Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Palinoloxía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gran de pole visto ao microscopio

A palinoloxía é unha disciplina da botánica dedicada ao estudo do pole e, en sentido amplo, tamén das esporas.[1]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A palabra palinoloxía está formada pola unión dos elementos palino- e -loxía, e é a adaptación do termo do latín científico palynologia. O elemento palino- está tirado do verbo do grego antigo παλύνω palýnō, "espallar". O grego πάλη pálē é o pollen (pole) dos latinos, a flor da fariña, tenuísimo po que se espalla por todas partes, que se compara coao constituído polas micrósporas das plantas superiores.[1] O segundo elemento, -loxía, ben coñecido porque aparece en numerosos termos científicos, deriva do grego antigo -λογία -logía, que vén de λόγος lógos, e este á súa vez do verbo λέγω légō, no sentido de "narrar", "referir", "tratar de"; polo que -loxía adoita entenderse como "tratado".[2]

O termo palinoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo palinoloxía foi introducido o 15 de xullo de 1944 polos botánicos H. A. Hyde (galés) e D. A. Williams (inglés), que estudaron o "plancto" aéreo, po transportado polos ventos.[3] Tras diversas achegas, na publicación especializada neste campo Pollen Analysis Circular, os científicos Ernst Antevs,[4] Paul Sears,[5] A. Orville Dahl,[6] e L. R. Wilson,[7] que buscaban un nome para a "ciencia da análise do pole", os dous botánicos británicos crearon o termo segundo a etimoloxía citada.

Orixes antigas

[editar | editar a fonte]

Historicamente os poles emitidos por certas coníferas como os piñeiros (Pinus spp.) ou os abetos (Abies spp.), ou incluso por certas frondosas (por exemplo carballos, Quercus spp.), forman unha nube de po que deixaba un depósito máis ou menos amarelo. No momento da súa emisión, certas fragas e bosques literalmente "fuman" ao máis mínimo sopro de vento. Os antigos romanos ou os campesiños, non entendendo a orixe deste "po", chamárono "nube de xofre" ou "chuvia de xofre",[8] que atribuíron a unha intervención diabólica.[9]

Charles Harrison Blackley, un médico inglés de Manchester, foi o pioneiro do que agora se chama aeropalinoloxía. Sufrindo de febre do feno, investigou a causa e sospeitou do pole. De 1870 a 1873, colocou placas de vidro recubertas con glicerina, nun papaventos, e así captou o pole cuxa diseminación polo vento é a causa da súa rinite alérxica.[10]

Orixes modernas

[editar | editar a fonte]

Durante a década de 1940, a palinoloxía estaba ocupada só no estudo das esporas e dos grans de pole, incluídos os procedentes de carbóns e sedimentos minerais. Posteriormente, o campo de investigación da palinoloxía estendeuse a outros elementos fosilizados consistentes nunha parede orgánica e que resisten os procesos de extracción empregando ácidos como o ácido fluorhídrico, o ácido nítrico, etc. Estes microfósiles con parede orgánica, tamén chamados palinomorfos, poden ser de orixe continental, como criptósporas, esporas, grans de pole, algas de auga doce, pero tamén de orixe mariña como acritarcos, quitinozoos, dinoflaxelados e outros.

Métodos de estudo e obxectivos

[editar | editar a fonte]

A palinoloxía céntrase fundamentalmente na análise da súa morfoloxía externa que presenta patróns estruturais diferentes a teor das variacióes na exina, que é a parede externa dos grans de pole.

O estudo e a análise microscópica da súa simetría, aberturas nas paredes, contorno, forma, tamaño, etc. ten un valor taxonómico e permite distinguir taxons diferentes a distintos niveis (familia, xéneros, especies).

Paleopalinoloxía

[editar | editar a fonte]
Grans de pole de diversas especies

É no estudo paleontolóxico onde alcanza a súa máxima versatilidade, pois o pole ten gran resistencia á putrefacción debido ás características químicas da exina. Esta área de investigación denomínase paleopalinoloxía.

A paleopalinoloxía baséase na capacidade do pole e as esporas (tamén denominados palinomorfos) para seren fosilizados. Os palinomorfos poden ser transportados polo vento, ou a través doutros vectores como os animais, e depositados sobre diferentes materiais. Estes microfósiles sedimentados ao longo do tempo experimentan procesos de fosilización da súa exina de maneira que se pode extraer, datar e identificar o pole dun determinado material e deducir así como era a vexetación no pasado.

