Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Argumento ad hóminem

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os argumentos positivos sobre a persoa describense en recurso á autoridade.

Un argumento ad hóminem ou argumentum ad hominem (en latín, ‘dirixido á persoa’), é unha falacia lóxica que implica responder a un argumento ou a unha afirmación referíndose á persoa que o formula, no lugar do argumento por si mesmo. Un argumento ad hóminem (e por tanto, falaz) ten esta estrutura:

  1. A afirma B;
  2. Hai algo cuestionable no suxeito A,
  3. Polo tanto, B é falso.

O argumento ad hóminem é unha das falacias lóxicas máis coñecidas. Tanto a falacia en si mesma como a acusación de servirse dela utilízanse como recursos en discursos reais. Como unha técnica retórica, é poderosa e úsase a miúdo —a pesar da súa falta de sutileza— para convencer a aqueles que se moven máis por sentimentos e por costumes acomodaticios que por razóns lóxicas.

Unha falacia ad hóminem consiste en afirmar que un argumento de alguén é erróneo por algo referente á persoa, non por problemas no argumento en si. O simple feito de insultar a unha persoa dentro dun discurso — doutro modo racional— non constitúe necesariamente unha falacia ad hominem. Debe quedar claro que o propósito do ataque é desacreditar á persoa que está ofrecendo o argumento e, especificamente, convidar aos demais a non tomaren o que afirma en consideración.

Non todos os argumentos ad hóminem son negativos. É posible argumentar que algo é certo por quen é que o afirma (argumento de autoridade).

O argumento ad hóminem é falaz cando se aplica á dedución, e non á evidencia (ou premisa) dun razoamento aínda que se pode aplicar tanto á dedución como á evidencia por medio da persuasión.

Pode dubidarse dunha proba ou rexeitala dependendo da súa orixe por razóns de credibilidade, pero dubidar ou rexeitar unha dedución baseándose na súa fonte é a falacia ad hóminem.

As premisas que desacrediten a unha persoa poden existir en razoamentos válidos, cando a persoa criticada é a única fonte dunha proba usada nun dos seus argumentos.

Identifícanse tres variedades tradicionais da falacia ad hóminem: ad hóminem abusivo, ad hóminem circunstancial e tu quoque.

Ad hóminem abusivo

[editar | editar a fonte]

O ad hóminem abusivo (tamén chamado argumentum ad personam) frecuentemente consiste nun simple (e normalmente inmerecido) insulto ao opoñente, pero tamén pode implicar a mención de erros de carácter ou accións discutibles. A razón pola que é falaz é porque, normalmente, os insultos e mesmo os defectos do opoñente non afectan á veracidade ou ao soporte lóxico das afirmacións do opoñente.

"Vostede non pode afirmar que a miña acción sexa inmoral porque estivo no cárcere".

O feito de que alguén estivese na cadea non converte en morais as accións do seu interlocutor nin lle impide denuncialas, e ambos feitos carecen de relación entre si.

"Xoán di que Miguel é un estafador".
"Xoán? Olla, ese é mellor que cale, que eu teñoo visto tralas raparigas do instituto".

O feito de que Xoán se sinta atraído polas rapazas non invalida o seu argumento de que Miguel fose un estafador, e ambos os dous feitos carecen de relación ningunha entre si.

Ad hóminem circunstancial

[editar | editar a fonte]

O ad hóminem circunstancial implica mencionar que alguén se atope nunha circunstancia na que está predisposta a tomar unha determinada posición. Esencialmente consiste en atacar a neutralidade do interlocutor. A razón pola que é falaz é porque as predisposicións do opoñente non afectan á veracidade dos seus argumentos desde un punto de vista lóxico.

"As compañías de tabaco engánanse cando din que fumar non afecta seriamente á túa saúde, porque só están defendendo os seus negocios multimillonarios."

O feito de que estean defendendo os seus negocios non invalida automaticamente as súas afirmacións, cuxa falsedade debe ser demostrada mediante probas científicas.

"Pedro di que as condicións de traballo son perigosas? Que vai dicir ese, se é un comunista!"

O feito de que Pedro sexa comunista non invalida o seu argumento de que un determinado traballo sexa, en efecto, perigoso.

É importante distinguirmos entre un razoamento racional e un correcto segundo a lóxica. Estes razoamentos non son correctos se se olla estritamente a súa lóxica.

Tu quoque

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: tu quoque.

Tu quoque (literalmente, "ti tamén") pode denominarse tamén como o "argumento da hipocrisía". Prodúcese cando unha afirmación se descarta ou ben porque é inconsistente con outras afirmacións que fixo o interlocutor ou ben porque é insconsistente coas súas accións.

"Disque os avións voan por leis físicas, pero non é certo, porque antes dicías que o facían mediante a maxia."

O feito de que antes fose dito que os avións voaban por medio da maxia non nega a situación da nova afirmación na que se argumenta que voan por leis físicas.

"E disme ti que beber é malo? Se son as oito da mañá e xa estás bébedo!"

O feito de que alguén estea bébedo ou sexa un alcohólico non invalida, desde un punto de vista estritamente lóxico, o argumento de que beber alcohol en exceso é malo para a saúde.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]