Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Orfeo

personaxe da mitoloxía grega

Orfeo é un personaxe da mitoloxía grega, o poeta e músico máis famoso de todos os tempos[1]. Era fillo do rei tracio Eagro, un deus fluvial, e da musa Calíope[2]. Esta é a tradición máis popular pero noutros casos faise filla de Polimnia, outra musa; ou de Menipe, filla de Tamiris (aedo tracio e amante de Xacinto). Canto ó pai, tamén se lle fai fillo de Apolo, o que podería explicar a súa habilidade coa lira[3].

Orfeo coa lira e rodeado de bestas (Museo Cristián-Bizantino, Atenas.

Tiña un irmán, Lino. Este Lino foi mestre de cítara de Heracles pero este, nun ramo de furia por ser vítima de malos tratos pola súa parte, golpeouno e matouno[4].

O mito de Orfeo é un dos máis cargados de simbolismo de cantos rexistra a mitoloxía grega. Coñecido desde época moi remota evolucionou ata converterse nunha verdadeira teoloxía, en gran medida esotérica, exerceu unha influencia certa na formación do cristianismo primitivo, como o testemuña a iconografía cristiá en numerosos exemplos.

Atribúeselle a invención da lira, pero outras fontes negan que a inventara, pero si que modificou a cítara para aumentar as sete cordas habituais a nove, en homenaxe ao número de musas. A tradición máis común di que foi inventada por Hermes, que lla deu a Apolo, e este terminou regalándolla a Orfeo, sendo as Musas as que o ensinaron a tocala.

Orfeo foi o cantor, músico e poeta por excelencia, ata tal punto que as feras o seguían e as árbores se inclinaban ao seu paso, e mesmo as rochas se movían seguindo o ritmo da súa música[5].

"Escoitáballe as aciñeiras, tras el acudiron as rochas sen alma e as mandas de feras"
Damageto: Antoloxía Palatina (citado por Elvira Barba, px. 435)

Tamén se lle considera símbolo da civilización[6] pois, a diferenza doutros heroes gregos, Orfeo nunca destacou pola súa capacidade de loita , senón polo seu carácter civilizados e dotes de persuasión.

Mapa de Grecia, cos lugares relacionados coa vida de Orfeo

Os argonautas

editar

Orfeo foi un dos tripulantes do Argo na expedición dos Argonautas á Cólquide. Co seu canto marcaba o ritmo para que os remeiros acompasaran o seu esforzo e conseguiu calmar un temporal que ameazaba afundir a nave, á vez que tranquilizaba aos propios mariñeiros neste transo; xa antes de partir, os cantos de Orfeo conseguiron acougar as liortas que comezaban a producirse entre os mariñeiros borrachos, no banquete de despedida. Pero tivo máis sona cando, xa de regreso, competiu, cantando, coas sereas, conseguindo que os doces cantos destas non arrastrasen aos mariñeiros cara a morte[7].

Así describe Apolonio de Rodas no seu poema Argonáuticas como calmou as discusións entre os mariñeiros do Argo cantándolles a orixe do mundo:

"Despois de cantar, detivo o son da lira e a súa divina voz. Eles, cando cesou, aínda reclinaban as cabezas por igual, cos oídos atentos, sosegados polo seu encanto. ¡Tan gran feitizo prendera a canción neles. Non moito despois, logo de facer as mesturas para as libacións a Zeus, segundo o ritual, postos en pé vertéronnas sobre as linguas de lume, e a través das tebras buscaban o sono"
Apolonio de Rodas: Argonáuticas (citado por Ricardo Olmos: "Mitos y ritos en Grecia", en Cuadernos Historia 16, nº 127)

Ao regreso da Cólquide, Orfeo casou con Eurídice[8], con quen tivo, polo menos, un fillo, Leos[9].

