre o valor de compra do peixe.

Comercialización

editar

Comercialización en orixe

editar

En liñas xerais, a comercialización do peixe nestas primeiras etapas comeza co transporte do peixe desde o barco ata a lonxa. Na Unión Europea é obrigatorio que o pescador venda tódalas súas capturas a traves dunha lonxa autorizada, o que non impide que se poida producir unha desviación de parte das capturas a outras vías de comercialización ilegal.

Esta norma ten certas excepcións, como acontece coas capturas que se venden directamente desde o barco, sen necesidade de descarga na lonxa [2].

A segunda fase é a exposición e poxa dos diferentes lotes de peixe. A poxa pode ser realizada directamente polos titulares da concesión ou indirectamente a través de entidades xestoras autorizadas para realizar esta actividade, as denominadas vendedurías. Unha vez que os lotes de peixe son adxudicados, prohíbese realizar unha segunda poxa nas lonxas (RD 1822/2009). Os compradores nas lonxas só poden ser grosistas de peixe, retallistas radicados na localidade onde se localiza o porto ou industrias alimentarias; só excepcionalmente se pode autorizar a venda directa a particulares, pero en pequenas cantidades de produto (que non superen os 3 kg de peixe ou marisco).

Tradicionalmente, a forma da poxa foi sempre á baixa [3], única fórmula que permitía a normativa ata o ano 2006 [4], data a partir da cal se permitiu utilizar calquera outra fórmula que facilite ós produtores rendabilizar as súas capturas e obter así mellores prezos.

Mediante esta poxa á baixa, un operario da lonxa vai cantando o prezo e baixándoo pouco a pouco ata que o comprador interesado dá o mío e corta a poxa, marcando co seu nome a caixa ou caixa que compoñan o lote comprado.

Actualmente, as lonxas están informatizando as súas instalacións e aplicando un sistema de poxa electrónica que está erradicando a poxa por voceo. No novo sistema os prezos márcanse nunha gran pantalla e os compradores realizan a compra mediante un mando a distancia. A informatización abrangue tamén outros procedementos administrativos (pesado, clasificación, facturación), documentais (etiquetaxe, rexistros de venda e rastrexabilidade) e estatísticos (movementos, capturas, prezos etc.).

Comercialización en destino

editar
 
Poxa de marraxo (Isurus oxyrinchus) no porto pesqueiro de Vigo

A terceira e última fase consiste na comercialización cara ao consumidor, tamén denominada comercialización en destino, para diferenciala da realizada nas fases anteriores que comprendían a comercialización en orixe. As posibles modalidades de distribución poden ser, ben directamente a través das peixeiras que venden o peixe ou marisco nas prazas de abasto ou nas peixerías, ben a mercados centrais desde os que se distribúe ós retallistas, ou ben a establecementos industriais que se dedican á transformación e posterior comercialización de produtos da pesca elaborados.

Os responsables da lonxa deben identificar o produto para que se poida garantir a rastrexabilidade durante tódalas fases seguintes. Esta identificación realízase mediante a etiquetaxe regulamentaria e a emisión dunha nota de venda que conterá, entre outros datos, a identificación do comprador e vendedor, o lugar e data de venda, a denominación comercial e científica da especie obxecto da venda e a cantidade e prezo por quilogramo.

Controis oficiais

editar
 
Sanmartiños expostos á venda

As lonxas, como calquera outra industria alimentaria, deben estar en posesión de autorización sanitaria de funcionamento (número de rexistro sanitario) e están sometidas a control oficial veterinario para comprobar que cumpren as condicións hixiénicas e estruturais que esixe a normativa vixente, como a limpeza, desinfección, desinsectación e desratización, mantemento, control de auga e temperaturas, xestión de residuos e outros requisitos sanitarios.

Confrarías

editar

Os pescadores están afiliados en confrarías de pescadores, corporacións de dereito público sen ánimo de lucro, que representan os seus intereses ante a Administración, que recorre a elas como órganos de consulta e colaboración.

As confrarías naceron como sociedades gremiais de axuda mutua coas que os mariñeiros pretendían prever os imprevistos causados por naufraxios, catástrofes ou situacións similares. Como adoitaban organizarse ó redor de congregacións relixiosas tomaron normalmente o nome da virxe ou santo ós que pedían protección, denominacións relixiosas que aínda conservan.

As lonxas de Galicia

editar

En Galicia están rexistradas 61 lonxas, segundo o censo de 2010 da Consellería do Mar [1] [5], distribuídas ó longo de toda a costa: 34 na Coruña, 6 en Lugo e 21 en Pontevedra. Estes valores numéricos non se corresponden co volume de vendas xa que, por exemplo, as lonxas da Coruña e de Ribeira acumulan o 77% das vendas da provincia da Coruña; as lonxas de Burela e Celeiro, o 99,85% das de Lugo; e a de Vigo, ela soa, o 76% das da provincia de Pontevedra.

Segundo datos de 2008 [6], as poxas en primeira venda representaron en Galicia un total de 123.215 toneladas de peixe e mariscos nas catro grandes lonxas de Vigo, Coruña, Marín e Ferrol, máis que tódolos demais portos xuntos, que sumaron 108.216 toneladas. O total, 231.431 toneladas, representa o 34,04% do total español (679.908 toneladas).

As características e volume de venda das diferentes lonxas varían dentro de amplas marxes:

  • Cinco lonxas superaron a cifra de 20.000 toneladas anuais e os 30 millóns de euros de volume de comercio: Vigo, A Coruña (que representan entre as dúas máis do 40% do total de descargas nos portos da comunidade galega), Ribeira, Burela e Celeiro. Nestas lonxas recíbese boa parte das capturas de pescada nos caladoiros da Unión Europea.
  • Doce lonxas superaron a cifra das 1.000 toneladas.
  • E as 44 lonxas restantes non alcanzaron estas cifras de venda. Entre elas atópanse as que reciben barcos de baixura e as que se especializaron nos produtos procedentes do marisqueo.

Léxico

editar
  1. Enténdese por primeira vensa a que se realice por primeira vez dentro do territorio da Unión Europea, na que se acredita documentalmente por primeira vez o prezo do produto (RD 1822/2009).
  2. Tamén se exceptúan as vendas de peixe nos territorios insulares que non dispoñen de lonxa ou as vendas de capturas realizadas coa modalidade de pesca de almadraba.
  3. "A poxa realizarase á baixa e antes do seu comezo expoñerase a totalidade das especies no lugar destinado para o tal efecto" (artigo 15 do Decreto 419/1993 do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco (DOG 13, do 20.01.1994)).
  4. Decreto 101/2006, de 8 de xuño de 2006, de modificación do decreto 419/1993 polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco.
  5. Na web da Consellería Arquivado 26 de abril de 2011 en Wayback Machine. dan a cifra de 63 lonxas.
  6. Instituto Galego de Estatística: Galicia en cifras. Anuario 09.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.
  • Lei 11/2008, de 3 de decembro, de pesca marítima de Galicia (DOG 243, de 16.12.2008) [2].
  • Real Decreto 1822/2009, de 27 de novembro, polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros (BOE 306, de 21.12.2009) [3].

Ligazóns externas

editar