Alberto Oliart
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 29 de xullo de 1928 Mérida, España |
Morte | 13 de febreiro de 2021 (92 anos) Madrid, España |
Causa da morte | SARS-CoV-2 |
3º Ministro de Defensa de España | |
26 de febreiro de 1981 – 3 de decembro de 1982 ← Agustín Rodríguez Sahagún – Narcís Serra → | |
Deputado no Congreso dos Deputados | |
13 de marzo de 1979 – 31 de agosto de 1982 Lexislatura: I lexislatura de España Circunscrición electoral: Badaxoz Electo en: Eleccións Xerais 1979 en España | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Barcelona |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | político, escritor, xurista |
Partido político | Unión de Centro Democrático |
Premios | |
Alberto Carlos Oliart Saussol, nado en Mérida o 29 de xullo de 1928[1][2] e finado en Madrid o 13 de febreiro de 2021, foi un xurista e político español. Foi ministro do Goberno de España en diversas ocasións durante a transición e presidiu a Corporación de Radio e Televisión Española entre 2009 e 2011.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O seu pai era Antonio Oliart Ruiz, un conservador adiñeirado que fuxira de Barcelona por mor da represión que se desencadeou contra os dereitistas tralo fracaso do golpe de estado de xullo de 1936 na capital catalá. Refuxiouse primeiro en Mérida, que había pouco tempo que fora tomada polas tropas franquistas. Alí o comandante da Garda Civil, Manuel Gómez Cantos, estivo a piques de arrestalo porque estaba convencido de que era un espía catalán. Antonio Oliart conseguiu escapar de novo e recalou finalmente en Burgos, a capital da España sublevada.[3]
Licenciado en Dereito pola Universidade de Barcelona en 1950 e tres anos despois ingresou por oposición no Corpo de Avogados do Estado.[4] Comezou a súa carreira profesional na delegación de Facenda en Cidade Real. En 1958, comezou a traballar na Dirección Xeral do Contencioso como Avogado do Estado, para ser nomeado en 1963 xefe do Gabinete Técnico da Subsecretaría de Facenda. En 1965 abandona a Administración Xeral do Estado pero non o servizo público: é nomeado Director Administrativo e Financeiro da RENFE, empresa pública da que é nomeado secretario xeral en 1967. En 1968 retoma as súas funcións como Avogado do Estado, esta vez no Tribunal Supremo de España. En 1973, deixa a Administración para traballar no sector privado, ao ser nomeado conselleiro director xeral do Banco Hispano Americano e conselleiro do Banco Urquijo. Nesta etapa profesional (1968-1969) foi tamén conselleiro das empresas Explosivos Río Tinto, Río Tinto Mineira, Cros, Barral Editores, Siemens España, Metro de Madrid e Tabacos de Filipinas.[5]
Traxectoria política
[editar | editar a fonte]Tralas eleccións de 1977, o presidente do Goberno Adolfo Suárez noméao ministro de Industria e Enerxía, cargo no que permanecerá só uns meses, até febreiro de 1978. Posteriormente, en setembro de 1980, encargarase do Ministerio de Sanidade. No intervalo, en 1979, participou na elaboración do Estatuto de Guernica para o País Vasco e, nas eleccións xerais de 1979, foi elixido deputado pola circunscrición de Badaxoz. En decembro de 1980 afiliouse á Unión de Centro Democrático (UCD). En 1981 foi nomeado ministro de Defensa por Leopoldo Calvo-Sotelo no seu primeiro goberno, nun momento tan delicado como aquel, despois do golpe de estado do 23 de febreiro.[6] Continuou no cargo até a formación do primeiro goberno de Felipe González trala vitoria do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) en outubro de 1982. Durante o seu mandato produciuse o ingreso de España na OTAN.
Tras deixar a política activa, volveu á súa actividade como avogado e emprendeu un negocio de cría de gando meiriño puro na súa propiedade Los Rafaeles, en Badaxoz, onde invistiu os 60 millóns que lle tocara na lotaría[4] comprando unha parte da leira que pertencía a seu tío. Tamén cría porco ibérico e vacas brancas cacereñas.[7]
Entre 1995 e 2004 estivo asociado ao avogado madrileño José Manuel Romeu Moreno.
