Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Ostrogodos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Extensión máxima do Reino Ostrogodo.

Cara ao 370, a partir das invasións dos hunos, os godos dividíronse en dúas pólas separadas. Os ostrogodos constituíron un vasto reino ao leste do río Dnister, nas terras ao redor do mar Negro (o que hoxe é parte da actual Ucraína e Belarús). Os visigodos foron os godos do occidente, cuxo dominio territorial se estendía desde o Dniéster ata o Danubio.

Os ostrogodos estiveron sometidos aos hunos desde o 375 ata a morte de Atila, ocorrida en 453, cando recobraron a súa independencia e se estableceron como un pobo federado de Roma. Posteriormente uníronselles outros godos que fuxiran das súas terras á chegada dos hunos. No 474 foi elixido rei Teodorico, o máis coñecido dos monarcas ostrogodos. Houbo varios períodos de guerras e treguas entre el e o emperador bizantino Zenón. En 488 Teodorico invadiu Italia e en 493 derrotou e deu morte no río Adda a Odoacro, rei dos hérulos.

Trala súa morte no 526, a situación volveuse tan violenta que no 535 o emperador bizantino Xustiniano I enviou ao seu xeneral Belisario en contra dos exércitos ostrogodos en Italia. A superioridade do exército bizantino foi a clave para o exterminio e o esmagamento da resistencia ostrogoda.

Este pobo foi finalmente asimilado en forma gradual por outras tribos xermánicas tales como os vándalos e os francos.

Hipóteses etimolóxicas

[editar | editar a fonte]

O significado do nome ostrogodo está suxeito a controversias. Os godos formaron unha tribo unida ata o século III, momento no que se escindiron en dúas pólas: os ostrogodos e os visigodos.

Un historiador de orixe gótica, Xordanes, propuxo unha explicación de tipo xeográfico a esta terminoloxía da división. Este, autor de De origine actibusque Getarum ou Getica (en galego, A orixe e as fazañas dos Godos), é hoxe en día unha das poucas fontes dispoñíbeis da prehistoria do seu pobo, na medida que resumiu un texto máis extenso de Casiodoro que se perdeu.

Segundo Xordanes (XIV,2), a terminoloxía refírese á rexión onde habitaban os godos, xa que os visigodos eran os godos do "país do oeste" e os ostrogodos eran os "godos do leste". Con todo, no caso destes, Xordanes inclúe outra posibilidade, esta vez de tipo etimolóxico. O nome ostrogodos podería provir igualmente do nome do seu primeiro rei: Ostrogotha.

Agora ben, coñécese a existencia anterior doutros nomes para designar unha división xeográfica dos godos: os tervingi, é dicir a "xente do bosque", e os greutingi, a "xente do areal".

E ademais, a explicación xeográfica da orixe dos nomes ostrogodo e visigodo proporcionada por Xordanes foi cuestionada e buscouse unha explicación de tipo etimolóxico que ademais explicase unha diferenza anterior ao século III. Neste caso, ostrogodos significaría "godos brillantes" (da raíz xermánica ostr-) e visigodos, "godos sabios" (da raíz wise-).

O debate non está resolto, a falta de probas concluíntes. A elección dos historiadores entre unha ou outra hipótese depende da confianza que outorgan ao testemuño de Xordanes.

Orixes dos Ostrogodos

[editar | editar a fonte]

A súa historia escrita iníciase coa independencia do Imperio Huno, logo da morte de Atila. Aliándose cos seus antigos vasalos e rivais, os xépidos, os ostrogodos, dirixidos por Teodomiro logran vencer ás forzas hunas comandadas polos fillos de Atila na batalla de Nedao en 454.

Os ostrogodos inician a súa relación co Imperio e instálanse en Panonia.

Durante a maior parte da segunda metade do século V, os ostrogodos cumprirán no sueste de Europa o papel que xogaron os visigodos un século antes. A súa relación co Imperio Romano de Occidente estivo marcada por achegamentos e afastamentos que chegaron mesmo ás hostilidades. Todo isto durou ata que como antes os visigodos, mudáronse de Oriente a Occidente.

O reino de Teodorico o Grande

[editar | editar a fonte]

O máis grande de todos os soberanos ostrogodos Teodorico o Grande, naceu cara ao ano 455, pouco logo da batalla de Nedao.

A súa infancia transcorre como «hóspede» forzado en Constantinopla, recibindo alí unha educación moi completa.

Participa en varios conflitos, intrigas e guerras no Imperio bizantino, tendo como rival a un parente afastado, fillo de Triario, coñecido como Teodorico o vesgo. Teodorico o vesgo foi o xefe (non o rei) da póla de ostrogodos que se instalaron nos territorios do Imperio uns anos antes.

