Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Caixa (instrumento musical)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A caixa, caixa orquestral, caixa clara, tarola ou redobrante é un instrumento de percusión de son indeterminado. Segundo a clasificación Hornbostel-Sachs pertence á familia dos membranófonos. É un tambor, habitualmente de pouca altura, cuns fíos chamadas bordóns dispostos diametralmente na membrana inferior, que lle proporcionan o seu característico timbre, máis estridente e metálico que o tamboril común. Ao músico que toca a caixa chámaselle á súa vez por asociación caixa, tendo formación de percusionista. Este instrumento é usado en orquestra, en bandas de música, e é unha parte fundamental da batería.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome caixa deriva probablemente do occitano caissa ou do catalán caixa, procedentes do latín capsa[1]. A terminoloxía é habitualmente confusa, e difumínase a miúdo tamén con outros termos como redobrante ou tambor militar[2][3].

Na orquestra, a tradución das diferenzas de significado en cada idioma é tamén problemática, o que dificulta a miúdo identificar os diferentes tipos de caixa indicados nas partituras[4].

Esta profusión de termos débese á variada gama de instrumentos parecidos existentes, segundo o ambiente no que evolucionase desde outro tambor máis primitivo[5].

Composición

[editar | editar a fonte]

A caixa está composta en primeiro lugar por un cilindro recto chamado casco. Pode ser de madeira, metal ou outros materiais. Cada madeira proporciona un timbre distinto á caixa, sendo as madeiras de pradairo e bidueiro as máis utilizadas. Respecto ao metal, os máis empregados son o latón, o bronce e o aceiro[6].

As bases do casco son dúas membranas, chamadas parches. Estes están suxeitos a uns aros interiores aos bordos e ténsanse mediante outros aros exteriores e uns tensores. Os aros son xeralmente metálicos, aínda que tamén existen variedades en madeira. A tensión nas membranas conséguese mediante varillas metálicas con parafusos que actúan independentemente en cada parche. Para apertar estes parafusos utilízase un tipo de chaves especiais.

Nas caixas usadas para orquestra ou batería as medidas máis usuais do casco son 14" de diámetro e 6" de profundidade[7]. Tamén poden empregarse caixas auxiliares doutros diámetros ou altura, destacando por exemplo as denominadas piccolo, cun diámetro convencional (14", 13") pero pouca profundidade (3", 3,5"). Así mesmo, as caixas soprano constan de profundidade convencional (5", 7") pero diámetro pequeno (10", 12")[6]. Por outra banda, é usual que nas caixas usadas para a marcha utilícense alturas maiores[8] para así poder conseguir un son máis profundo e potente, necesario para o uso exterior.

Antigamente, os parches construíanse con peles de animais. Este tipo de material produce que os parches varíen sensiblemente coa presión, humidade e temperatura, e que teñan que ser afinados ou cambiados con certa asiduidade. Desde a introdución dos parches de plástico a finais da década de 1950[9], estes problemas víronse minimizados, ademais de que se puido reducir o custo de cada parche. Con todo, hai quen defende que o son máis suave do parche de pel é preferible para tocar matices moi pianos[4]. Actualmente, os parches están compostos por unha ou varias capas de plástico ou poliéster, xeralmente mylar[10].

Parche branco con texturas rasposas, montado nunha caixa.

O espesor dun parche é medido en 1/1000 de polgada ou 0,001 polgadas, variable que afecta á durabilidade e á sensibilidade do parche. A durabilidade dun parche é directamente proporcional ao grosor, é dicir, a máis grosor máis durabilidade terá un parche. En canto á súa sensibilidade, o grosor xoga un papel importante: un parche delgado responderá a golpes suaves, ao mesmo tempo que se pode danar ao imprimirlle demasiada forza. Hai que engadir que, como regra xeral, o parche inferior, chamado tamén de resonancia ou de bordóns, debe de ser máis fino que o superior, tamén denominado batedor ou de redobre, para que responda rapidamente ante a vibración do bordoneiro.