Afeccionado á escritura, en 1997 obtivo o X Premio Comillas de Biografía, Autobiografía e Memorias por «Contra el olvido», un libro autobiográfico, no que rememora feitos que marcaron a súa vida desde a infancia até a idade adulta.[8]
O 28 de xullo de 1998 recibiu a Medalla de Estremadura.[4] En 2008 foi membro do grupo de expertos que redactou unha proposta de reforma do Estatuto de Autonomía de Estremadura.[4]
O día 11 de novembro de 2009 coñeceuse o acordo de PSOE e Partido Popular (PP) para que sucedese a Luís Fernández como presidente da Corporación de RTVE, sendo nomeado 13 días despois.[9][4] Durante o seu mandato, TVE deixou de emitir publicidade e consolidouse como líder de audiencia, a pesar das críticas de manipulación dos informativos por parte do PP.[10] Ocupou o cargo até 2011, presentando a súa dimisión o 6 de xullo dese ano por motivos persoais.
Escribiu artigos de opinión en xornais e revistas diversas.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Carmen de Torres Flores, con quen tivo 6 fillos, dos cales 2 deles morreron en senllos accidentes de tráfico.[4][11] Nos anos noventa, a súa filla Isabel tivo unha relación sentimental co cantautor Joaquín Sabina, co cal tivo dúas fillas, Carmela Juliana e Rocío.[12]
Faleceu na cidade de Madrid o 13 de febreiro de 2021, aos 92 anos de idade, afectado pola COVID-19[2][13]
Obra
[editar | editar a fonte]- 1998, Contra el olvido. Barcelona: Tusquets, ISBN 978-84-8310-057-8
- 2019, Los años que todo lo cambiaron: memoria política de la Transición. Barcelona: Tusquets ISBN 9788490667576
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Axencias (13 de febreiro de 2021). "Muere el exministro de Defensa Alberto Oliart". laregion.es (en castelán). Consultado o 13 de febreiro de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 Redacción. "Fallece el exministro de Defensa Alberto Oliart". efe.com (en castelán). Consultado o 13 de febreiro de 2021.
- ↑ Preston (2011), p. 423
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Gómez, Rosario G. (11 de novembro de 2009). "Alberto Oliart, nuevo presidente de RTVE". elpais.com (en castelán). Consultado o 13 de febreiro de 2021.
- ↑ Oliart (2019)
- ↑ Redacción (13 de febreiro de 2021). "Fallece el exministro de Defensa Alberto Oliart a los 92 años". elconfidencial.com (en castelán). Consultado o 13 de febreiro de 2021.
- ↑ Alonso de la Torre, J.R. (18 de novembro de 2019). "El cortijo de Alberto Oliart". hoy.es (en castelán). Consultado o 13 de febreiro de 2021.
- ↑ "Contra el olvido". planetadelibros.com (en castelán). Consultado o 13 de febreiro de 2021.
- ↑ "Acuerdo de 24 de noviembre de 2009, del Pleno del Congreso de los Diputados, por el que se designa Presidente de la Corporación RTVE a don Alberto Oliart Saussol" (PDF). boe.es (en castelán). 26 de novembro de 2009. Consultado o 13 de febreiro de 2021.
- ↑ Público, ed. (7 de julio de 2011). "El presidente que lideró una TVE sin publicidad". Arquivado dende o orixinal o 10 de julio de 2011. Consultado o 7 de julio de 2011.
- ↑ Clemente Simón, Jeremías (8 de novembro de 1982). "Fallece en accidente de carretera un hijo de Oliart". elpais.com (en castelán). Consultado o 13 de febreiro de 2021.
- ↑ Álvarez, Lorena (13 de febreiro de 2020). "Sabina, las cinco mujeres (que se sepa) a las que enamoró y su fidelidad por Jimena durante 20 años". elespanol.com (en castelán). Consultado o 13 de febreiro de 2021.
- ↑ "Fallece por la covid el exministro de Defensa Alberto Oliart". lavanguardia.com (en castelán). 13 de febrero de 2021. Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2021. Consultado o 13 de febrero de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Preston, Paul (2011). El holocausto español. Odio y exterminio en la Guerra Civil y después (en castelán). Barcelona: Debate. ISBN 978-84-8306-852-6.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha no Ministerio de Defensa (en castelán).
- Ficha no Congreso dos Deputados (en castelán).
- Entrevista no xornal El País, na conmemoración do fracaso do intento de golpe de estado do 23 de febreiro de 1981.
Predecesor: Carlos Pérez-Bricio |
Ministro de Industria e Enerxía de España 1977-1978 |
Sucesor: Agustín Rodríguez Sahagún |
Predecesor: Juan Rovira Tarazona |
Ministro de Sanidad e Seguridade Social de España 1980-1981 |
Sucesor: Jesús Sancho Rof |
Predecesor: Agustín Rodríguez Sahagún |
Ministro de Defensa de España 1981-1982 |
Sucesor: Narcís Serra |
Predecesor: Luis Fernández |
Presidente de RTVE 2009-2011 |
Sucesor: Leopoldo González-Echenique |