A cabra na cultura popular galega
Aparencia
- Artigo principal: cabra.
O que segue recolle unicamente información diversa sobre a pegada da cabra na cultura popular galega, así como a súa presenza na literatura oral. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos —xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto—, dicionarios, refraneiros, cantigueiros, etc.
Locucións
[editar | editar a fonte]- Coma a cabra e o coitelo (andar, estar, levarse): levarse moi mal dúas persoas, convivir moi mal.[1]
Refraneiro
[editar | editar a fonte]- A filla da cabra, ¿qué ha de ser senón cabrita?.[2]
- A muller e a cabra é mala sendo fraca.[3]
- A muller e a cabra, a pata crebada.[3]
- Á muller e á cabra, corda larga.[3]
- A muller é antoxadiza, e a cabra é espantadiza.[3]
- A muller na igrexa, santa, e na rua, cabra.[3]
- A ovella louzana pidelle lan á cabra.
- Cabra coxa non ten sesta e, se a ten, mal lle presta.[1]
- Cabras crían trampas e carneiros crían diñeiros.[4]
- Cabrito de mes, porco de tres, muller de dezaoito e home de vinte e tres.
- En abril, cátanos no cubil; en maio, xa son bo galo; en san Xoán xa lle dou a carreira ó can; en santa Mariña xa vou pola cabritiña; en agosto xa vou co meu pai polo rostro; en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.[5]
- En abril está a loba no cubil, en maio sae co pai ó lado, en san Xoán atrévese co can, en Santa Mariña xa colle a cabritiña, en agosto sae co pai ó rostro.
- Febreiro, cabriteiro.[6]
- Inda non pariu a cabra e xa o cabrito, mama.[7]
- Leite de cabra e leite de burra danse camiño da sepultura.
- Ó ano torto, horto; ó torto torto, cabra e horto; e ó torto retorto, cabra, horto e porco.[8]
- O cabrito cómeo dun mes, i o año de tres.
- O fillo da cabra, ou cabirto ou castrón.[2]
- O que rico quer ser, catro cousas ha de ter: cabras, ovellas, abellas e muíño onde moer.
- O que rico quer ser, istas cousas ha de ter: cabras, ovellas, abellas e muíño onde moer.
- Ovella cornuda e cabra con landras, en poucas cortellas paran.[9]
- Ovella cornuda e cabra con landras, en poucos cortellos paran.
- Queixo de ovella, leite de cabra e manteca de vaca.
- Vai a cabra pola viña, tal é a mai como a filla.[4]
- Vello xa é Pedro pra ser cabreiro.[10]
- Xaneiro alleiro e febreiro cabriteiro.
- Xaneiro añeiro, e febreiro cabriteiro.[11]
Cantigueiro
[editar | editar a fonte]- Ano novo con ben veñas,/ como o sol entre as estrelas,/ os cabritos coas cabras/ e os años coas ovellas.[12]
- Beila quedo, beila quedo,/ non me rompas os zapatos/ que anque son de cordobán/ costároncheme os cartos.[13]
- Cálate, boca de troita,/ pelo de cabra tiñosa,/ ollos de pita sarnenta/ i hastra por non ter, es coxa.[14]
- Cambados, porto de cabras,/ e Fefiñáns de cabritos,/ Santo Tomé de cabróns,/ mira que tres lugaritos.[15]
- Cantiguiña que dixeches/ inda lle faltan palabras;/ teño unha cabra no monte,/ vaille conta-las cagadas.[16]
- En Queguas canta o cuco,/ en Vilar a cabra vella,/ en Véncias cantan os anxos/ que é a flor da nosa terra.[17]
- Na miña vida tal vin/ unha cabra cunha roca/ e un castrón cun violín.[18]
- O marrau de tres somanas,/ o cabirtiño dun mes,/ a meniña de quince anos,/ o galán de vintetrés.[19]
- Se vírades o que eu vin/ fuxírades como eu fixín:/ unha cabra cunha roca/ i un castrón cun violín.[20]
- Vinde, rapazas/ e mociños todos,/ vinde ve-lo dote/ que me deu meu sogro:/ unha cabra vella/ i un cabirto coxo,/ unha manta vella/ cun remendo roxo.[21]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Miguel Rubinos Conde 2013.
- ↑ 2,0 2,1 Eladio Rodríguez González, s. v. fillo.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
- ↑ 4,0 4,1 VV.AA. (!974): Gran Enciclopedia Galega. Tomo IV. Santiago / Gijón: Silverio Cañada. ISBN 84-7286-039-6.
- ↑ Son as fases da vida do lobo.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. febreiro.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. parir.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. ano.
- ↑ As landras a que se refire a cantiga son, neste caso, os ganglios linfáticos do pescozo avultados por algunha enfermidade crónica.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. Pedro.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. xaneiro.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega III, s. v. año.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 163.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 54. No orixinal: és.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 170.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 59. No orixinal: contalas.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 74. No orixinal: Rueguas. Xaquín Lorenzo di que a forma oficial é Venceás, aínda que os veciños digan Véncias, pero no Nomenclátor atopamos Venceáns (San Tomé), parroquia de Entrimo. Na parroquia só hai os tres lugares ós que fai mención a cantiga: Queguas, Vilar e Venceáns.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 189. No texto: c-unha, c-un.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 120. No orixinal: de un.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 148. No orixinal: virades, vin, fuxirades.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 162. No orixinal: velo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- Gran Enciclopedia Galega.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
- RUBINOS CONDE, Miguel: "Da roda para a piola: refráns e frases do sur de Galicia", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 487-502.