No parche inflúen tamén outras variables. Cada deseño consegue un son lixeiramente diferente, afectando aos harmónicos do parche:

  • Parches con texturas rasposas (coated, en inglés): o parche é asperxido con certo material. A textura consegue que os parches responden mellor ao uso de escobiñas, aínda que estes parches son lixeiramente máis pesados que un parche sen textura. Utilízanse con frecuencia en jazz.
  • Parches con puntos: engádeselle un círculo central de mylar ao parche, aproximadamente dunhas 4-10" de diámetro. Con iso perséguese conseguir un maior grosor e durabilidade.

Así mesmo, existe máis variedade de modelos de parches desenvolvidos polos fabricantes, como son os parches hidráulicos ou con orificios de ventilación. Algunhas das marcas máis coñecidas de parches son Remo, Évans, Aquarian e Attack.

Vista dos bordóns e parche inferior transparente.

En contacto co parche inferior atópase o bordoneiro, tamén denominado bordoneira ou cordón, que non é máis que o conxunto de bordóns que percorren de lado a lado o casco. Estes vibran conxuntamente co parche inferior ao bater o superior, o cal lle confire ao instrumento o seu timbre e son distintivos, cunha especie de zunido. Para a fabricación dos bordóns poden utilizarse diversos materiais, aínda que comunmente fabrícanse en arame rizado, cable metálico, tripa ou nailon.

Os bordóns poden vibrar por simpatía ao entrar en resonancia con outros instrumentos. Este fenómeno prodúcese cando outro instrumento emite un son cunha frecuencia determinada, sen golpear o parche batedor da caixa, polo que se debe procurar anular os bordóns se o efecto non é desexado. Un truco estendido é usar unha cinta adhesiva preto dos bordos no bordoeiro, ou unha cuña entre os bordóns e o parche, co fin de reducir esta vibración[11][12].

Existe tamén variedade de bordoneiros, con diferente número de filas de bordóns, lonxitude[13], así como diversos mecanismos para a súa acción e suxeición. Os bordóns poden anularse tipicamente mediante unha panca solidaria e articulada no lateral que separa os bordóns do parche. Para a súa suxeición e tensión adóitanse utilizar, entre outros, parafusos ou un mecanismo da raia axustable, no extremo oposto do casco. Algunhas caixas, sobre todo militares, a miúdo constan mesmo dun segundo conxunto de bordóns no lado inferior do parche batedor.

Afinación en estrela de caixas de 8 e 10 parafusos respectivamente.

O son da caixa vén determinado principalmente polo parche e o diámetro e altura do casco, así como tamén pola afinación, ángulo dos aros, e materiais dos que estea composta[12]. O uso de bordóns é o que lle proporciona o seu característico timbre similar a un zunido. Pola súa banda, os parches máis grosos producen debilmente os harmónicos altos, polo que o seu son resultante é máis groso que cos parches finos a unha mesma tensión. Os parches finos, ao contrario, producen un son máis brillante e cun ataque máis definido. Pódese conseguir atenuar determinados harmónicos (e con iso reducir o volume sonoro) mediante unha sordina. Se non se dispón dunha sordina é moi común utilizar para atenuar o son cinta adhesiva ou un pano, trapo ou similar no parche superior[12].

A caixa pode afinarse modificando a tensión dos seus parches. Adóitase utilizar unha afinación en estrela, é dicir, apertando alternativamente os parafusos opostos, para así tentar tensar de igual maneira todas as partes do parche e conseguir unha afinación homoxénea

.

Para facer soar a caixa golpéase xeralmente cunhas baquetas. As usadas normalmente para caixa están fabricadas en madeira, aínda que tamén existen modelos en fibra de carbono e plástico. Centrándonos na madeira, as máis usadas son carballo, nogueira e pradairo[14]. Para a construción da punta disponse tamén de versións coa punta de nailon en lugar de madeira, o que as fai máis durables e que a caixa teña un son máis agudo ou brillante. As baquetas diferéncianse polo seu material, pola súa lonxitude, polo seu grosor e pola forma da súa punta. Estes factores variarán a resposta, a duración, a absorción de impactos e o son que emitirá o parche.

