A Nosa Terra (1916)
A Nosa Terra foi o voceiro das Irmandades da Fala (1916-1932) e do Partido Galeguista (1932-1936). Editouse integramente en galego e foi fundamental para o espallamento do ideal galeguista, así como para o achegamento a outras nacións[1]. Publicáronse en total 422 números.
Periodicidade
[editar | editar a fonte]A Nosa Terra tivo unha periodicidade moi variábel. Comezou publicándose decenalmente para pasar a saír quincenalmente até a Ditadura de Primo de Rivera, na que saíu mensualmente. En xuño de 1933 regresou á periodicidade decenal.
Historia
[editar | editar a fonte]O primeiro número saíu o 14 de novembro de 1916 na Coruña e contaba con oito páxinas. Na súa etapa coruñesa, a redacción e administración desta publicación estaba no despacho que tiña no Cantón Grande o avogado e escritor Xosé Iglesias Roura[2], que foi o seu primeiro director.[3] Antón Villar Ponte foi o seguinte director até a IV Asemblea das Irmandades da Fala (1922). A partir de entón Víctor Casas será quen leve o peso real da dirección, aínda que nominalmente foron directores Leandro Carré Alvarellos, Salvador Mosteiro Pena, Alexandre Bóveda, Aquilino Iglesia Alvariño en 1933 ou Ramón Suárez Picallo en 1934. O 1 de febreiro de 1932, pouco despois do nacemento do Partido Galeguista, converteuse no seu voceiro oficial e a redacción trasladouse a Pontevedra. En xuño de 1933 deixouse de publicar durante algún tempo por dificultades financeiras.
En 1917 contaba con 2 000 subscritores, en 1931 con 500 e en 1935 con 1 000, aínda que se descoñece a tiraxe exacta. Os recursos económicos da publicación proviñan das subscricións, da publicidade, das doazóns dos galegos de América e das Irmandades da Fala primeiro e o Partido Galeguista despois.
O 17 de xullo de 1936 saíu o seu derradeiro número.
Colaboradores
[editar | editar a fonte]N'A Nosa Terra colaboraron case todos os intelectuais galeguistas do primeiro terzo do século XX:
- Manuel Lugrís Freire
- Roberto Blanco Torres
- Ramón Cabanillas
- Luís Amado Carballo
- Ricardo Carballo Calero
- Leandro Carré Alvarellos
- Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
- Evaristo Correa Calderón
- Xosé Filgueira Valverde
- Gonzalo López Abente
- Antón Losada Diéguez
- Manuel Antonio
- Xaime Quintanilla Martínez
- Lois Peña Novo
- Luís Porteiro Garea
- Aurelio Ribalta
- Vicente Risco
- Xoán Vicente Viqueira
- Ramón Suárez Picallo
- Juan Antonio Suárez Picallo
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ McKevitt, Kerry Ann. “Os nosos irmáns: intercambios literarios entre a Xeración Nós e as Irmandades da Fala coas literaturas peninsulares (1918-1936)”. Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. "Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da Península". Barcelona. 28 ó 31 de maio de 2003. Ed. de Helena González e M. Xesús Lama. Sada: Ediciós do Castro / Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) / Filoloxía Galega (Universidade de Barcelona), 2007. ISBN 978-84-8485-266-7.
- ↑ Casas Rey, Víctor (1935). "Historia sintética do boletín A NOSA TERRA" (PDF). Nós (139-144): páx. 183–185. Consultado o 7 de outubro de 2010.
- ↑ González Beramendi, Justo (1996). O nacionalismo galego. Vigo: Edicións A Nosa Terra, páxina 97.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: A Nosa Terra |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: A Nosa Terra (1916) |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Nosa Terra, A". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Ledo Andión, Margarita (2005). "Nosa Terra, A". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1997). Diccionario da literatura galega. Publicacións Periódicas II. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-137-X.