Orfeo e Eurídice

editar

A historia máis coñecida sobre Orfeo é a que se refire á súa esposa Eurídice, descrita con detalle por Virxilio[10]. Eurídice era unha ninfa das árbores (ou ben, segundo outros, filla de Apolo). Un día, cando Eurídice paseaba cerca de Tempe, no val do río Peneo, atopouse con Aristeo (un deus menor, fillo de Apolo), quen tratou de forzala[11]. Na súa fuxida, pisou unha serpe entre a herba e foi mordira por ela, morrendo como consecuencia, o que deixou desolado ó seu home. Xa no momento da voda houbo malos augurios: o fume do facho que alumeaba ao deus Himeneo provocou as bágoas dos asistentes.

Despois de moito chorar, Orfeo descendeu valentemente ao Tártaro esperando recuperala e levala de volta, utilizando a tal fin o pasadizo que se abre en Aorno, en Tesprótide. No Inframundo encantou coa súa música e a súa poesía ao barqueiro Caronte, ao can Cérbero e aos tres xuíces dos mortos, Minos, Éaco e Radamantis, e incluso conseguiu que se suspendesen temporalmente as torturas dos condenados[12].

"Divindades do mundo situado baixo terra, ao que caemos todo o que nace mortal... O motivo da miña viaxe é a miña esposa, sobre a que unha víbora ao pisala derramou o seu veleno e rouboulle os seus prometedores anos... Se o fado nega a venia á miña esposa, prefiro non regresar: alegraos coa morte dos dous"
Ovidio: Metamorfosis X, 17-39

E deste xeito conseguiu tamén amolecer o duro corazón dos deuses do Inframundo, Hades e Perséfone, os que quedaron conmovidos pola elocuencia de Orfeo e polo profundo amor incondicional que demostraba ter pola súa dona. Este engadiu que, de non acceder ás súas súplicas, el quedaría nos infernos. Ao final, os deuses permitiron que Eurídice regresara á vida pero puxeron unha condición, que el aceptou sen dubidar: que Orfeo fora diante e Eurídice detrás, e que el non volvese a vista ata que ela estivese a salvo baixo a luz do Sol, é dicir, ata que estivesen fóra do seu reino subterráneo.

Así o fixeron e Orfeo utilizaba o son da súa lira para guiar a Eurídice, pero cando chegaron por fin a onde comezaba a ver a luz solar el volveuse para comprobar se ela o seguía, dubidando se Hades e Perséfone o engañaran, e ao facelo Eurídice esvaeceuse en fume e perdeuna para sempre.

Aínda que regresou ao Hades para reintentar recuperar á súa esposa, desta volta Caronte non se conmoveu e non lle permitiu entrar, polo que tivo que volver á terra el só, aínda que se mantivo fiel á súa lembranza o resto da súa vida, renunciando ao trato coas mulleres.

"O barqueiro [Caronte] rexeitara a Orfeo, que suplicaba en van pasar de novo. Con todo, estivo sentado na beira [da lagoa Estixia] sete días, desaliñado e sen o don de Ceres [é dicir, sen pan, sen alimento] , a mágoa, a dor da súa alma e as bágoas foron o seu alimento. Tras queixarse da crueldade dos deuses do Érebo[13] retirouse ao elevado Ródope e o Hemo, azoutado polos Aquilóns[14]
Ovidio: Metamorfosis X, 72-77

Morte de Orfeo

editar
 
Morte de Orfeo (Émile Bin, 1874)

Ao final, Orfeo morreu de forma salvaxe e brutal, en contraste co seu carácter pacífico e pacificador. Morreu a paus, vítima das mulleres tracias, que logo esnaquizaron o seu corpo e botaron os cachos ao río. As explicacións que dan os mitógrafos varían. Para algúns, as mulleres tracias consideraron un insulto a fidelidade de Orfeo á memoria de Eurídice. Outros din que Orfeo non quixo ningunha relación máis con ningunha muller, pero iso non foi impedimento para manter sexo con mozos[15]. Tamén se di que instaurou certos misterios, dos que estaban excluídas as mulleres, pero estas mataron a Orfeo e aos seus seguidores.