De xeito orientativo, as baquetas utilizadas para orquestra son máis finas, para conseguir precisión no toque, mentres que as utilizadas para marcha no exterior adoitan ser máis grosas, facilitando máis volume no son e resistencia da baqueta. Con respecto ao seu uso en batería, as baquetas usadas para jazz adoitan ser xeralmente máis lixeiras e finas que as usadas para rock.

Por outra banda, sobre todo no jazz, é normal atopar escobiñas (brushes en inglés), que proporcionan unha suave vibración dos bordóns. Son baquetas compostas de multitude de variñas metálicas, ou ben de 7, 9, 12 ou máis variñas de madeira enfundadas en láminas de nailon. Por último, nalgunhas ocasións faise uso mesmo das mans para determinados efectos, por exemplo para interpretar matices pianos.

A construción de tambores con bordóns pode remontarse até as civilizacións exipcia, arábiga e asiria. Usualmente, en Exipto, os bordóns estaban situados en ambos os parches, e eran fabricados con tripa de gato[15].

Caixa en A ronda de noite, de Rembrandt.

Na Europa medieval, tense constancia da existencia do uso de bordóns ao redor do 1300 co instrumento denominado tabor[16]. A súa utilización estendeuse amplamente por toda a Europa medieval, e converteuse no tambor máis comunmente usado. Introduciuse a través de dúas vías: por España a través dos árabes e polo norte de Europa a través dos turcos, dúas versións que diferían na súa forma, pero que basicamente utilizaban o mesmo proceso de producir son.[17] Consistía nun tambor de dous parches, cun único bordón situado encima do parche superior, e normalmente era tocado cunha soa baqueta.[4] Este instrumento tivo un amplo rango de tamaños a través dos distintos lugares e épocas, sen chegar a ter unha forma definitiva. Por exemplo, o tabor inglés era de pouca profundidade, mentres que o tambourin de Provence, usado en Francia, era moito máis profundos. Outros tabores medievais, particularmente en España, tiñan un diámetro aproximadamente igual á súa profundidade.[4] O seu uso era principalmente o militar, aínda que tamén se utilizaba un tabor máis pequeno como instrumento folclórico, acompañado normalmente da frauta de tres buracos[17].

Versións máis grandes do tabor desembocaron nun tambor denominado side drum (tambor de lado). No século XV os rexementos de infantaría suíza adoptaron o seu uso colgando o tabor no lado esquerdo (de aí o seu nome) mediante unha correa de ombreiro ou cinto, o cal se expandiu por toda Europa.[16] A diferenza do tabor, o tambor de lado tocábase normalmente con dous baquetas e, ao redor do século XVI, o bordón trasladouse debaixo do parche inferior.[4] Neste contexto produciuse un avance significativo en canto ao desenvolvemento da técnica empregada para tocar a caixa, principalmente mediante a introdución do uso de rudimentos.[16] Polo xeral, as baquetas utilizadas neste período eran máis pesadas e frecuentemente máis curtas que as usadas hoxe en día[4].

Mecanismo para habilitar os bordóns.

Máis tarde, no século XVII, desenvolvéronse novos métodos de tensión que permitiron aos bordóns ser apertados con parafusos, cambiando o ruído dos bordóns de tripa por un máis semellante a un estralo. Sobre 1837, os parafusos tamén comezaron a substituír a tensión por cordas[16], permitindo un incremento na tensión dos parches e a posibilidade tanto dunha execución máis rápida como de ritmos máis complexos. Ao redor de 1850, as caixas comezáronse a fabricar en metal e reduciuse o seu tamaño novamente, conseguíndose así un son máis brillante.

A pesar de que xa se podía controlar a tensión dos bordóns mediante parafusos, non foi até principios do século XX cando Robert Dansly creou para a Ludwig drum company un xeito de anular os bordóns instantaneamente para permitir que a caixa puidese ser tocada como tom-tom a pracer[18]. Isto permitiu o seu uso para efectos especiais ou para evitar que os bordóns resoasen por mor doutros instrumentos.

