Estado soberano
Un estado soberano é un estado cun territorio definido sobre o cal exerce unha soberanía interna e externa, unha poboación permanente, un goberno, independencia doutros estados e poderes, e a capacidade de establecer relacións con outros estados soberanos.[1]
O goberno dun estado soberano ostenta o título legal de todo o seu territorio. Adoita entenderse tamén que non depende nin está suxeito a calquera outro poder ou estado.[2] Aínda que conceptualmente un estado soberano pode existir sen ser recoñecido por outros estados soberanos, para os estados non recoñecidos adoitan ser difícil exercer os poderes para facer tratados e as engrenaxes das relacións diplomáticas con outros estados soberanos.
Historia
[editar | editar a fonte]Desde finais do século XIX, case toda a terra habitable está parcelada en áreas con límites máis ou menos definidos reclamados por diferentes estados. Anteriormente, existían grandes áreas que non foran reclamadas ou habitadas, ou estaban habitadas por pobos nómades que non estaban organizados coma estados. Porén, incluso nos estados actuais existen enormes áreas salvaxes, como a Amazonia, que ou non están habitadas ou o están por pobos indíxenas. Existen, ademais, estados que non controlan de facto todo o territorio reclamado (estados falidos) ou no que este control está discutido (coma en Somalia).
Na actualidade, a comunidade internacional comprende máis de 200 estados soberanos, a gran parte dos cales está representado na ONU. Estes estados forman o que os teóricos das relacións internacionais chaman sistema, onde cada estado ten en conta o comportamento dos outros estados para tomar as súas decisións. Desde este punto de vista, os estados intégranse nun sistema internacional para abordar a seguridade interior e exterior e os conflitos de lexitimidade. Recentemente, desenvolveuse a noción de comunidade internacional para referirse ao grupo de estados que estableceron regras, procedementos e institucións para dirixir as súas relacións.
Ortografía
[editar | editar a fonte]Cando nos referimos a un estado concreto (ou implícito) escríbese con maiúscula, por exemplo O Estado cobre os gastos da seguridade social ou cando é parte do nome, por exemplo Estados Unidos do Brasil, pero non é necesario se é unha referencia xenérica, por exemplo O Brasil está constituído por vinte e tres estados.[3] A mesma norma aplica para a ortografía do acordo ortográfico do portugués[4] e para o castelán[5].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Malcolm Nathan Shaw (2003), International law, Cambridge University Pres, páxina 178, O artigo 1 da Convención de Montevideo de 1933 sobre dereitos e deberes dos estados, establece a formulación máis amplamente aceptada dos criterios sobre o que é un estado na lei internacional. Afirma que un estado coma persoa internacional debería posuír as seguintes calidades: '(a) unha poboación permanente; (b) un territorio definido; (c) goberno; e (d) capacidade para establecer relacións con outros estados'
Nandasiri Jasentuliyana (1995), Perspectives on international law, Kluwer Law International, páxina 20, No tocante aos estados, as definicións tradicionais proporcionadas pola Convención de Montevideo seguen a ser xeralmente aceptadas. - ↑ Henry Wheaton (1836). Elements of international law: with a sketch of the history of the science. Carey, Lea & Blanchard. pp. 51.
Un estado soberano defínese xeralmente coma unha persoa ou nación, sexa cal sexa a súa forma de constitución interna, que se goberna independentemente de poderes estranxeiros.
- ↑ "Dicionario - Estado". Real Academia Galega. Consultado o 2022-05-27.
- ↑ "Estado ou estado: é com letra maiúscula?". Dicio (en portugués). Consultado o 2022-05-27.
- ↑ "«estado», uso de mayúsculas y minúsculas". www.fundeu.es RAE (en castelán). 2011-02-04. Consultado o 2022-05-27.