Unha tradición di que o mataron unhas bacantes, por enfurecer a Dioniso. Orfeo non se sometera a Dioniso cando este invadeu Tracia, e condenaba o asasinato ritual e as orxías sexuais preconizadas por este deus. Ademais, proclamaba que Helios (Apolo) era o deus máis grande. Por iso, Dioniso enviou ás esposas dos seus adeptos contra o templo onde Orfeo oficiaba os seus ritos e matáronos a todos, despezando a Orfeo[16]. As ménades asasinas intentaron purificarse no río, pero este, para non ser cómplice do crime, secou as augas e desapareceu ata quilómetros máis abaixo. En todo caso, os deuses do Olimpo condenaron o asasinato e quixeron castigar ás ménades, pero Dioniso adiantouse e salvounas converténdoas en aciñeiras.

Finalmente, outra variante do mito explica esa acción das mulleres traciasa nunha manobra de Afrodita. Resulta que Calíope foi quen decidiu que Adonis pertencería a Afrodita un terzo do ano, outro terzo a Perséfone e o outro terzo pasaríao con que el quixera. Afrodita non quixo vingarse de Calíope[17] pero si que o fixo con Orfeo, instigando nas mulleres tracias ese desexo apaixonado por el, que acabaría coa súa morte. Canto a Afrodita, tamén se di que actuou por vinganza porque Orfeo predicaba o amor homosexual. Unha última variante di que o matou o mesmísimo Zeus, que non lle perdonou as revelacións de segredos divinos que divulgara Orfeo ao volver do Hades.

Como xa se dixo, os anacos do corpo de Orfeo foron botados ao río, e este levounos ata o mar, e a corrente arrastrou a cabeza e maila lira ata Lesbos; a cabeza non deixou de cantar. As musas enterraron os membros de Orfeo ao pé do monte Olimpo, e dise que alí cantan os reiseñores os cantos máis doces do mundo. En Lesbos foi enterrado nunha tumba levantada no seu honor e foi obxecto de culto. Nesta tumba podía escoitarse en ocasións o son da lira do heroe.

A cabeza foi colocada nunha cova en Antiso, e alí pronunciaba constantes oráculos. Tantos que o propio Apolo, vendo que iso prexudicaba aos seus oráculos en Delfos e Grineo, ordenou que calara. E desde aquela non volveu a profetizar nada. A lira gardouse nun templo dedicado a Apolo ata que foi levada aos ceos, onde loce convertida na constelación de Lyra.

Tamén se conta que houbo unha peste en Tracia, que o oráculo explicou como causada polo asasinato de Orfeo, engadindo que para superar esa peste era preciso recuperar a súa cabeza e renderlle honras fúnebres. Por fin, a cabeza apareceu na foz do río Meles, e aínda cantaba e sangraba, como cando aínda estaba viva.

En Tesalia corre a lenda de que a cidade de Libetra sería destruída por un gran porco no momento en que as cinsas de Orfeo viran o sol. Por suposto, ninguén o creu ao considerar imposible que un porco arrasase a cidade. Pero un pastor quedou a dormir sobre a tumba de Orfeo e, cando acordou, comezou a cantar melodiosamente. Outros pastores e labregos acudiron asombrados e formaron tal balbordo que as columnas do mausoleo cederon e esmagaron o sarcófago, que liberou as cinsas ao aire. Ao día seguinte houbo un gran temporal, este causou unha enchente no río Sys, que significa porco en grego, que se desbordou e destruíu a cidade, cumpríndose así o oráculo.

A alma de Orfeo descansa nos Campos Elisios, onde deleita aos Benaventurados que alí moran (vestida cunha longa túnica branca).