Música orquestral

[editar | editar a fonte]

Coa intención de dotar de ritmo e sonoridade ás composicións tentáronse introducir na orquestra tambores de todo tipo. A caixa aceptouse de maneira clara, como podemos observar en calquera orquestra actual, pasando a complementar ao timbal. Con todo, mentres que se estableceu a figura do timbalista de orquestra como percusionista especializado na execución do timbal, non se estableceu como tal a figura da "caixa", xa que a técnica da súa execución é paralela á maioría de membranófonos que un percusionista debe tocar. No seu uso orquestral, a caixa é comunmente apoiada de forma horizontal nun trípode, tamén chamado pé. Tipicamente a notación da caixa adóitase representar nun pentagrama no terceiro espazo (comezando desde abaixo), aínda que tamén se pode escribir nunha soa liña.

O primeiro uso da caixa do cal se ten constancia foi no Barroco polo compositor francés Marin Marais nunha escena de tormenta da súa ópera Alcyone (1706)[17]. Rossini incluíu a primeira escritura do redobre nun só da La gazza ladra (1817)[17], tras o que erroneamente foi considerado o iniciador no emprego da caixa, como se desprende do seu sobrenome "Tamburossini"[3]. Berlioz chegou a usar até 6 caixas na súa Marcha Fúnebre de Hamlet, utilizando tamén caixas sen bordón[17], característica que máis tarde se converteu en habitual.

Pódense citar algúns usos notables da caixa, en obras de Rimsky-Korsakoff (Capricho español, Scherezade), Prokofieff (Pedro e o lobo) ou Ravel, co seu famoso Bolero.

Tamboritero acompañando a un pitu montañés en Cantabria.

En España

[editar | editar a fonte]
Tambores na Semana Santa de Huesca.

Algúns descendentes do tabor utilizáronse tradicionalmente en España como instrumento acompañante da dozaina ou dalgún outro instrumento de vento popular (como a frauta). Tal e como se indicou anteriormente, a terminoloxía dista moito de ser uniforme e existen moitos termos e variantes para este tipo de instrumentos, como o tabalet ou o tamboril[19]. Por outra banda, nas comedias españolas, principalmente dos séculos XVI e XVII, a caixa era un dos instrumentos máis usados nas elementais intervencións instrumentais[3].

A tradición popular dos tambores é totalmente diferente da anterior militar, adaptándose o seu uso e evolucionando segundo a actividade na que fosen empregados. Estas actividades son de moitísimos tipos, destacando as tradicións relixiosas e as festivas. Respecto das tradicións relixiosas destaca o uso de tambores e caixas en diversos actos de Semana Santa. En diferentes puntos de España é tradición a celebración de grandes concentracións de tamborileiros, festas denominadas tamborradas ou tamboradas. Hai que destacar tamén a Ruta do tambor e o bombo do baixo Aragón e a Ruta do tambor do Sueste Español, festas declaradas de Interese Turístico Nacional.

[editar | editar a fonte]

Desde a invención da batería a principios do século XX[20], a caixa foi unha parte integrante vital na súa composición. Polo tanto, está presente na maioría de xéneros musicais máis populares, como son o rock ou o pop, pasando polo jazz ou a música latina.

Igualmente, en numerosas agrupacións musicais, por exemplo as bandas de música, é imprescindible como instrumento integrante, especialmente para marcar o ritmo. Adóitase levar en varias posicións. A posición máis tradicional é colgando a caixa cunha correa ao ombreiro, tal que o instrumento queda inclinado sobre a cintura. Para suxeitar as baquetas, o máis cómodo neste caso, para non forzar a boneca, é utilizar a maneira tradicional. O instrumento tamén se pode manter en posición horizontal, mediante unha correa na cintura, ou cruzada ás costas.

Música militar

[editar | editar a fonte]
Banda militar nun desfile.