Teodorico o Grande, foi tanto amigo como inimigo do Imperio, segundo as circunstancias. Obtivo varios títulos romanos como o de patricio e o de cónsul; pero por encima de todo seguía sendo o rei do pobo ostrogodo.

En 488 conquista a península de Italia por orde do emperador de oriente Zenón I, con vistas a sacalo das proximidades de Constantinopla onde as súas tropas xa mostraran a súa forza. Na península, gobernaba Odoacro, quen antes destronara ao último emperador romano de occidente, Rómulo Augústulo en 476.

En 493, Teodorico conquistou Rávena, lugar onde morreu Odoacro nas mans de Teodorico en persoa. O poderío dos ostrogodos estaba nese momento na súa cima en Italia, Sicilia, Dalmacia e nas terras ao norte de Italia. Ao momento desta reconquista, os ostrogodos e os visigodos comezaron a colaborar e esa colaboración estreitouse co tempo facendo de ostrogodos e visigodos unha soa nación.

O poder de Teodorico estendeuse sobre gran parte de Galia e Hispania ao converterse en rexente do reino visigodo de Tolosa.

Coa morte do rei visigodo Alarico II, xenro de Teodorico, na batalla de Vouillé contra os francos de Clodoveo, o rei ostrogodo asume a titoría do seu neto Amalarico e resérvase o dominio sobre a totalidade de Hispania e sobre unha parte de Galia.

Tolosa pasa a mans dos francos, pero os godos dominan Narbona e a Septimania: esta rexión foi a última parte de Galia onde aínda os godos dominaron e durante moitos anos ela foi coñecida como Gotia.

Durante a vida de Teodorico, os pobos godo e visigodo mantivéronse unidos. Tamén estableceu nesa época unha especie de protectorado con respecto aos pobos xermánicos de occidente, exceptuando os francos.

Características do reino de Teodorico

[editar | editar a fonte]

O dominio dos ostrogodos era por aquel entón tan grande e moito máis espléndido do que o foi en tempos de Hermanarico; pero foi sobre todo dun carácter completamente diferente.

As dúas nacións, que se diferenciaban nos seus costumes, lingua e relixión, habitaban unha á beira da outra na terra de Italia. Cada unha era dirixida por un soberano único pero baixo o réxime de personería das leis.

É sobre todo esta imaxe do reinado de Teodorico a que xorde a partir de ordenanzas elaboradas no seu nome e no dos seus sucesores; en síntese, os godos permaneceron concentrados no norte de Italia. No sur, apenas se conformaron guarnicións.

Segundo a concepción de Teodorico, os godos eran os protectores armados dos apracibles romanos; o rei godo cargaba coa difícil tarefa de gobernar mentres que o cónsul romano recibía os honores por iso. Así mesmo, todas as formas da administración romana subsistiron baixo o reinado de Teodorico. A política e a cultura romanas tiveron tamén unha grande influencia sobre os godos. É alí onde a dobre cultura do rei bárbaro desempeña un papel fundamental.

É de recalcar que a soberanía sobre outras nacións, distintas pero establecidas sobre o mesmo chan, era necesariamente unha concepción romana do poder, que deixaba as súas obrigacións pesando gravosamente sobre a liberdade das tropas xermánicas. Pero tal sistema tiña necesidade dun poder forte, exercido por unha personalidade como a de Teodorico; á súa morte, o edificio derrubouse.

En 526, ostrogodos e visigodos escindíronse unha vez máis. Algúns exemplos nos cales aínda se ve que proceden de acordo refírense a asuntos espazados e sen importancia real. Amalarico herdou o reino visigodo en Hispania e en Septimania. Agregouse a Provenza ao dominio do novo rei ostrogodo, Atalarico, neto de Teodorico por parte da súa nai Amalasunta.

Ningún dos dous soberanos puido liquidar os conflitos que sobreviñeron no seo das elites godas. Teodacio, primo de Amalasunta e sobriño de Teodorico por parte da irmá deste último, sucedeuno logo de os asasinar cruelmente. Porén, esta usurpación desencadearía maiores matanzas aínda. Tres reis godos sucedéronse no trono no espazo de cinco anos.

A reconquista de Italia polos bizantinos

[editar | editar a fonte]

A debilidade da posición dos ostrogodos en Italia mostrouse entón con toda evidencia. O emperador bizantino Xustiniano sempre se esforzou, na medida do posíbel, por restaurar o poder imperial sobre a totalidade da extensión do Mediterráneo; non deixou escapar esta ocasión para actuar.

En 535, encargou ao seu mellor xeneral e amigo e amante, Belisario, atacar os ostrogodos. Este invadiu Sicilia rapidamente e desembarcou en Italia, onde tomou Nápoles, e logo Roma en 536. Logo marchou cara ao norte e tomou Mediolanum (Milán) e Rávena, a capital dos ostrogodos, en 540.