Este feito ten importancia biolóxica en si mesmo dado que diso se poden deducir multitude de parámetros como a evolución vexetal, extincións de especies vexetais e todos aqueles aspectos relacionados coa bioxeografía histórica das plantas (xeobotánica ou fitoxeografía). Ademais pódense inferir outras características da paisaxe que, en conxunción con outras disciplinas (arqueozooloxía, paleoantropoloxía, paleobotánica) permite a reconstrución de ambientes fósiles en distintos planos.

De feito a paleoclimatoloxía emprega a paleopalinoloxía como ferramenta frecuentemente. Este uso débese a que as especies vexetais manteñen óptimos ambientais baixo distintas circunstancias climáticas. Unha simplificación do mecanismo indutivo que se emprega para a reconstrución climática é o seguinte: se unha especie que hoxe é típica de ambientes fríos e húmidos áchase depositada en materiais dunha determinada época do pasado podemos inferir que o clima durante ese período era frío e húmido. Por suposto o proceso de interpretación da ecoloxía de ambientes pasados non é tan simple, e débense considerar numerosos aspectos como a interacción entre as diferentes especies dentro dunha comunidade vexetal, a amplitude ecolóxica dos taxons, etc.

Algunhas das fontes de pole fósil máis frecuentes, especialmente en latitudes medias do planeta, son as turbeiras, ambientes lacustres ou zonas húmidas. A conservación do pole pasa por manter condicións de anoxia (ausencia de oxíxeno) de maneira constante, de modo que a preservación óptima do pole dase en ambientes pouco expostos á erosión e oxixenación. Por iso, as turbeiras e demais espazos lacustres móstranse especialmente útiles neste aspecto. Por outra parte, neste tipo de concas de depósito o material sedimentado faino de maneira secuencial, de modo que se poden extraer sondaxes coherentes no tempo, nos que a base sexa máis antiga que a zona superior. Se se realizan análises polínicos de mostras consecuentes nunha sondaxe destas características, e ademais se realizan datacións absolutas, pódense obter curvas de cambio vexetal ao longo dun período concreto e por tanto secuencias de cambio climático ao longo de dito período.

A paleopalinoloxía converteuse nunha disciplina que serve de grande apoio a outras áreas de estudo paleontolóxicas para a dedución de resultados paleoambientais. Úsase tamén en arqueoloxía.

  1. 1,0 1,1 Font Quer, P. (1993): Diccionario de botánica. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-335-0078-3, p. 791.
  2. Font Quer, op. cit., p. 673.
  3. Leonard C. Bruno & Donna Olendorf (1997): Science and technology firsts. Gale Research, p. 115.
  4. E. Antevs (1944): "The Right Word", Pollen Analysis Circular 6 (2).
  5. P. B. Sears (1944): "The Right Word", Pollen Analysis Circular, 6 (3).
  6. A. O. Dahl (1944): "The Right Word", Pollen Analysis Circular 7 (1).
  7. L. R. Wilson (1944): "The Right Word", Pollen Analysis Circular 7 (2).
  8. Este po de pole forma un veo amarelo na superficie das charcas. En caso de chuvia fina en tempo tranquilo, as pingas deixan tamén un depósito de po na beira das mámoas e arredor das charcas, onde a auga, baixando de nivel, deixa aparecer unha masa de pole nos bordes ou auréolas. Este veo foi chamado flor do xofre. Véxase Aline Raynal-Roques (1994): La botanique redécouverte, Editions Quæ, p. 321.
  9. Georges Métailié; Antoine Da Lage (2015). CNRS Editions, ed. Dictionnaire de biogéographie végétale (NE): Nouvelle édition encyclopédique et critique. p. 678. 
  10. Claude Molina (1997). John Libbey Eurotext, ed. L'allergie à l'aube du troisième millénaire. p. 10. .

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bignot, G. (1988[1982]): Los microfósiles. Madrid: Editorial Paraninfo, S. A. ISBN 84-283-1595-7.
  • Jansonius, J. & McGregor, D. C. (1996): Palynology: principes and applications. Salt Lake City, Utah: American Association of Stratigraphic Palynologists, 1287 p.
  • Moore, P. D.; Webb, J. A. & Collinson, M. E. (1991): Pollen Analysis, 2ª ed. Oxford: Blackwell Scientific Publications. ISBN 0-632-02176-4.
  • Sémah A.-M. & J. Renault-miskovsky(2004): L'évolution de la végétation depuis deux millions d'années. París: Éditions Errance, ISBN 978-2-8777-2278-0, 318 p.
  • Traverse, A. (1988): Paleopalynology. Boston: Unwin Hyman Ltd. ISBN 0-04-561001-0.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]