"A sombra de Orfeo descende baixo terra, e os lugares que antes vira recoñéceos todos; e ao buscar polos Campos Elisios atopa a Eurídice, e abrázaa con paixón. Alí, unha veces pasean os dous xuntos, lado a lado, outras veces ela vai diante e el séguea, outras é el quen a precede, e xa sen temor Orfeo vírase para mirar á súa Eurídice"
Ovidio: Metamorfosis XI, 61-66

Orfismo

editar

Crese que Orfeo trouxo consigo do Inframundo certos datos que permitían o descenso das almas ata os Campos Elisios, seguro e sen obstáculos. Esta información foi entregada aos humanos a través dos himnos órficos, moitos deles falsamente atribuídos a Orfeo, ata o punto de que a súa figura:

"...foi quen de dar lugar en tempos antigos a toda unha seita, chamada 'órfico-pitagórica', dedicada a compoñer textos atribuídos a el ou destinados á súa exaltación"
Elvira Barba, px. 435

Orfeo nas artes

editar
 
Orfeo rodeado de animais (mosaico da Roma antiga, descuberto en Palermo, exposto no Museo Arqueolóxico Rexional de Palermo)

As primeiras representacións de Orfeo datan do século V a. C. en cerámica, relevos e mosaicos, con múltiples vartiantes do mito. Orfeo aparece semiespido e coroado de loureiro, tocando a lira e normalmente rodeado de animais salvaxes que semellan amansarse coa súa música. No século IV a. C. xa se representa, como tracio que era, co traxe e gorro típico desta rexión (túnica longa, con mangas, ou con pantalóns), e portando unha cítara. Xa na pintura romana represéntase como un mozo fermoso, adpoito xunto a unha ou varias musas, sentado e de fronte, no centro da escena, rodeado de feras que o contemplan; tamén aparece con frecuencia en ámbitos funerarios (lembrando o seu descenso ao Inframundo).

A partir do século IV d. C., as imaxes de Morfeo parecen cristianizarse, e prefiguran a imaxe de Xesucristo como o Bo Pastor, que garda ao seu rabaño (ou a imaxe de David); a metáfora estriba en comparar o canto de Orfeo coa prédica de Cristo que atrae as almas á nova doutrina[18]. Na Idade Media perde a súa vestimenta clásica e pode aparecer barbado (Luca della Robbia, Andrea Mantegna). Na Idade Moderna pode verse tocando outros instrumentos (como tal, unha viola, Marcantonio Raimandi, c. 1510) e adoita utilizarse a súa figura como símbolo da elocuencia e bo goberno. A partir de Delacroix represéntase como símbolo da difusión da cultura grega, poeta e músico (Chavannes, Gustave Moreau).

A expedición dos Argonautas apenas quedou reflictida nas artes, ao contrario da viaxe ao Inframundo para recuperar á súa Eurídice (a catábase). Este epidosio (especialmente o momento en que Orfeo se vira para ver se o segue Eurídice, o momento máis significativo) represéntase en distintas ocasións na pintura e escultura romanas[19] pero experimenta un gran desenvolvemento desde o Renacemento ata hoxe, como modelo da fidelidade conxugal (Baldassarre Peruzzi, Annibale Carracci, Nicolas Poussin, Jacques Lipchitz). Na escultura destacan dúas obras de Antonio Canova (1775) que representan aos dous personaxes.

O ataque e morte de Orfeo ás mans das bacantes represéntase escasamente (por exemplo, no século V a. C.), pero rexorde na Idade Moderna (Mantegna, Lucca Giordano, Durero), co heroe rodeado de mulleres provistas de diferentes armas (ou obxectos empregados como armas), e el intentando defenderse en van. Tamén se pode observar a cabeza de Morfeo no mesmo século, pero será un tema moi suxerente para os pintores simbolistas do século XIX, como Moreau, Odilon Redon ou Waterhouse.