É entón cando Xustiniano ofreceu aos godos un xeneroso acordo -algo demasiado xeneroso a ollos de Belisario-: o dereito a manteren un reino independente no noroeste de Italia, pero a condición de que o compensasen cun tributo consistente na metade do seu tesouro para o Imperio.

Belisario transmitiu a mensaxe aos godos, máis aló de que el mesmo non o aprobase. Os godos, que non confiaban en Xustiniano, temían unha emboscada, pero, dado que, na súa opinión, Belisario se comportou tan ben trala reconquista de Italia, aceptaron recoñecer este acordo se Belisario daba a súa aprobación. Esta situación conduciu a un impasse.

Unha facción da nobreza goda cedeu: decretando que o seu propio rei, Vitixes, que acababa de ser vencido, era un covarde, e que necesitaban un novo soberano, volvéronse cara a Belisario. Erarico, o seu xefe, ofreceu a coroa a este último. Belisario era un soldado fiel a Xustiniano e non un home de Estado. Fixo como que aceptaba o ofrecemento, volveu os seus pasos cara a Rávena para facerse coroar, pero rapidamente fixo deter aos xefes godos. Acto seguido, reclamou a totalidade do seu reino para Bizancio.

Xustiniano estaba furioso: os persas atacaran o Imperio de Oriente no leste, e el desexaba que un Estado neutro e estábel servise de tope entre a fronteira das súas posesións occidentais e o reino dos francos. En efecto, estes últimos eran estraños e parecían hostís en opinión da corte oriental.

Belisario foi entón convocado e enviado a Oriente contra os persas. Deixou a un oficial bizantino, chamado Xoán, como gobernador temporal de Italia.

En 545, cando por fin puido regresar a Italia, atopouse cunha situación considerabelmente cambiada: Erarico fora asasinado e a facción pro-romana da elite goda, derribada.

En 541, os ostrogodos elixiron como novo xefe a Tótila; este godo "nacionalista", brillante xeneral, recuperara toda a Italia do Norte e expulsara aos bizantinos fóra de Roma.

Belisario entón volveu tomar a ofensiva: enganou a Tótila para retomar Roma, pero perdeu de novo a cidade logo de que Xustiniano, celoso e medorento do seu poder, lle cortou o aprovisionamento e os reforzos. O xeneral, avellentado, viuse entón obrigado a asegurar a defensa polos seus propios medios.

En 548, Xustiniano substituíuno polo xeneral eunuco Narsés, en quen tiña maior confianza. Narsés non decepcionou a Xustiniano.

Tótila foi salvaxemente asasinado logo da batalla de Taginae (Gualdo Tadino) en xullo de 552, e os seus partidarios Teias ou Teias (Theias), Alixerno, Escipuarno e Xibal foron mortos ou se renderon logo da batalla de Mons Lactarius en outubro de 552 ó 553.

Widhin, o último xefe de que temos testemuño da armada gótica rebelouse a finais da década 550560 cunha axuda militar mínima de francos e alamáns. A sublevación non tivo consecuencias: os ostrogodos subleváronse en Verona e en Brescia, pero a revolta terminou coa captura do seu xefe, en 561. Finalmente, Widhin foi conducido para ser executado alí en 561 ou 562. Unha minoría, submisa aos bizantinos e convertida ao cristianismo, sobreviviu en Rávena.

A herdanza dos godos en Europa Occidental

[editar | editar a fonte]

Logo desta última derrota, a denominación de ostrogodos caeu no esquecemento. A nación practicamente disolveuse logo da morte de Teodorico. A posibilidade de formar en Italia un Estado reunindo elementos romanos e xermánicos, como os que xurdiron posteriormente en Galia, en Hispania e logo nas rexións de Italia baixo a soberanía dos longobardos, foi así mesmo perdida.

En consecuencia, o lugar ocupado polos godos na memoria española difire daquel que ocupan na memoria italiana: en Italia, os godos non foron senón un invasor temporal, pronto suplantados polos longobardos, mentres que en Hispania souberon constituír un elemento importante da zona na alta Idade Media.

Produción artística ostrogoda

[editar | editar a fonte]

Tanto Teodorico como Amalasunta restauraron un gran número de obras romanas tales como acuedutos, vías, calzadas, anfiteatros: de feito, moitas das obras romanas que puideron chegar ata nós en bo estado foi grazas ás restauracións que no seu día fixeron estes reis ostrogodos.

En calquera caso, non deixan de ser restauracións, con todo, obras godas propiamente ditas fan dúas:

Palacio de Teodorico

[editar | editar a fonte]

Teodorico o que fixo foi imitar o tipo de palacio cidadán romano (dos do interior da cidade).

Este palacio foi moi reformado en épocas posteriores, como na bizantina, polo que a súa aparencia cambiou desde a súa creación, aínda así conserva a estrutura orixinal.

