Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Bardo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Entre os antigos celtas, un bardo (do celta *bardos, do PIE *gwerH2 e a través do latín bardus "erguer a voz, louvar") era unha especie de poeta oficial cuxa misión era celebrar os grandes feitos nacionais, especialmente as accións heroicas e as vitorias.

Os bardos da Galia (bardos), Bretaña (barz ou barth) e a Gran Bretaña (bard) constituían unha clase social con privilexios especiais. Continuou a existir en Irlanda (bard) e Escocia, onde na época medieval eran músicos itinerantes, empregados ás veces por un señor para o que compuñan euloxios (ou sátiras, chegado o caso). Hoxe só se pode falar de bardos propiamente en Gales, onde reviviron por mor de xogos florais, coñecidos como Eisteddfodau, que se recuperaron a partir de 1822. No Gales moderno, un bardd é un poeta que participou nunha Eisteddfod.

Os bardos foron idealizados durante o Romanticismo por autores como Walter Scott e polos celtistas. O termo acabou significando "poeta lírico" e aplicóuselle tanto a William Shakespeare como a Eduardo Pondal. Durante o século XX o termo perdeu esa connotación celtista e acabou designando a calquera poeta.