Na música

editar
  • Orfeo e Eurídice (Orfeo ed Euridice, en italiano) é unha ópera do compositor alemán Christoph Willibald Gluck, estreada en 1762.
  • Orfeo nos infernos (Orphée aux Enfers, en francés) é unha ópera composta por Jacques Offenbach, estreada en 1858.
  • Orfeo en Hirosima (Orpheus in Hiroshima, en inglés) é unha ópera do xaponés Yasushi Akutagawa (1960/67)
  • Orfeo nos infernos (Orphée aux enfers, en francés) é unha opereta de música de Jacques Offenbach, estreada en París en 1858.

No cine

editar
  • Orfeo negro é o título dunha película baseada na obra teatral de 1954 Orfeu da Conceição, de Vinícius de Moraes, que constitúe unha adaptación do mito de Orfeo ao ambiente do carnaval brasileiro.
  • Orfeu é unha película brasileira dirixida por Carlos Diegues en 1999, , baseada na mesma obra de Vinícius de Moraes. A música da película é Caetano Veloso.
  1. Graves, px. 126.
  2. Musa da elocuencia, e da poesía épica, a de dignidade máis alta das nove musas, nacido, polo tanto, no macizo do Olimpo.
  3. Carmona, px. 98.
  4. Apolodoro II, 4, 9.
  5. Graves, px. 126.
  6. Franco Llopiz, px. 212.
  7. "As arrebatadoras melodías destas mulleres-aves foron contrarrestadas polos aínda máis fermosos acordes da lira de Orfeo" (Graves, px. 658).
  8. Tamén coñecida como Agríope (Graves, px. 127).
  9. Este Leos tivo tres fillas, que foron sacrificadas, aínda virxes, para superar unha fame negra que asolaba a Ática (Grimal, s. v. Leos; Graves, px. 366).
  10. Georgicas, libro IV.
  11. Como castigo pola violación e posterior morte de Eurídice, Aristeo foi castigado: morreron tódalas súas abellas. Seguindo o consello do deus mariño Proteo, que lle increpara polo que fixo, sacrificou bois e xovencas, deixando os corpos no bosque. Volveu aos nove días e atopou un enxamio de abellas saíndo dos cadáveres, aprendendo así a criar enxamios novos de abellas (Graves, px. 306.
  12. As Danaides deixan de botar auga na vasilla sen fondo, Ixión deixa de xirar na súa roda e desaparece a fame e a sede que atormentan a Tántalo.
  13. Acceso ao Tártaro, verdadeiro Inframundo pero usualmente sinónimos
  14. Ventos do norte, fríos e tempestuosos.
  15. Mesmo dise que inventou a pederastia (Grimal, s. v. Orfeo).
  16. Carmona explica que este era un rito habitual das bacantes: o sparagmós, que consistía en despezar á súa vítima para comer a súa carne crúa (Carmona, px. 50).
  17. As musas eran fillas de Zeus.
  18. Carmona, px. 206.
  19. Aquí unha copia dun relevo romano con Orfeo, Eurídice e Hermes
  20. Franco Llopis, px. 201.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Franco Llopis e outros, Borja (2018). Imágenes de la tradición clásica y cristiana. Una aproximación desde la iconografía. Centro de Estudios Ramón Areces S. A. ISBN 9788499612720.  (en castelán) [especialmente px. 198-201, 212-214]
  • Carmona Muela, Juan (2018 (5ª ed, 3ª reimp)). Iconografía clásica. Guía básica para estudiantes. Akal. ISBN 9788446029397.  (en castelán)
  • Elvira Barba, Miguel Ángel (2008 (3ª ed 2017)). Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex. ISBN 9788477378464.  (en castelán) [especialmente px. 435438]
  • Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940.  (en castelán) [especialmente px. 126-130]
  • Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574.  (en castelán)
  • Ovidio (2015 (reimpr. 2017)). Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial. ISBN 9788420697208.  (en castelán) [especialmente libro X, 1-85, e XI, 1-66]
  • Pseudo-Apolodoro (2016 (3ª ed)). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277.  (en castelán)

Ligazóns externas

editar