Trátase dun palacio de dous pisos cun inferior dedicado á administración do palacio etc. e outro piso superior con grandes ventás que comunicaban con grandes salóns para festas e no centro das arcadas había unha gran balconada desde onde o soberano se asomaba.

Mausoleo de Teodorico e Amalasunta

[editar | editar a fonte]

A propia aparencia é de aspecto paleocristián romano, pois parece ter planta centralizada con cúpula, con todo ten elementos ostrogodos tamén, como o uso do material: a pedra coa que se fan eses grosos muros a base de perpiaños de pedra tallados. Non está feito en ladrillo nin pedra, pois Teodorico o que pretende é que o edificio dure, para iso usa o material máis duro do momento, a pedra. Pretende que o edificio sexa tan forte que mesmo a cúpula está feita dunha soa peza de pedra tallada (-Barbarismo ostrogodo-).

O Mausoleo de Teodorico en Rávena

O erro de Teodorico é que non se fixo un estudo previo de terreo nin se fixo unha boa cimentaxe, e polo gran peso do edificio, este afúndese.

Poderiamos ver neste edificio o antecedente do futuro románico: forte, groso, incombustíbel.

Ten dous andares: o primeiro decagonal e arquitrabado. O segundo é circular coa cúpula encima, cúpula que só cobre este segundo piso, polo que a planta non é centralizada.

O único adorno exterior é o friso baixo a gran cúpula monolítica formado a base de -pinzas ostrogodas-, que debía ser algo típico ostrogodo. Estas pinzas representaban aos soldados ostrogodos, un tras outro sen fin, simbolizando o enorme tamaño do exército ostrogodo, que realmente non era nin moito menos tan grande. Hoxe non se conservan nin a tumba de Teodorico nin a de Amalasunta. O que si hai na segunda planta é unha bañeira romana baixo a cúpula que se achou polos arredores e colocouse alí.

Cronoloxía

[editar | editar a fonte]
  • 242: Desmembramento do mundo romano; o Bósforo Cimeriano (actual Crimea) cae baixo a dominación dos ostrogodos instalados en Ucraína.
  • 257: Os godos sepáranse en ostrogodos e visigodos.
  • 271: No que constitúe a primeira retirada importante desde os comezos do Imperio, os Romanos abandonan a Dacia a mans dos ostrogodos.
  • 371: O Imperio dos ostrogodos está en mans dos hunos.
  • 375: Forte presión dos hunos, que destrúen o reino ostrogodo en Rusia do Sur.
  • 425: Os vándalos, os ostrogodos e os visigodos instálanse nas antigas provincias romanas.
  • 456: Os ostrogodos establécense no Danubio inferior.
  • 493: Teodorico o Grande, xefe dos ostrogodos, é agora rei de Italia.
  • 508: Comezo dunha campaña dos ostrogodos baixo o mando de Teodorico o Grande en dirección á Galia meridional (que termina en 511).
  • 526: Atalarico sucede a Teodorico o Grande como rei dos ostrogodos.
  • 526: Teodorico o Grande, rei dos ostrogodos e de Italia, morre de disentería.
  • 534: Falecemento, o 2 de outubro, de Atalarico, rei dos ostrogodos.
  • 535: Teodato, novo rei dos ostrogodos, esganou á súa muller, a raíña Amalasunta, filla do rei Teodorico o Grande.
  • 536: Os ostrogodos depoñen ao seu pasivo rei, Teodato, e elixen a Vitixes, un xeneral, para que o substitúa.
  • 536: Os ostrogodos ceden a Provenza aos francos.
  • 537: Tras asegurarse as costas concedendo a Provenza, en mans dos ostrogodos desde 508, aos francos, Vitixes diríxese a Roma e sométea a cerco.
  • 539: Milán, a cidade máis importante de Italia logo de Roma, é gañada novamente polos ostrogodos e destruída. Os homes son executados e as mulleres vendidas como escravas.
  • 540: Vitixes, rei dos ostrogodos, é capturado por Belisario, quen se apodera de Rávena.
  • 543: Os ostrogodos levan a cabo unha reforma agraria que beneficia aos campesiños italianos.
  • 543: Tótila, novo rei dos ostrogodos, penétrase en Italia e toma Nápoles logo de cercalas; Belisario regresa a Italia.
  • 546: Tótila, rei dos ostrogodos, toma Roma logo de cercala durante un ano.
  • 552: Narsés derrota e mata a Tótila, rei dos ostrogodos, na batalla de Busta Gallorum.
  • 553: O xeneral bizantino Narsés derrota a Teias, sucesor de Tótila como rei dos ostrogodos, no monte Lactarius.
  • 554: O emperador bizantino Xustiniano lanza un programa de reorganización da administración de Italia logo do caos de 20 anos de guerra contra os ostrogodos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]