Xogo
Un xogo é unha actividade recreativa que envolve un ou máis xogadores. Caracterízase por ter un obxectivo que os xogadores tratan de acadar e por un conxunto de regras que din o que os xogadores poden ou non poden facer. A función principal dun xogo é a de entreter e divertir, pero pode tamén representar un papel educativo.
Aínda que moitos animais xogan, só os seres humanos teñen xogos propiamente ditos. Que algúns animais son o bastante intelixentes como para poder xogar ó estilo dos humanos é motivo de discusión, xa que un xogo ten elementos ritualistas (tales como regras e procedementos) que actúan sobre, máis ben que como resultado do instinto. A existencia das regras e dos criterios que deciden o resultado dos xogos implica que os xogos requiren intelixencia nun grao significativo de sofisticación.