No eido militar o seu uso segue sendo importante para a marcha, adaptándose ás bandas militares tamén bombos e pratos. O uso de caixas sen bordón sinala actos fúnebres ou de inmensa dor, como expulsar do rexemento a quen cometese unha falta grave. Conséguese un son resoante e un efecto de distancia.

Ao longo do mundo existen bandas denominadas drum corps, que poderiamos comparar coas bandas de tambores existentes en España. Estas drum corps, descendentes das bandas militares[21], están compostas habitualmente por unha maioría de tambores. En moitas ocasións chegan a exhibir un gran nivel de virtuosismo e sincronización, e os seus compoñentes adoitan participar en competicións[22], tanto grupais como individuais, mostrando un alto nivel técnico. Como exemplos destas bandas podemos citar a The Cavaliers, Blue Devils ou Phantom Regiment[23].

Técnica instrumental

[editar | editar a fonte]

Na técnica de acentuación existen catro golpes básicos[24][25]:

  • De brazo (full stroke): a baqueta comeza arriba e, tras o golpe, termina arriba.
  • De boneca (tap stroke): a baqueta comeza abaixo e, tras o golpe, termina abaixo.
  • Up stroke: de abaixo a arriba.
  • Down stroke: de arriba a abaixo.

A baqueta tamén pode golpearse para conseguir outros efectos diversos. Algúns deles son:

  • Rimshot: golpéase ao mesmo tempo o aro e o parche coa baqueta. Conséguese así un son similar a un disparo[26].
  • Cros stick: Mentres unha baqueta colócase desde o centro do parche apoiada no aro, golpéaselle coa outra. Usado en percusión latina para imitar as claves ou en percusión orquestral para conseguir un son parecido ao rimshot pero máis preciso[26].
  • Golpes ao aro.
  • Golpes ao casco.

Agarre tradicional e paralelo

[editar | editar a fonte]
Agarre tradicional.

Diferenciáronse dúas posicións distintas de agarre das baquetas: tradicional (traditional grip) e paralelo (matched grip). Este último é o máis común entre os percusionistas modernos.

  • Agarre tradicional: Esta suxeición provén da maneira na que o tambor levaba colgado a un ombreiro, nunha posición oblicua. Para este agarre a baqueta da man esquerda sostense encima da man coa palma cara a arriba, o cal resulta máis cómodo ao tocar co instrumento ladeado[27].
  • Agarre paralelo: Nesta posición as dúas baquetas sostéñense da mesma maneira, coa baqueta suxeitada polos dedos polgar e índice, e descansando nos demais dedos[28]. Existen tres variantes deste agarre: francés, alemán e americano[29].

Rudimentos

[editar | editar a fonte]

Os rudimentos son conxuntos de patróns básicos usados a miúdo na caixa. Estes patróns forman os bloques básicos da técnica de caixa, e poden ser combinados de moi diversas formas. Houberon moitos intentos de formalizar unha lista estándar de rudimentos para caixa e, finalmente, a Percussive Arts Society organizou unha lista cos 40 rudimentos esenciais, os cales inclúen a lista estándar de 26 rudimentos americanos[30].

Algúns dos máis importantes son:

  • Redobre (roll)
  • Mordente (flam)
  • Paradidle
  1. "Definición de caja según www.diccionarios.com". Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2008. Consultado o 10 de abril de 2008. 
  2. "Catálogo de NP Drums". Consultado o 11 de abril de 2008.  (en inglés)
  3. 3,0 3,1 3,2 Varela de Vega, Juan Bautista (1983). "Anotaciones históricas sobre la caja". Revista de folklore. Tomo 03b (33). ISSN 0211-1810, 84-87. Arquivado dende o orixinal o 22/12/2007. Consultado o 01/07/2010.  (en castelán)
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Blades, James (1992). Percussion Instruments and Their History. Westport, Connecticut : Bold Strummer Ltd. ISBN 0-933224-61-3. (en inglés)
  5. Fasla, Dalila (1996). "Atabal (a)tambor y sus derivados: estudio etimológico y perfil organográfico". Revista folklore. Tomo 16b (191). ISSN 0211-1810 , 170-174. Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2007. Consultado o 01 de xullo de 2010.  (en castelán)
  6. 6,0 6,1 Pereira, José A. "La caja". Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2008. Consultado o 10 de abril de 2008.  (en castelán)
  7. "Modelos de cajas de Pearl Drums". Arquivado dende o orixinal o 09 de abril de 2008. Consultado o 10 de abril de 2008. (en castelán)
  8. "Cajas para banda y marcha de NP drums". Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2008. Consultado o 10 de abril de 2008. (en inglés)
  9. "Drum heads". Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2008. Consultado o 10 de abril de 2008. (en inglés)
  10. Ricky Santos. "Clasificación de parches". Consultado o 10 de abril de 2008. 
  11. Luis García. "Afinando la batería". Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2008. Consultado o 28 de abril de 2008. (en castelán)
  12. 12,0 12,1 12,2 Rich Watson (Tradución por Luis Nesvara) (1994). "Modern Drummer 3". Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2008. Consultado o 10 de abril de 2008. (en castelán)
  13. "Distintos bordóns comercializados por Pearl Drums". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2007. Consultado o 11 de abril de 2008. 
  14. "THE EVOLUTION OF DRUMSTICKS" (en inglés). Consultado o 11 de abril de 2008. (en inglés)
  15. Jeff Hartsough y Derrick Logozzo (1994). "Timeline of Marching and Field Percussion: Part I". Percussive Notes 32 (4). ISSN 0553-6502, 48-52. (en inglés)
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 Craig Woodson (2005). "Roots of rhythm: extensions”Chapter 2: The snare drum from Switzerland" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (pdf) o 12 de outubro de 2008. Consultado o 10 de abril de 2008. (en inglés)
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 Jesús Ramírez. "La caja". Arquivado dende o orixinal o 31 de marzo de 2008. Consultado o 10 de abril de 2008. (en castelán)
  18. Nichols, Geoff (1997). The DrumBook: The History of the Rock Drum Kit. San Francisco: Backbeat. ISBN 0-87930-476-6. {en}}
  19. Juanma Sánchez. "Nombres de instrumentos tradicionales ibéricos". Consultado o 10 de abril de. (en castelán)
  20. Jesús Ramírez. "La batería". Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2008. Consultado o 11 de abril de 2008. (en castelán)
  21. Jeff Hartsough y Derrick Logozzo (1994). "The Timeline of Marching and Field Percussion: Part 3" (pdf). Percussive Notes 32 (6). ISSN 0553-6502, 30-32. 
  22. "Clasificación de DCI World Championships Finals 2007" (en inglés). Consultado o 28 de abril de 2008. 
  23. "Bandas de Drum Corps International" (en inglés). Consultado o 28 de abril de 2008. 
  24. Thomas P. Hannum. "Basic Snare Drum Technique" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de setembro de 2007. Consultado o 28 de abril de 2008. (en inglés)
  25. Kike Gentile Pont. "Exercicios de coordinación empregando paradiddles" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de decembro de 2008. Consultado o 28 de abril de 2008. (en castelán)
  26. 26,0 26,1 Roland V-drums. "Roland dual trigger pad PDX-8" (PDF). Consultado o 28 de abril de 2007. [Ligazón morta]
  27. Mark Wessels y Jeff Queen. "Getting off to a Great Start: Part II: The Left Hand Traditional Grip" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 31 de marzo de 2008. Consultado o 28 de abril de 2008. {es}}
  28. Mark Wessels y Jeff Queen. "Getting off to a Great Start: Learning the Grip" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2007. Consultado o 28 de abril de 2008. (en inglés)
  29. "Grips de la baqueta". Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2008. Consultado o 28 de abril de 2008. 
  30. Percussive Arts Society (1984). "Lista de 40 rudimentos confeccionada por la PAS" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de abril de 2007. Consultado o 10 de abril de 2008. (en inglés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]